Artigos

Onte 957: Máis libros do ano

Veu esta fin de semana chea de boas noticias de premios. Tras o anuncio do da Crítica 2013 no eido da poesía para Raíz da fenda de Berta Dávila, onte se realizou o ditame dos Losada Diéguez que foron para duas obras editadas por Xerais, Caderno do Nilo de Cesáreo Sánchez Iglesias, na categoría de Creación, e Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza de Antón Cortizas, na de Investigación. Tres libros de excelencia, apoiados polo lectorado, que agora son recoñecidos pola crítica literaria e pola comunidade académica. Tres premios estimulantes que avalan o noso compromiso coa edición cultural, un dos eixos do noso proxecto editorial. Boa colleita a do difícil 2013. Parabéns a Berta, Cesáreo e Antón!!!

Onte 855: Lembranza en Compostela de Juan Gelman

Na presentación en Pedreira do Caderno do Nilo, Cesáreo Sánchez Iglesias lembrou en dúas ocasións a Juan Gelman, o gande poeta arxentino falecido esta semana. Ao comezo do seu discurso Cesáreo revelou o que Gelman, que fora declarado pola AELG en 2010 «escritor galego universal», lle escribira no seu derradeiro correo electrónico o pasado mes de novembro contestando a outro no que o poeta de Maside lle daba noticias da nosa defensa da cultura do país nun momento tan duro. «Sin pelear para mejorar las cosas no se puede vivir» foron palabras sabias do poeta que nunca se conformou diante da inxustiza. Na cerna dun discurso centrado arredor da viaxe e das dificultades da aprendizaxe da escrita en soidade, Cesáreo rescatou uns versos de Gelman que iluminan sobre as razóns da viaxe: «Confundirse cos outros / e que os outros non teu ser / te fagan inmenso coma o mar». Poeta proteico, Juan Gelman, beizón!

Onte 812: Première de «Caderno do Nilo»

Magnífica première do Caderno do Nilo de Cesáreo Sánchez Iglesias nas Portas Ártabras da Coruña. As grandes intervencións dos poetas Antía Otero e Xavier Seoane presentaron o que tras trinta e cinco anos de traxectoria supón o décimo sexto libro de poemas do actual presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Comezou Antía Otero o seu discurso salientando «a calidade coa que Cesáreo se achega aos autores e autoras novos, preocupándose pola súa situación». Citou Nilo. Cartas de Exipto, o libro publicado por Flaubert en 1850, no que a viaxe se concibe como camiño común. Insistiu na vontade contar, de deixar rexistro presente en todo o Caderno do Nilo, onde Cesáreo «reconstrúe a viaxe de xeito contundente e dupla, a primeira a das lecturas do lugar, a segunda a da viaxe en si, á que habería que engadir unha terceira, o ronsel que deixa a memoria da crónica». Antía rematou o seu texto sinalando que «Cesáreo vive a arte de ver coa de escribir, nun descubrimento continuo».

Pola súa banda, Xavier Seoane comezou calificando a obra de Cesáreo como «longa e variada». «Traballa en verso libre, ofrecendo libros unitarios. Melómano empedernido posúe unha voz lírica con carácter contemplativo. ademais dunha dimensión ontolóxica, existencial e transcendente. Cesáreo é un poeta telúrico, da paisaxe, interesado polo antropolóxico e etnográfico, iniciático. É un lector e viaxeiro empedernido, interesado pola cultura doutros países, procurando alteridade, interculturalismo, é un galego polo mundo». Referiuse despois a Caderno do Nilo, «un libro no que hai unha filosofía da viaxe, no que se experimenta a transformación do eu, coa intención de ver o descoñecido, o que non somos». «Cesáreo é un viaxeiro documentado, capaz de asumir un certo risco. Viaxa cos ollos abertos, onde teñen moita importancia os sentidos, as sinestesias, os sons, os olores». «Este libro lembroume aquilo que dicía Novalis “a poesía é o real absoluto”, xa que é un intento de verbalización da experiencia vivida na viaxe». «Caderno do Nilo ten unha dimensión narrativa, dietarista, ensaística, coma unha visión de todo un mundo. É un libro que partindo da poesía ábrese xenericamente». Sinalou Seoane o ritmo devalante da escritura, que lle lembrou ao mestre Otero Pedrayo, «unha escritura ao ritmo do río, unha especie de pálpito». Non esqueceu salientar Xavier os aspectos estilísticos do libro, «as descricións son impresionistas, perceptivistas e sensibles», «este é un libro moi de pincelada, de alento». «A adxectivación é moi nutrida e as personificacións expresan a respiración da vida». Citou despois algunhas das metáforas que máis lle aquelaron: «A xeometría crea a divindade», «viaxo ás preguntas»… «No libro hai unha ollada de poeta na que xoga entre o real e o irreal, o aprender e o desaprender, entre o grandioso e a escala do detalle, a beleza fronte a beleza, a soidade impregnando para que todo fecundase». Rematou Seoane a súa intervención salientando que o libro concibe «a viaxe como unha experiencia cultural e creativa na que se crea outro tempo mías humano».

Antes de dar comezo o seu recital, Cesáreo agradeceu  as intervencións dos presentadores e confesou que «sempre viaxou para que a nosa cultura volvese enriquecida, toda viaxe é anterior ao centro da propia soidade».