Listado de la etiqueta: cecilia_carballido

Onte 1935: Culturgal 2017, un culturdez

Tras case unha semana moi intensa de traballo, o domingo rematou o Culturgal 2017, a décima edición da Feira das Industrias Culturais. Os organizadores quedamos satisfeitos xa que os públicos volveron acudir de forma masiva ao Pazo da Cultura de Pontevedra, a pesar de que percibimos unha lixeira diminución da participación, sobre todo na tarde do sábado. Lembraremos este Culturgal pola mudanza da nosa imaxe corporativa (un acerto rotundo do mestre Pepe Barro), pola participación institucional de Portugal, que pretendemos se consolide en futuras edicións, como polo éxito tan rotundo e inagardado do novo espazo de Arte Contemporánea, onde se celebrou na tarde do domingo un acto en lembranza do pintor Manuel Moldes.

Sei que tamén lembremos este Culturgal 2017 polas asinaturas interminables da cantora Ses e da escritora Ledicia Costas, que convocaron a centos de persoas, así como o éxito dos diversos «photo call» distribuídos pola feira, un fenómeno ao que tampouco foi allea a importante proxección de Culturgal nas redes sociais. Como tamén foron un éxito as actividades profesionais do venres, tanto as organizadas por Escena Galega, AGEM e a Asociación Galega de Xestores Culturais, que abren un vieiro a explorar por outros gremios. Como foi un acerto celebrar o domingo o Día Internacional da Descapacidade, expresando a vontade de Culturgal de apostar pola cultura inclusiva como outro dos seus eixos transversais nos que afondar no futuro.

Non teño dúbidas que Culturgal está consolidado como espazo de mediación entre creadores, empresas, administracións e públicos das industrias culturais en Galicia e en galego. Xaora, como levo expresado cada ano, este modelo comeza a expresar algunhas debilidades que obrigan a repensar tanto o seu programa de actividades como o seu modelo de xestión e financiamento. E entre estas feblezas para min a principal é o seu reducido financiamento, insuficiente para manter con dignidade un evento da fasquía do actual, o que obrigará na vindeira edición a reconsiderar as achegas corresponsables de cada unha das administracións públicas participantes como a procurar no patrocinio publicitario das empresas privadas unha vía para incrementar os ingresos.

Como tamén é unha febleza do Culturgal actual as súas dificultades para incorporar de forma máis potente e atractiva a cultura dixital, tanto na organización de actividades como na propia comunicación cos seus públicos, sobre todo o adolescente e xuvenil, hoxe moi afastados da feira. Outrosí sucede coa excesiva dependencia de Culturgal da rexión urbana Compostela-Vigo, o que obriga aos organizadores a procurar fórmulas de integración territorial dunha feira que naceu con vontade inequivocamente galega no que atinxe a procedencia xeográfica de expositores e dos seus públicos.

Despois de catro anos, sei que vou lembrar cun chisco de saudade este Culturgal 2017 como o derradeiro no que fun presidente dun proxecto mancomunado tanto na súa concepción como na execución. Hoxe a miña gratitude é maior para o medio cento de profesionais que fixeron, unha vez máis, posible a fantasía de Culturgal, dende Xosé Aldea, o director do equipo, Cecilia Carballido e Arancha Estévez, responsables de Produción e Comunicación, até Antón Sobral e Paula Caballeiro, comisarios do espazo de Arte Contemporánea. En todo caso, expreso as miñas desculpas polos erros que puideramos ter cometido e os meus parabéns a todas e cada unha das persoas que achegaron o seu pulo de orgullo e entusiasmo para facer deste un auténtico Culturdez (roubándolle a palabra ao admirado Ramón Rozas). Longa vida a Culturgal!!!

Onte 1792: Culturgal 2016, un éxito colectivo que precisa reinventarse

culturgal_nel

Pechamos o domingo o Culturgal 2016, a novena edición da Feira das Industrias Culturais, coa sensación de estar rematando unha etapa, a do lanzamento do que Nel Vidal definiu o domingo en Twitter como «posiblemente o mellor invento do sistema cultural galego da última década». Estou convencido de que Culturgal, a pesar da súa fraxilidade, está felizmente consolidado nun espazo (O Pazo da Cultura de Pontevedra) e nun tempo (primeira fin de semana de decembro) como unha cita de referencia no calendario galego. Como tamén o estou de que o seu modelo de xestión austera, eficaz, transparente e corresponsable permite cun orzamento reducido a continuidade da feira cada ano. Un éxito colectivo, ao que non é alleo o excelente traballo do equipo de profesionais e voluntarias (medio cento de persoas) que dirixe Xosé Aldea e do que forman parte Cecilia Carballido e Arancha Estévez, responsables de Produción e Comunicación, os tres cerebros, corazóns e almas desta proeza.

