Artigos

Campo do Fragoso CLX

celta-plantaSAÍR DO ATOLEIRO

Tras 726 minutos, o Celta saíu do atoleiro onde quedara confundido tras o histórico gol de Larrivey no Camp Nou. Traballando a pano, cunha intensidade xenerosa, o equipo de Berizzo por fin saíu a flote, recuperando anotación na táboa clasificatoria e, o que é máis importante, afastando as meigas que comezaban a axexar entre o neboeiro dunha serie de resultados nefasta e inquedante, seis derrotas consecutivas e dous meses sen puntuar nin marcar.

Mais saír deste trance tan complicado non resultou doado. Durante o encontro co Valencia a afección celeste estivo sometida a unha auténtica vertixe emocional. Outra experiencia de celtismo en estado puro. No recibimento ao cadro de xogadores inxectou doses de orgullo. Na media hora inicial gozou do optimismo do dominio no xogo. Chimpou de ledicia cando o árbitro sinalou o punto de penalti e pouco despois enmudeceu cando errou Orellana. Cadora, calou cando Rodrigo marcou. Xaora, recuperou a euforia tras o descanso coa incorporación de Nolito e co gol estoupou tanta adrenalina contida. No treito final, entre o medo a perder o recuperado con tanto esforzo e a clara posibilidade de acadar o triunfo soñado, os corazóns dos seareiros e seareiras sempre tan prudentes non tiñan acougo.

Acertou Berizzo dispoñendo unha defensa de tres centrais, á que se incorporaba Radoja, un xogador esencial para proporcionar unha saída de balón máis fluída e ordenada. Con este novidoso esquema de cobertura e co traballo incansable de Augusto e Krohn-Dehli no centro e Mallo e Jonny nas bandas, o Celta dominou a un Valencia decepcionante que apenas gozou de dúas oportunidades para poñer a proba a Sergio. Na primeira, o porteiro de Arbo salvou in extremis, cunha gran estricada, unha perigosa cabezada de Paco Alcácer. Na segunda, a do gol valencianista, pola contra, estivo moi pouco afortunado, para chapar un esquerdazo de Rodrigo, o que fora canteirán da factoría Ureca, que antes debuxara unha fermosa diagonal aproveitando unha pelota de Fontás, noutro deses erros de saída de pelota que semellan evitables.

Mais con anterioridade, os célticos ben puideron marcar en dúas oportunidades nas que Alves, o gran porteiro brasileiro, gañoulle a partida a Orellana. A primeira, apenas transcorridos oito minutos, tras unha parede de Charles, que facilitou ao noso extremo superioridade para xutar dende a dereita. A segunda no lanzamento da pena máxima, moi ben forzada entre Mallo e Charles, que o chileno lanzou a media altura sobre a esquerda onde xa agardaba o parapenaltis fluminense. Transcorría o minuto 29 e, como xa sucedera cando Nolito errou outra diante do Almería, foi inevitable dende a bancada verlle o cú á carriza.

Porén, na segunda parte, o Celta tirou das súas reservas de orgullo e saíu decidido a abandonar o foxo. Desta volta foi o propio Orellana o que emendou o seu erro anterior e marcou cun gran remate no que dende preto da área pequena aproveitou un saque de recanto moi ben peiteado no primeiro pao por Radoja. Tras gol tan terapéutico, que pechaba feridas e malfados de invernía, o Celta mereceu polo menos outro tanto, que estivo no minuto final nas biqueiras de Charles tras outra das combinacións de banda a banda de Nolito e Orellana.

No derradeiro e moi emocionante treito do partido, a pesar do malladiños que estaban algúns xogadores, Berizzo renunciou a realizar un terceiro troco. Quedaremos sempre coa dúbida se a incorporación de Álex López ou de Santi Mina non tería achegado ese alento que faltou para conseguir unha vitoria máis que merecida. En todo caso, o empate abondou para recuperar o vieiro positivo e a ilusión na que o Celta se instalara durante os dous primeiros meses da competición.

