Artigos

Campo do Fragoso CXIII

YOEL SALVADOR

O Celta completou a súa xeira máxica cunha cuarta vitoria, manténdose, ademais, imbatido en Balaídos por terceira xornada consecutiva. Tras un resultado moi axustado e un período de prolongación de nove minutos, no que Yoel salvou a vitoria cunha intervención extraordinaria, o equipo de Herrera emproa o derbi con todo o seu velame aberto. Despois de catro tempadas vividas na desolación, o Celta presentarase o domingo en Riazor coa autoridade que lle dá ocupar postos de ascenso, como corresponde ao equipo sólido e competitivo que quere a súa afección para estes partidos importantes co Coruña. Non foi doada esta vitoria pola mínima diante dun Cartaxena máis frouxo ca en tempadas anteriores. O Celta non soubo levar ao marcador a súa magnífica saída na que defendeu dende moi arriba, algo o que non estabamos afeitos, presionando xa dende o terreo contrario, o que obrigaba aos albinegros ao xogo do pelotazo. Neses vinte excelentes minutos, nos que o Celta mandaba, Orellana e un Bermejo moi batallador estragaron oportunidades moi claras para marcar. Porén, a medida que a presión inicial foi decaendo, o partido entrou nunha fase de horrible aborrecemento, motivado, en boa medida, polo diletancia de Bustos e as súas voltas e reviravoltas para axilizar o ataque e pola escasa participación de Álex López nos lances do xogo. Non foi estraño que este devalo permitise aos dous puntas do Cartaxena que se fixesen notar, procurando atoparlle as costas a Jonathan Vila e a Andrés Túñez, desta volta a nova parella de centrais. Con todo e a pesar de xogo tan gris sobre a esvaradía lameira, de cando en vez producíanse alustros de xenialidade combinatoria entre os dianteiros celestes, que están tempada queren poñer dinamita nas súas biqueiras. Bermejo debeu marcar de chilena tras un excelente centro de Quique de Lucas. Poucos minutos despois, a piques de rematar a primeira parte, o extremo celeste volveuno intentar con outro centro envelenado, dende a dereita; desta volta houbo fortuna, xa que o central Abraham Paz chegou un pouco xusto e só foi capaz de despexar sobre o longueiro da súa propia porta, de xeito que a pelota botou na propia liña de meta, onde agardaba Iago Aspas, o noso dianteiro en estado de graza, para empurrala a porta baleira. A segunda parte foi moito máis movida e emocionante para a bancada. O Celta deixou a iniciativa aos murcianos e buscou o seu gol da tranquilidade ao contragolpe. Abofé que tivo case media ducia de oportunidades para conseguilo, mais aos dianteiros celestes sobráronlles caneos e faltoulles xenerosidade combinatoria nas súas accións. Sobre todo foi unha mágoa que Aspas, tras unha recuperación magnífica e unha carreira velocísima, preferise xutar (e errar) que ceder a De Lucas, situado en mellor posición para marcar. Porén, ben sabemos que cando non se aproveitan eses goles feitos, dalgún xeito se lle están dando azos a que sexa o rival que o intente. E así sucedeu co Cartaxena que un minuto despois da estrondosa “chupada” de Aspas puido empatar cando Chamorro quedou só diante de Yoel e, neses segundos intensos de man a man, non foi quen de superalo. Con todo, máis extraordinaria foi a seguinte intervención do porteiro de Arbo, cando no treito derradeiro salvou de auténtico milagre un cabezazo de Abraham Paz, tras un minutos nos que os de Herrera tiveron que defenderse de forma meduliana. Non hai dúbida que foi Yoel con estas dúas grandes paradas o que gañou un partido que os dianteiros celestes non souberon pechar. Unha gran actuación que, ademais, sabemos reforza a confianza do equipo e da bancada nun porteiro novo, que comezou a tempada de forma vacilante.

