Artigos

«II Mostra de Ciencia e Cinema», balance

Tras dous días intensos na Coruña participando das actividades da Mostra de Ciencia e Cinema é o momento de facer algúns comentarios sobre tan magnífica experiencia. Unha mostra modélica, tanto na confección dun interesantísimo programa (unha das tantas responsabilidades dese grande home orquestra chamado Martin Pawley que non parou un minuto durante toda a semana) como no seu funcionamento, a pesar do escaso apoio que percibín recibían as tres persoas que se ocupaban da organización.

O programa da mostra foi de grande calidade e diversidade, tanto  das vinte e unha películas participantes na sección oficial e na LAB como das proxectadas fóra de competición (magnífica foi a que puiden asistir o xoves á noite, de Nanook o esquimó, relatada por Belén Regueira sobre un fondo de música electrónica de Roberto Mallo e Miguel Prado)  Outrosí debe dicirse das actividades non estritamente cinematográficas e científicas da mostra, dende o recital dos poetas coruñeses ao concerto de Fran Gayo, que convirte a esta mostra en moito máis ca un festival de cinema especializado. Se a isto engadimos a presenza na Coruña de figuras mundiais como Bárbara Hammer, a grande estrela desta edición, non podemos comprender que a repercusión nos medios (mesmo nos medios locais) da mostra non estivera á altura da súa importancia.

Vivín a experiencia do xurado con moita intensidade. As catro persoas que finalmente deliberamos fomos incapaces de chegar a outro acordo que non fose propoñerlle aos organizadores dividir o premio entre a sueca Ljusår de Mikael Kristersson e a estadounidense Naturally Obsessed de Richard e Carole Rifkind. Algo que nunca me sucedera en ningún dos xurados nos que teño participado. Moitos menos problemas tivemos e declarar  por unanimidade gañadora da sección LAB ao filme A horse is not a metaphor de Barbara Hammer. En todo caso, as tres obras gañadoras son boas. A primeira que os membros do xurado chamabamos «a do xardín», expresa en imaxes de beleza desbordada (mágoa que non hax nin sequera un trailer en internet) toda a potencia que agocha o ciclo anual da vida no espazo humilde do xardín e dunha horta dunha vivenda das aforas dunha cidade; un mostra de clasicismo naturalista, onde apenas aparece algunha palabra ciscada e o son é exclusivamente o dos seres que alí viven.  A segunda, que nos identificabamos como «a dos tres rapaces», é un documental protagonizado por tres científicos en formación que traballan nun laboratorio de Berkeley; as súas dificultades, os seus fracasos, os seus ires e vires, os seus momentos de estancamento ou de «eureca» conforman un retrato moi acaído do actual científico en formación. Por último, a película de Bárbara Hammer, expresa que na fortaleza e beleza do cabalo  (a grande paixón da directora e protagonista dun film moi duro) podemos atopar a expresión da fortaleza da vida e da súa esperanza.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/I7zIRl0quLw" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Ademais coñecer ao xove director Oliver Laxe e ao neurocientífico Luis Martínez (un deses galegos xeniais que anda polo mundo) foi outro deses agasallos sorpresa aos que nos ten tan afeito Martin Pawley. As conversas con eles tres  sobre arte e percepción foron para non esquecer. Canto se aprende de xente coma eles! Agardemos que mostra tan interesante coma a que organiza Martín Pawley poida consolidarse. Pola súa calidade ben merecería ser apoiada polas institucións e polos medios co maior interese.

Mostra de «Ciencia e Cinema» na Coruña

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/rHkD7tQe-OE" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Quizais fun un chisco imprudente e accedín a participar como xurado da II Mostra de Ciencia e Cinema que se celebra ao longo de toda esta semana na Coruña. A experiencia está sendo moi boa, xa que estou descubrindo algunhas pezas moi interesantes e enfrontándome a temas e reflexións que doutro xeito nunca abordaría. Aínda que teño por ver catro longametraxes, non dubido en recomendar non perder as proxeccións dos filmes que até agora máis me interesaron como A casa dos mortos (proxéctase mércores e venres); Ljusar (xoves e venres na Luís Seoane); Addited to Plastic (xoves e vnres na Domus); Manual de uso para una nave especial (mércores na Domus) ou A Horse is not a metaphor (xoves na Seoane e venres na Domus). A sección oficial da mostra ten unha calidade media excelente.