Teño reiterado que Culturgal está conformando unha nova expresión do orgullo galego. Como estou convencido de que os milleiros de pequerrechos e pequerrechas, que levan asistindo dende hai unha década a este encontro, constituirán como aventura Xosé Aldea, «a xeración Culturgal», agardemos que impregnada dos sintagmas de ledicia, positividade e entusiasmo presentes sempre na feira. Como non é menos certo que Culturgal está acuñando unha estratexia de colaboración intergremial e interinstitucional cuxo espírito debería contaxiar outros moitos ámbitos da actividade cultural e política galegas, tan necesitadas de acordos e proxectos en clave de país.

Xaora, Culturgal é unha arboriña non exenta de fraxilidade, que precisa o agarimo, as atencións e (tamén) as críticas e suxestións dos sectores e asociacións gremiais, como dos artistas e visitantes. Este ano acadamos unha cifra de visitantes semellante a da pasada edición, arredor das 15.000 persoas, un éxito, pero os datos que recabamos entre os libreiros indican unha sensible redución das súas vendas en relación a 2015, o que convida á reflexión do sector do libro e da lectura, o que conta con máis expositores e presenza na feira. Como tamén soubemos da satisfacción dos profesionais do sector da música, tanto pola asistencia aos seus concertos como polas vendas e acollida das asinaturas de novidades discográficas.

Sexa por un caso coma polo outro, Culturgal precisa reinventarse en cada edición, asumir o reto de sorprender e achegar máis comodidades aos seus visitantes e expositores. Culturgal debe continuar mellorando e innovando, asumindo como propios os retos que supoñen para as industrias culturais galegas os procesos de hibridación dixital da comunicación cultural e o tránsito (inevitable) das actividades de creación cultural cara a industria do lecer, que se está a desenvolver a nivel global.

Nesa liña de inconfromismo continuísta traballa dende onte o equipo de Xosé Aldea e os membros da Asociación Culturgal. Nos vindeiros meses anunciaremos importantes novidades para o Culturgal 2017, o do décimo aniversario, que se celebrará do 1 ao 3 de decembro. Vémonos daquela. Beizón!

Onte 1525: Culturgal 2015, clausura

culturgal_2015_despedida_pan_de_capazo

Pechamos onte o Culturgal 2015 cun concerto de despedida de Pan de Capazo, apenas uns minutos de ledicia en tempo de desconto de trinta horas de bulir entusiasta. Comezou a primeira hora do domingo cunha programación na que se resume o espírito do que foi este Culturgal: no Salón de Actos, estreouse diante de varios centos de persoas a película de Xabier DoCampo, Na outra beira das augas grandes; no Auditorio desenvolveuse o concerto de presentación do libro disco Canta o Cuco, co que Uxía e Magín Blanco homenaxean a Manuel María; no Foro presentamos o ensaio de Xavier Navaza, Marcas; na Carpa actuou o coro galego Cántigas da Terra da Coruña, ás portas do seu centenario, coincidindo co das Irmandades da Fala; no Espazo Libro presentouse a fotobiografía de Ramón Piñeiro, que Henrique Monteagudo preparou para Galaxia; e no Ático desenvolveuse Firma e filme, o encontro de produtoras audiovisuais e editoriais para compartir proxectos. Unha programa diverso e transversal que expresa o que foi este Culturgal, onde todas as manifestacións da creatividade cultural galega teñen unha xanela para dialogar cos seus públicos. Pola tarde, a entrega do Premio do Público a Curtocircuíto, o festival de cine de Compostela constituíu un tempiño de acougo para recoñecer unha das iniciativas culturais que constrúen país dende unha estratexia glocal ao servizo da cidadanía e das artes.

Pechamos o Culturgal 2015 coa satisfacción de contar co apoio dos públicos (arredor de 14.500 persoas, unha cifra semellante á da edición anterior) e dos expositores, que nos expresaron o seu apoio ao novo modelo espacial da feira, que facilita a visibilidade de todos os espazos e o conforto dos visitantes. Sabemos que haberá cousas por mellorar, tanto na programación como no arranxo da feira, razón pola que agradecemos moito as críticas e as suxestións. Culturgal aposta por constituírse en espazo de mediación, de encontro entre sectores empresariais, institucións e públicos, razón pola que non pode conformarse. Cos pés ben chantados sobre os seus alicerces, cada edición debe continuar mellorando, innovando e sorprendendo.

