Listado de la etiqueta: bernardo_alfageme

Despois da rotonda

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o conflito da rotonda de Coia.

2015021904052467807As fotografías do Bernardo Alfageme escoltado pola policía cando era trasladado dende as gradas de Beiramar á rotonda de Coia formarán parte das historias tristes de Vigo. Esta pintoresca travesía nocturna por terra é un caso insólito en Vigo, onde os barcos nunca precisaron de ser protexidos por dotacións policiais, onde son benqueridos pola cidadanía fondeados no anfiteatro natural da ría, atracados nos peiraos ou colocados sobre as gradas dos estaleiros. Os vigueses fomos educados, e continuamos educando ás novas xeracións, no respecto polos barcos e polas persoas que neles traballan. Vigo é unha cidadebarco, unha cidade portuaria capaz como abella da ribeira de construír dende hai máis dun século as embarcacións máis diversas que, como lembrou Valentín Paz Andrade, abriron as rotas do mar de Galicia.

Vigo ten o seu ADN na ría. Os guindastres e os barcos en movemento, as buguinas das factorías da Beiramar, por ventura, aínda marcan o latexar da cidade. A cidadanía viguesa ama os barcos, sabe do seu valor, transmitido na memoria familiar de milleiros de obreiros das factorías e dos mariñeiros que participaron en longas e perigosas mareas dos mares do alén. Xaora, en Vigo chantar un pesqueiro de 24 metros de eslora nunha rotonda non semella unha boa idea. Non serve para convertela en icona da cidade nin tampouco para poñer en valor unha peza do patrimonio da nosa industrial naval e cultura marítima, que hai unha década foi incorporada ao patrimonio municipal por unanimidade de todos os grupos políticos para ser conservada como “buque-museo” e utilizada con finalidades educativas e culturais. Quen tivo a ocorrencia (non sei chamala doutra forma) de chantalo para adornar a rotonda de Coia, ademais, non comprendeu que isto era un disparate nunha cidade onde a arquitectura móbil dos transatlánticos e ferries, que se cruzan decote entre os edificios e as torres da Colexiata, si forma parte da súa identidade.

Alleo a este tipo de ideas e aos argumentos do movemento veciñal e de entidades sociais de Coia, que consideraban innecesaria esta actuación ornamental e faraónica nun barrio con importantes carencias sociais e un elevado nivel de desemprego, Abel Caballero impuxo contra vento e marea o seu criterio de chantar o barco na rotonda, mesmo en contra do criterio da maioría da cidadanía viguesa, representada na corporación polo Partido Popular e o BNG, e expresada en dúas votacións plenarias. Transformouse así o conflito da rotonda de Coia en expresión dunha forma que criamos superada hai décadas da xestión dos problemas veciñais, onde os responsables do concello non deixaron espazos ningúns para a participación das entidades do barrio nin para un debate cidadán sereno nos medios onde se confrontasen argumentos nin sequera para a negociación sobre o caso por parte das forzas políticas. O despregue de numerosos efectivos da policía local e algúns excesos verbais dos responsables do equipo de goberno queceron aínda máis un conflito que se foi convertendo en expresión do malestar cidadán polos déficits das políticas sociais do concello e polas formas da alcaldía de entender a xestión do espazo público. Sorprende que o equipo de goberno socialista non identificase que este conflito é apenas o síntoma, se queremos chamalo “a anécdota”, das doenzas sociais provocadas pola crise nun barrio/cidade coma Coia que, ademais, tras case cinco décadas da súa apertura precisa de actuacións urxentes sobre as súas infraestruturas e servizos básicos.

Sei que moitas veces os datos estatísticos son tan antipáticos coma clarificadores. Segundo o ránking publicado polo Ministerio de Facenda, os 66,8 euros de gasto en protección social por habitante sitúan a Vigo no posto 2.945 (por detrás da Coruña) entre arredor de cinco mil localidades. Unha posición que explica as carencias neste eido denunciadas de forma reiterada pola asemblea de movementos sociais de Vigo, como non abonda coa actual política de axudas municipais de emerxencia social que non sempre chegan ás persoas que as precisan.