Campo do Fragoso CLIII

celtacronica

PECHE MEMORABLE

Nun serán de festa e exaltación celtista, o equipo de Luis Enrique pechou a tempada en Balaídos de forma memorable. Noqueou ao contraataque e con aparente facilidade a un Madrid asequible, eivado sen a súa temible tripla dianteira. Os dous golazos de Charles puxeron en evidencia as fraquezas defensivas do equipo de Carlo Ancelotti, un adestrador que non se pode sentir moi cómodo no banco de Balaídos lembrando como en marzo de 2000 recibiu catro goles coa Juventus en oitavos da UEFA e onde só puido empatar co Milán, abrindo o vieiro para aqueloutra xesta celeste, o mítico 1-2 de San Siro en 2003, que supuxo o pase a oitavos de final na primeira participación celeste na Liga de Campións. A pesar da súa insistencia na segunda parte, cando os seus xogadores coñecían que cos empates de Atlético e Barça contaba aínda con posibilidades de título, o Madrid foi incapaz de marcar a un Celta moi solidario nas axudas defensivas e a un porteiro infraqueable baixo os tres paos. Ancelotti lembrará, pois, como en 2014 volveu ao pesadelo de Balaídos, onde perdeu de vez o tren dunha liga de vai e ven.

Non tardara moito o Celta en atuar ao Madrid. Dende os minutos iniciais, Krohn-Dehli conduciu ao Celta polos camiños da fantasía, os do xogo da serpe, que son os máis valorados na lameira do Fragoso. Apenas transcorreran cinco minutos cando o danés serviu cun cano preciso un balón co que Nolito avisou ao galego Diego López que ía ter un serán de moito traballo. Foron pouco despois Orellana, quen caneou preto da área pequena, e Nolito quen cun artístico taconazo abrían liñas de gol na área visitante. O Celta gozaba co seu xogo de toque fronte a un Madrid moi apático, que prefería as opcións do fútbol directo e a quen lle custou vinte e cinco minutos que Morata fixera o seu primeiro remate perigoso. Cando o partido se densificaba cun intercambio de golpes no medio do campo, nun gran duelo entre o brasilego Rafinha e o brasileiro Casemiro, chegou a xogada decisiva. Charles soubo aproveitar un erro garrafal do central Sergio Ramos e logo sentar cun caneo formidable a Diego López para marcar a porta baleira. O Celta conseguía o máis difícil, adiantarse na táboa de marcas.

Na segunda sesión, o Madrid saíu moito máis determinado e intenso. Nos minutos iniciais arreciou unha tempestade sobre a área celeste. Un paradón de Sergio Álvarez a un pexegazo de Morata e outro posterior de Isco evitaron o empate. Mais coma sucedera no primeiro tempo, o segundo tanto galego chegou cando máis apretaban os brancos (esta vez vestidos de laranxa), froito dun erro de Xabi Alonso, a quen pouco antes Ancelotti colocara de central. Charles interceptou a cesión do tolosano ao seu porteiro e volveu superar ao de Paradela. Quedaba case media hora de xogo, mais o Celta soubo xestionar con serenidade a súa vantaxe e tivo moitas oportunidades para conseguir o terceiro. Mágoa de poste de Bermejo nos minutos de desconto que tería sido un peche de ouro.

Con este gran partido, o Celta despedía en Balaídos unha magnífica tempada na que finalizará entre os dez primeiros. Foi o de onte un serán de saudades no que con certeza se despedían Rafinha e o propio Luis Enrique. A pesar das súas excentricidades e dalgúns caprichos e vacilacións iniciais o balance do adestrador asturiano da súa breve etapa en Vigo é excelente, tanto no que atinxe aos resultados, sobre todo nunha grande segunda volta, ao fermoso e sólido xogo do equipo, como pola súa aposta por mesturar a canteira cun grupiño de xogadores internacionais de calidade. Luis Enrique merece, pois, o respecto e gratitude do celtismo. Un peche memorable para o seu proxecto. Beizóns, Lucho!