Campo do Fragoso CIX

FORZA CELTA

A contundente goleada fronte ao Cartaxena abre a xanela das esperanzas de ascenso e coloca ao Celta nunha óptima posición para encarar a primeira eliminatoria de promoción. Case totalmente recuperado da fochanca na que caera durante os tres meses pasados, un equipo inédito, formado de saída por oito xogadores galegos ou da canteira nosa, noqueou con asombrosa facilidade ao seu rival. Os murcianos deberon abrir o marcador nos primeiros seis minutos de xogo, tras unha cantadiña lamentable da defensa nosa toda, que levou o balón ao pao e agoiraba volver ás de sempre. Porén, aquela malfadada xogada inicial serviu aos nosos de lección e, dende entón, a sobriedade de Túñez e Ortega e a autoridade de Oubiña serenaron o xogo defensivo celeste, esmagando así as chegadas pola esquerda dos dianteiros albinegros. Herrera concibiu o partido como un banco de probas da promoción. Deixou algúns dos seus imprescindibles no banco e probou as variantes tácticas que lle permitan recuperar o seu catro-tres-tres con xogadores menos habituais como a de Oubiña, Alex e Michu no medio, ou a de Abalo, Iago e Joán Tomás adiante. O éxito da experiencia foi rotundo. Oubiña, recuperado e centrado, amosou o valor enorme da súa experiencia, sobre todo pola súa colocación con capacidade estruturante que facilita a disciplina táctica de todo o equipo; ao que engade o valor do exercicio da súa capitanía sobre os seus compañeiros, aos que agarima, apoia, acouga ou recrimina xusto cando é preciso; un liderado que faltou ao longo de toda a tempada e que pode ser decisivo nesta vindeiras eliminatorias a vida ou morte. Michu reivindicouse como un xogador imprescindible neste treito, tanto pola súa vontade como pola súa autoestima inquebrantable, demostrada nun gol enorme, o que abriu o marcador, conseguido tras superar por potencia aos seus tres marcadores e xutar logo coa esquerda con enorme convicción e forza. Outrosí sucedeu con Álex López, a revelación celeste da tempada, que ilusionado comeza a saír da fase depresiva na que caera para asumir a responsabilidade da condución do ataque. Semellante é o caso de Iago Aspas, eléctrico e hiperactivo, referencia ofensiva do conxunto, capaz de elaborar xogadas extraordinarias e asociarse de forma imprevisible, sobre todo, con Dani Abalo, o seu mellor amigo, que non pasa polo seu mellor momento. Con todo, a sorpresa do serán foi a de Joan Tomás que, probablemente, conseguiu o mellor gol celeste da tempada, tras un sombreiro ao porteiro e un remate de cabeza que enviou o balón á rede. Un gol importantísimo, fermoso, de alta escola, que devolvía a ilusión a unha bancada disposta a soñar e a sufrir co seu equipo. Na segunda parte, co marcador cómodo, o Celta dirixido pola batuta de Oubiña xogou moi relaxado. A entrada de Jota foi outro alento de esperanza. Estoutro rapaz da canteira aproveitou os minutos ofrecendo xogadas de moitos quilates, especialmente un pase interior debuxado con tiraliñas que soubo finalizar Abalo para marcar o terceiro. A inusual goleada foi unha festa para a bancada. No entanto, o máis importante que deixou o partido foron as boas vibracións que supón manter a porta a cero, amosar unha seguridade defensiva nas xogadas a balón parado, recuperar o liderado do capitán Oubiña ou participar da cobiza gañadora de xente como Michu e Iago. Non vai ser doado superar a eliminatoria a cara de can fronte ao prepotente e poderoso Granada. Mais non teño dúbida que se durante eses 180 minutos o Celta xoga coma onte, os fachendosos andaluces van quedar as portas do seu soño. Forza Celta!!!

Magníficas imaxes do partido: Xornal de Galicia, La Voz de Galicia.

Campo do Fragoso XCI

TRASHORRAS DECISIVO

O Celta, conducido maxistralmente por Roberto Trashorras, obtivo fronte ao Cartaxena unha das máis convincentes vitorias en Balaídos da presente liga. Tres puntos de ouro que, despois do golpe de autoridade da pasada semana en Huelva, deixan ao equipo de Eusebio nunha zona un chisquiño máis temperada da táboa clasificatoria e aos seareiros celestes, por fin, cun sorriso nos beizos. Abofé que non era sen tempo! Xa dende o inicio, foi o de onte un encontro desputadísimo e, nalgunha fases, moi emocionante. Un Cartaxena moi competitivo –velaí a súa terceira praza e o seu carácter de equipo revelación do campionato– amosou dende o asubío inicial que viña a Vigo a consolidar as súas aspiracións de ascenso. Aos dous minutos, Toché, o albinegro máis adiantado, marcou un gol que foi anulado por un fóra de xogo, bastante dubidoso; antes do primeiro cuarto de hora, Moreno e o defensa Etxeita estragaron outras novas claras oportunidades para marcar. A defensa celeste, formada desta volta polos veteráns Catalá e Noguerol, durante estes primeiros minutos amosou unha preocupante febleza que foi abandonando grazas a un magnífico sistema de axudas dos laterais e mediocampistas. Foron liquidándose así as mellores posibilidades dos visitantes e emerxendo amodiño, iso si, tras unha durísima batalla polo control da pelota, as dos celestes. Primeiro a do batallador Cellerino, aos vinte minutos, xutando dende moi lonxe con intención; logo, no vinte e nove, a provocada pola velocísima subida de Botelho pola banda e, dous minutos despois, a do gol decisivo de Trashorras, quizais, tamén, o máis lindo da actual tempada. Unha xogada de auténtico tiraliñas, preciosa de concepción e execución. Vasco Fernandes recuperou a pelota no centro do campo, enviouna a Dani Abalo, que correu con ela pola banda ata dar o pase da morte cara á área pequena, onde estaba Cellerino que a deixou pasar, arrastrando aos seus dous marcadores e permitindo que Trashorras disparase pola escuadra a Rubén, o gardarredes galego dos branquinegros. Co marcador por diante, o Celta aseñorou un encontro fronte a un rival presionante, incómodo, pegañento, noble que nunca desistiu do seu afán de sequera poder nivelalo. Tras o descanso, a saída dos nosos abraiou aos rivais coas continuas combinacións entre Abalo e Trashorras, que teceron algunhas xogadas magníficas. Especialmente afortunada foi a actuación do de Rábade que realizou un dos seus mellores partidos coma celeste. Todo o bonito que facía o Celta pasaba polas súas biqueiras, distribuía con cabeciña, xutaba dende diversas posicións e, sobre todo, introducía no equipo as doses de serenidade abondas para facer fronte ao dificilísimo cuarto de hora final, onde os visitantes apretaron o seu. Un período de enorme incertidume, desacougante, prolongado de forma inxustificada en cinco minutos, onde o Celta soubo responder ao agobio cartaxeneiro con formidables contraataques, nos que emerxeu a velocidade desequilibrante de Botelho e a intencionalidade dos saques de porta de Yoel, que debutou en Liga cunha actuación moi sobria. A actual estratexia de Eusebio por un xogo máis directo e presionante comeza a proporcionar os mellores froitos. Foi unha gloria para os celestes compartir a satisfacción dos seus seareiros por vitoria tan merecida.

Foto de Roberto Trashorras (R.Grobas).