Onte 2128. «Cocotibur», recreación do mito da Coca de Rafael Fernández Lorenzo
Gratísima sorpresa que Rafael Fernández Lorenzo volva publicar na colección Merlín onde hai dúas décadas o fixera con As flores do meu amigo (Xerais 2000), novela de fondo histórico na que recreaba o mundo de trobadores e xograres. Faino con Cocotibur (Xerais 2021), novela na que reinterpreta con grande acerto o mito da Coca de Redondela, criatura fantástica de corazón duro coma unha rocha ca ninguén puido derrotar, o único animal que non sabe o que é o medo, tarasca monstruosa con cabeza de dragón, cola de serpe e catro patas con gadoupas, chegada polo mar capaz de devorar a sete mozas da vila. Adoptando a estrutura do conto marabilloso, Rafael Lorenzo recrea o mito da tarasca na ría de Vigo nun tempo histórico impreciso, seguindo o fío da desaparición inicial de tres rapazas que semella foran engulidas polo mar, feito que mobiliza á comunidade mariñeira toda a desfacer o meigallo de semellante encantamento.
Lorenzo ofrece unha narración engaiolante, ilustrada con sobriedade por Esteban Souto, onde flúen con naturalidade todos os episodios do mito choqueiro por excelencia, dende as espadas dos setes metais coñecidos ao carballo das cen pólas de Reboreda, cerca onde se baña a serea, sen esquecer o territorio máxico da illa de San Simón no illó da ría á orixe do baile de penlas e burras e danza de espadas o día de Corpus. Unha óptima mestura de mitos e costumes que fan desta novela de Rafael Lorenzo un referente na nosa narración do marabilloso. Mención merece a coidada lingua literaria de todo o texto, con enfase na fraseoloxía mariñeira da ría, onde Lorenzo homenaxea ao mestre Bernardino Graña, e na recuperación do cancionaieor popular. Recomendo vivamente Cocotibur. Parabéns moitos ao autor.