Listado de la etiqueta: dona_carme

Onte 635: Con «Dona Carme» no Colexio Pombal

Doña Carme contada por infantil from inesanchez on Vimeo.

Ás nove da mañán fun contar Dona Carme ao alumnado de tres anos do Colexio Pombal do Calvario. Como acontece decote a experiencia foime gratificante, mais tamén saudosa. É unha marabilla comprobar que tras máis de vinte anos, Dona Carme continúa engaiolando aos picariños e picariñas pola eficacia do seu mecanismo acumulativo (roubado á tradición oral popular), que permite a conquista da súa memorización e promove a súa participación interpretando as voces de cada un dos animais. Nestas sesións con Dona Carme sempre atopo sorpresas. No Pombal descubríronme as posibilidades de aproveitamento matemático do texto, tanto para a aprendizaxe da numeración coma para sumar e restar. Quedei abraiado da facilidade coa que utilizaban este procedemento. Despois da proxección da peza que prepararon, a narración de Xoán e Hugo, despois de contarmos e cantarmos ben contados e cantados, asinei varias ducias de exemplares. Fíxeno coa atención e agarimo que merecía semellante oportunidade. Non podo evitar a emoción ao lembrala e agora ao escribilo. Para as crianzas do Pombal foi o seu primeiro libro, o seu primeiro tesouro atopado. Saín para a oficina máis feliz ca un cuco.

«Dona Carme», novas versións

Procuraba unha versión na rede de Dona Carme para utilizar como apoio visual hoxe na Casa da Lectura, cando atopei estas dúas, a que ilustrou Carreiro en 1990, e a segunda, versionada e protagonizada polos nenos e nenas do Primeiro Ciclo do E.P. CEIP de Valeixe, cun inicio novo, novas personaxes e novo final. Obrigado quedo polo traballo, é unha versión moi boa e unha presentación moi bonita.

Moi orixinal son, tamén, estas dúas versións preparadas no Colexio Público de Palmeira, en galego e en inglés, unha lingua da que non coñecía existese versión. O traballo de Palmeira forma parte dunha serie formidable «Rato Paco», para traballar na uala diversas competencias a partir de textos populares e clásicos. Quedo abraiado coa calidade destes materiais de animación lectora en galego. Grazas a todos os mediadores que reparan en libriño tan modesto que, despois de vinte anos, continúa gustando.

Recomendo ver as versións en pantalla grande.

Con «Dona Carme« e «Brancos e negros» na Casa da Lectura

Mañá á tarde irei contar á Casa da Lectura. É un privilexio que me produce ledicia e, ao tempo, un atrevemento xa que, nestes anos, non hai dúbida ningunha que adestrei pouco. Sei que compartir as palabras e os silencios cos lectores primeiros é unha experiencia irrepetible. Nestas sesións cos picariños o único que me preocupa é non lembrar as cantareas e os recitados, para eles resulta aínda máis decpecionante que para o propio contador que as palabras non flúan coma se tivesen vida propia. En todo caso non sei como  hei agradecer esta oportunidade aos meus admirados amigos e amigas de Espazo Lectura.

«Dona Carme» continúa gustando

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/Xx0hZLBTGR0" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Grazas, moitas grazas, a todos os lectores e lectoras do CEIP de Lamas de Abade!

Dona Carme fai agora vinte anos. Comprobo que continúa gustando aos picariños e picariñas de hoxe e algunhas profesoras lle atopan utilidade didáctica. Que máis se lle pode pedir a este libro publicado cando non había nada, ou case nada, para os primeiros lectores?

Non sabedes que satisfacción me produce saber que Dona Carme continúe viva.