Listado de la etiqueta: congo

Trump e o día escolar pola paz

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao día escolar pola paz e a actual situación crítica do planeta:

O 30 de xaneiro conmemórase «o día escolar da non violencia e a paz». Iniciada en 1983 no Colexio García Barbón de Vigo polo pedagogo Xesús R. Jares, como «día escolar pola paz mundial e o desarme», foi incorporada despois ás conmemoracións da Consellaría de Educación. Tras a caída do muro e o devalo da carreira armamentista nuclear de dous bloques, o día escolar da paz serviu para que nas aulas se reflexionase sobre o absurdo, cruel e inhumano carácter das guerras, que nunca cesaron en diversos lugares do mundo, como forma de dirimir os conflitos entre países e comunidades, reclamándose como mellor alternativa o respecto ao dereito internacional, aos Dereitos Humanos e á autoridade das Nacións Unidas. Reflexión que ao fío do recoñecemento da educación pola paz como contido transversal dos currículos da LOXSE se estendeu a reflexionar sobre a propia convivencia dentro das aulas, onde non teñen cabida ningún tipo de discriminación e violencia, sendo o diálogo, a mediación, a cooperación e o respecto entre iguais a forma de resolver os conflitos escolares de xeito pacífico.

Catro décadas despois daqueles primeiros días pola paz e o desarme, nos que os e as estudantes vigueses saían a rúa do Príncipe coas súas cartelas a reclamar a paz mundial, a efeméride do vindeiro 30 de xaneiro coincide cun momento convulso e crítico no que a presidencia dos Estados Unidos, no marco da súa nova estratexia de seguridade nacional, cuestiona a arquitectura multilateral mundial, forxada tras a Guerra Mundial, ignorando o dereito internacional e os valores da cultura de paz acuñados polas Nacións Unidas no documento dos Dereitos Humanos. Disrupción recoñecible na decisión da administración Trump de retirar os Estados Unidos de 66 organizacións, convencións e tratados das Nacións Unidas, expresando así o seu olímpico desprezo do dereito internacional e dos compromisos globais asumidos no relativo a desenvolvemento sostible, crise climática, igualdade de xénero e fin da violencia contra as mulleres e nenas de todo o mundo. Retirada que coincide cun importante incremento do orzamento militar estadounidense até acadar os 1,5 billóns de dólares e cunha contrarreforma ambiental que pretende restaurar o seu dominio enerxético baseado no consumo de petróleo, carbón, gas e enerxía nuclear, paralizando os proxectos de eólica mariña e do coche eléctrico, liderados por China, hoxe o primeiro electro-estado do mundo, potencia en enerxías verdes, dependendo menos dos hidrocarburos.

Coincide este 30 de xaneiro cun mundo no que baixo a chamada «paz de Trump» continúa abertas as guerras: a de Ucraína, que xa tras a invasión rusa se alonga catro anos; as de Oriente Medio, Siria, Somalia, Iemén; as africanas ocultas, como a de Sudán ou a guerra entre a República Democrática do Congo e o grupo armado M 23, apoiado por Ruanda, que provoca o desprazamento de sete millóns de persoas. En Gaza continúa o xenocidio da poboación palestina, máis de setenta e un mil mortos, aos que dende o alto o fogo do 10 de outubro hai que engadir outros catrocentos e milleiros de feridos. E se xa non abondase, débese ao activismo expansionista de Trump novos conflitos: o provocado polo derrocamento ilegal de Maduro en Venezuela, as pretensións doutro cambio de réxime en Cuba e as ameazas de bombardeos a México, Colombia e Irán. Sen descartar, dentro da súa estratexia expansionista, a posibilidade dunha invasión de Groenlandia, un ataque unilateral a un membro que supoñería de facto a morte da Alianza Atlántica e a necesidade de redefinir os compromisos da actual Unión Europea, desintegración soñada polos partidos fascistas europeos.

Con semellante convulsión, propia dun cambio de era, nin sequera é descartable unha deriva autocrática coa que Donald Trump, que confesou a The New York Times que na súa actuación non se sinte condicionado máis ca por «a súa propia moral», pretendese cancelar a democracia nos Estados Unidos, o que agoiraría un inevitable conflito civil catastrófico no seu propio país. Con semellantes retrocesos e incertezas, neste 30 de xaneiro de 2026 non é doado recuperar o entusiasmo do discurso do multilateralismo, de loita mundial contra o cambio climático e da promoción dos valores da cultura de paz, cerna dos Dereitos Humanos e da complexa arquitectura do dereito internacional desenvolto nas últimos setenta anos, superando numerosas dificultades e asumindo inestables compromisos de mediación. Secasí como sucedeu hai corenta anos, cando comezamos a conmemorar o pasamento de Gandhi, o día escolar pola paz é unha oportunidade para lembrar nas aulas algunha das súas sentenzas máis útiles: «non hai camiño para a paz, a paz é o camiño»; e aqueloutra hoxe luminosa: «a paz non é ausencia de conflito, senón a capacidade para enfrontalo».