O éxito de Culturgal non sería posible sen o seu equipo de profesionais e persoas voluntarias, que sei o deron todo e máis para ofrecer a marabilla da que todos e todas presumimos. Os meus parabéns para cada unha destas persoas tan xenerosas, profesionais e agarimosas. Os meus parabéns para Antón Sobral e Paula Cabaleiro, comisarios da exposición Somos Espazo. Os meus parabéns para Xosé Aldea, o director da feira e para Cecilia Carballido e Arancha Estévez, responsables de Produción e Comunicación, cerebros, corazóns e almas do que sucedeu estes tres días. Vémonos o 2,3 e 4 de decembro no Culturgal 2016. Beizón.

Onte 1167: Despois de Culturgal

Culturgal_2015

Tras tres xornadas moi intensas no Culturgal, tempo é de coller apenas uns minutos de acougo sequera para expresar a nosa gratitude pola impresionante resposta dos públicos, dos feirantes e dos artistas participantes nesta feira, que xa é por vontade teimosa de todos eles un dos referentes anuais para a cultura galega. Recoñecemento para Xosé Aldea, o director de Culturgal, e para Cecilia Carballido e Arancha Estévez, responsables de produción e comunicación, capaces de facer funcionar a maquinaria moi complexa da feira coa precisión e harmonía da que fixo gala na noite do sábado a gran banda da Bandeira. Gratitude para Paula Cabaleiro e Antón Sobral, comisarios da exposición de libros de artista, capaces de coordinar o traballo creativo de 50 artistas durante moitos meses e ofrecer unha fermosa montaxe cos medios dos que dispoñían. Gratitude para cada unha das profesionais e dos técnicos que rexeron os espazos, foros e responsabilidades administrativas, de comunicación, limpeza e seguridade. Gratitude para os universitarios voluntarios pola súa xenerosa dispoñibilidade. Grazas ao persoal do restaurante e cafetaría que nos mimaron a todos cun café excelente, un dos éxitos da feira. Beizón para cada un dos esforzados feirantes que padeceron no seus espazos a dolorosa síndrome de máis de trinta horas de moqueta. Beizóns para artistas, autores e profesionais que participaron nas máis de 150 actividades. Culturgal 2014 concibiuse, arranxouse e desenvolveuse con espírito colaborativo, utilizando os sintagmas de ledicia, entusiasmo, rigor, orgullo dos que se comprometen na construción dun proxecto colectivo.

equipo_culturgal_2014Houbo para min moitos momentos inesquecibles nestas tres xornadas. O éxito rotundo da programación do Espazo Bébés. Os cheos tremendos do espazo Infantil cunha gran programación musical. O desfile do coro tradicional Cantares do Brión polo corredor da feira. As interesantísimas conversas que César Lorenzo e Susana Pedreira mantiveron con Xurxo Souto, Fran Alonso, Manuel Núñez Singala, Francisco Castro, Antón Dobao, María Reimóndez, Xabier Quiroga, Suso de Toro, Alberto Ramos e Santiago Lopo. A presentación que fixo Matilde Felpeto do seu libro sobre a cociña do polbo no Espazo Foro. A entrega do premio do público ao Diario Cultural, coa actuación previa de Trópico de Grelos e, despois, coas palabras de Ana Romaní e a súa lembranza emocionante a Begoña Caamaño. Os concertos memorables de Caxade e María Fumaça. As presentacións da revista Criaturas e da Revista Galega de Educación. O éxito do vermú cultural onde comprobamos o rico que está Nordés, o vermú galego. O saboroso dos ovos doces de Pepe Solla que compartimos na presentación do libros dos Nove. O agasallo que supuxo a exposición «Do papel ao xesto», pola que recibimos tantos parabéns. A descuberta dos chocolates de Fina Rei, a festa das cervexas artesanais… Ou tantas conversas e reencontros con amigos e amigas cos que falamos na rede.

culturgal_2014_premio_publico_diario_cultural_rgTras sete edicións, Culturgal consolidouse, chantou os seus alicerces como espazo colaborativo dos diversos sectores das industrias culturais, dos poderes públicos e dos seus públicos. Culturgal consolidouse como espazo de encontro e afectos, onde compartir orgullo e enxergar esperanza. Culturgal consolidouse como unha nova tradición que reúne ás xentes das artes, das letras e das novas tecnoloxías en Pontevedra na primeira semana de decembro. E así seguiremos o vindeiro ano, conscientes de que en cada edición debemos reinventar o modelo de feira, sendo capaces de sorprender e aumentar o perímetro transversal desta acción colaborativa. Mañán comezaremos a traballar no vindeiro Culturgal, o que celebraremos en Pontevedra o 4,5 e 6 de decembro de 2015. Grazas, moitas, a todas as persoas que constrúen a fantasía de Culturgal!

Aquí galería de fotos de Culturgal 2014 en Facebook.

Aquí seguimento do hastag #Culturgal2014.