Onte 951: Formidable Celta

Nolito_Almaeria_20-04-2014Tras un partido formidable, o Celta acadou onte en Almería os 40 puntos da «permanencia virtual». Tras gozar da fortuna de non ser goleados nos magníficos dez minutos iniciais dos andaluces, os de Luis Enrique deron unha lección de xogo asociativo, fose polos catro goles de fermosa fasquía coma pola cadencia que Krohn Dehli e Orellana imprimiron a un equipo capaz de debuxar na lameira toda clase de liñas interiores, curtas e longas, verticais e oblícuas, procurando sempre a superioridade decisiva. Outro recital lonxe de Balaídos.

Probablemente, a clave da vitoria estivo nun terceiro gol extraordinario, nacido no medio do campo da biqueira de Hugo Mallo que trazou un marabilloso pase interior vertical, recollido en carreira por Orellana que, tras superar ao defensa, centrou sobre o segundo pao, onde chegaba Nolito para xutar cruzado sobre o interior das redes. Fermosos foran xa os dous primeiros goles, tanto o primeiro, tamén do goleiro gaditano, nacido dun cano de Rafinha na área rival, coma o segundo de Charles, xerado tras unha combinación de Nolito e o internacional chileno, senllas xogadas que é doado adscribir ao eido das Belas Artes.

O mellor do Celta de Luis Enrique é a confianza nas súas propias posibilidades, esa capacidade para sobrepoñerse na lameira ás adversidades da táboa de marcas, sen por iso renunciar a súa concepción teimosa do xogo asociativo. Ao longo de toda a tempada, o Celta sóubose o que é, un equipo humilde, construído por unha combinación entre canteiráns, internacionais e veteráns, que loitou con convicción por acadar un obxectivo realista, apenas o da continuidade entre os mellores. Aí reside o éxito indubidable desta campaña na que recunca na primeira categoría sen moitos agobios e cun xogo excelente, sobre todo, fóra da casa. Dificilmente podemos pedir máis os celtistas.

Onte 714: Fóra de xogo

Non é descartable que Charles recibise en fóra de xogo a pelota coa que o Celta inaugurou o marcador no Benito Villamarín. Probablemente foi unha chiscadela da fortuna, que axudou na apreciación do colexiado dunha xogada sempre dubidosa. Desque fóra establecido en 1925, o fóra de xogo, tal como o coñecemos hoxe, foi unha regra polémica, mesmo susceptible de ser modificada. Polo camiño que vai o fútbol, con defensas cada vez máis adiantadas, coordinadas e atléticas, a regra do fóra de xogo afasta o balón das áreas e, polo tanto, son máis escasas as posibilidades de perigo atacante, o que conleva maiores posibilidades de aborrecemento para os seareiros. A diminución da media de goles por tempada é outra proba do carácter antipático para  bancada desta regra. Quizais chegou o momento no que a International Football Association Board, a institución que se encarga de velar polo regulamento, introduza modificacións no fóra de xogo para facer o xogo máis espectacular e equitativo entre defensores e atacantes. Como leo no monográfico «Fútbol en 2030» da revista Panenka (recomendable para os que queren ler de fútbol), os expertos manexan diversas variantes que poderían ser atractivas. A máis doada sería atrasar a liña que delimita a posición ilegal, quizais até chegar á altura da área grande, unha decisión que revolucionaría a esencia do fútbol actual e facilitaría un xogo dinámico e, probablemente, o aumento do número de goles de cada partido. Outra posibilidade, máis conservadora, sería a de permitir a presenza dun atacante en fóra de xogo e só sancionar a súa decisión de combinar con outro xogador ou xogadora. Ou quizais introducir unha regra semellante á utilizada no balonmán de xeito que o fóra de xogo quedase delimitado nunha área curva, que facilitaría o xogo polos extremos. A modificación das regras e os seus impredicibles efectos (no deporte como noutros eidos da vida) é sempre un debate estimulante. Como sinala Christoph Biermann «o fútbol é bonito cando se asemella á vida real: cando avanzas rápido, retrocedes, caes e volves a te erguer». Quizais aí radique o engado do fóra de xogo, da existencia desa liña (fronteira), ás veces de percepción difusa, entre o ser e o non ser, entre o real e o lúdico, como sucede na vida mesma.