Listado de la etiqueta: cinegalicia

Chano Piñeiro e Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Chano Piñeiro:

O venres pasado no Club Faro de Vigo participamos nunha homenaxe a Chano Piñeiro e reivindicamos que se lle dedicase o 17 de maio de 2020, con motivo dos vinte e cinco anos do seu pasamento. As intervencións das súas amizades, a farmacéutica Carmen Grandal, a actriz Uxía Blanco, protagonista de Sempre Xonxa (1989) e concelleira de Normalización Lingüística, e do seu veciño o escritor Francisco Rozados «Rochi», autor da biografía Chano Piñeiro (Fervenza 2003) fixeron o retrato deste pioneiro da industria audiovisual en Galicia, dun ser humano sensible e comprometido coa causa da igualdade que ao longo de dúas décadas intensas procurou teimosamente a luz dun soño: o de facer cine en Galicia e facelo en galego. Cadora, foi importante que abrise o acto o alcalde Abel Caballero solicitando a RAG este Día das Letras Galegas para Chano Piñeiro e para o audiovisual en galego, recoñecendo así o labor dun vigués que perseguiu o soño posible de facer cine na nosa lingua.

Como foi oportuno lembrar as relacións de Chano con Vigo, ao que chegou en 1979 coa súa compañeira sempre cómplice María Luz Montes Quireza para montar a botica e rebotica da rúa Torrecedeira, cidade da que ambos os dous axiña namoraron e fixeron partícipe dos seus proxectos. Secasí, foi en Vigo, co apoio da primeira corporación do alcalde Manuel Soto, onde foi presentada o 12 de marzo de 1982  Eu, o Tolo, unha longametraxe de temática surrealista (110’) filmada en Super 8 en 1978. Foi tamén en Vigo onde Chano e Mariluz fundaron a súa produtora Piñeiro S.A., despois Bubela S.L., e onde estrearon Mamasunción (1984), a mediametraxe (21’) en 35 mm, no centro Cultural da Caixa de Aforros de Vigo, dentro do ciclo «Identidades», no que se proxectaron outras curtas galegas, como O segredo de Daniel Domínguez e a Uxía Blanco. Sería, non o esquezamos, «Mamasunción», onde retrataba «unha avoa de todos nós», unha película decisiva e emblemática na traxectoria de Chano, mais tamén para a lingua galega, que se deu a coñecer nos festivais cinematográficos de boa parte do mundo, abrindo unha xanela, até entón inédita, para a nosa cultura.

Foi en Vigo, onde recibiu en 1985 o Premio da Crítica de Galicia, na modalidade de Ciencias e Artes da Representación, por Mamasunción, o primeiro recoñecemento para un realizador. Como foi en Vigo onde filmou Esperanza (1986), película sobre o alcoholismo producida polo Concello de Vigo, e onde localizou o plató de Sempre Sonxa e onde foi estreada o 25 de novembro de 1989 no cine Fraga, dentro do programa do festival «Cinegalicia», organizado polo concello de Vigo e a Xunta de Galicia. Un festival moi prometedor, no que se estrearon ademais outras dúas longas, Urxa de Carlos López Piñeiro e Continental de Xavier Villaverde, que magoadamente non tería continuidade cos gobernos de Manuel Fraga.

Como non podemos esquecer que no mes de xullo de 1994 Chano Piñeiro artellou e dirixiu un festival de cine no auditorio ao aire libre de Castrelos, que obtivo un éxito sen precedentes. Un gran espectáculo audiovisual para o que sabemos é o mellor anfiteatro popular posible no que Chano pretendía recuperar toda a maxia do cine en estado puro para grandes públicos. Emociona lembrar que antes da proxección de filmes clásicos como Cidadán Kane, ET, Memorias de África, El último emperador, Bailando con lobos, Cabaret, El bosque animado, Los santos inocentes ou a propia Mamasunción, presentaban as películas escritores como Carlos Casares, Víctor Freixanes ou Antón Reixa, ou que nun descanso recitaban poetas como Xela Arias ou María do Carmen Krukemberg. Unha marabilla que unía as duas paixóns creativas de Chano, o cine e a literatura, inicio do que el soñaba que fose o gran festival de cine que Vigo precisaba. Unha iniciativa que podería recuperarse actualizada e que probablemente concitaría o interese da mocidade viguesa actual. Aí queda a proposta.

Agarimo pola nosa cidade da oliveira que expresou nos artigos publicados en Faro de Vigo durante os anos 1992 e 1993, na sección Conversas co vento, recollidos nun libro homónimo, publicado por ABA edicións (1994), prologado por Ánxel Vence e ilustrado por Fernando Quesada. Un traballo literario moi valioso,  inserido na tradición que Cunqueiro acuñara no decano, na súa sección «El envés», no que expresou o seu amor a Vigo en pezas memorables como «Morte na rúa da Paz», no que con finísima ironía lamentaba a tala das súas vellas árbores, «un sangue que tiña forma de serrín».

A proposta de homenaxear a Chano Piñeiro coa celebración do Día das Letras Galegas non é tolería ninguna. Sería unha audacia da RAG que lle facilitaría conectar coas novas xeracións que probablemente descoñen a proeza deste caladiño cazador de nubes que foi Chano Piñeiro.