Onte 2000: «Música no faiado»
Agradecín a Miguel Ángel Alonso Diz que me convidase a presentar Música no faiado, a súa primeira novela, publicada en Xerais Merlín e ilustrada por Laura Tova. E mereceu moito a pena o mediodía literario e musical na libraría Andel, na que tivemos o privilexio de escoitar a Patricia Moon e David Zarandon, dous mestres da Escola DZ de Vigo. Un acto no que se falou da memoria e da música como os dous ingredientes desta novela de indagación sobre o pasado de tres xeracións dunha familia de guitarristas. As vidas de músicos como «Bessie» Smith, Robert Jonhson, Elvis Presley e, sobre todo, de Yoko Ono e John Lennon (e a súa misteriosa visita a Galicia de 1974), estiveron moi presentes no relatorio. Así como a homenaxe que na figura da avoa Carme o autor rendeu a todas as mulleres invisibilizadas da nosa historia. Un libro valioso dun dos nos mellores activistas da lectura. Parabéns, Miguel Ángel!