Xaora, o máis decepcionante do conflito da rotonda foi a incapacidade dos responsables municipais, sobre todo do alcalde Abel Caballero, de tender unha man de diálogo co veterano movemento veciñal de Coia, cuxa traxectoria ética, compromiso cos problemas do barrio e coas persoas máis desfavorecidas é incuestionable. Os problemas políticos abórdanse nas mesas de negociación. Non hai outro camiño. Nun marco democrático o exercicio do goberno require sempre dun esforzo continuo de interlocución interinstitucional e da existencia de canles de diálogo coa cidadanía. Sen esquecer que non hai maior icona para unha cidade que a calidade de vida de toda a súa veciñanza. Algo a considerar tras o conflito da rotonda.

Vigo desmemoriado

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío do conflito sobre o destino do Bernardo Alfageme, fago unha reflexión sobre a conservación e posta en valor do patrimonio marítimo e industrial en Vigo.

Bernardo_AlfagemeHai doce anos publiquei neste espazo un artigo titulado “Chapa de mar” (Faro de Vigo, 3-2-2002) no que reclamaba ao concello de Vigo a salvación do Bernardo Alfageme, un arrastreiro de chapa remachada, construído por Barrerras en 1944 para o Grupo Mar, cando non se empregaba aínda a soldadura. Tras a mobilización de diversos sectores cívicos e colectivos que traballaban na recuperación da cultura mariñeira na ría, o buque fora doado dous anos antes polos seus propietarios ao concello e aceptado pola corporación co voto unánime dos seus membros para pasar ao inventario municipal e ser aproveitado para usos educativos e culturais.

Magoadamente, transcorrida máis dunha década, catro corporacións e alcaldías distintas, pertencentes a tres grupos políticos, o concello de Vigo foi incapaz de salvar e poñer en valor esta peza senlleira do noso patrimonio industrial e cultura marítima que agora pretender ser chantada na rotonda de Coia como unha peza ornamental. Tras o despece a finais do século pasado do petroleiro Campaláns, o primeiro vapor de ferro construído por Barreras na década de 1930, e do alxibe Roberto, vapor construído en madeira que servía aos portos do Morrazo, como doutras moitas embarcacións tradicionais da nosa carpintaría de ribeira, semellaba que o indulto do Bernardo Alfageme e a súa conversión en buque-museo significaría o inicio dun modelo de conservación do patrimonio da nosa industria naval.

A fasquía alongada do seu casco de chapa de ferro de 15 milímetros e de 24 metros de eslora anunciaba o que serían as proas de esparaván dos arrastreiros vigueses dos sesenta, admirados en todos os portos do mundo. A elegante popa semicircular, ferrada a soplete e macho, a situación un chisco atrasada da ponte e do guincho, tamén chamado “perro volado”, sobre a regala de estribor, e a robustez do seu motor principal –un Barreras Werkspoor, antecedente dos míticos Deutz que montaba a factoría de Beiramar– fixeron do Bernardo Alfageme unha peza emblemática da capacidade construtiva da industria naval viguesa de hai setenta anos. Un arrastreiro, que inicialmente formaba parte do “sexteto pequeno” de Casa Mar, tripulado por catorce persoas e que durante case cinco décadas realizou no Gran Sol heroicas mareas de trinta días na procura de pescada e peixe sapo. Xaora, ao longo de máis dunha década nunca chegou a concretarse un modelo para acometer a restauración integral do barco, que lle permitise volver a navegar pola Ría e integrarse no Museo do Mar de Alcabre, como foi a intención inicial, e nin sequera para a súa museificación, como máis tarde se pretendeu.

O do Bernardo Alfageme é síntoma dun fracaso en toda a regra para unha cidade impregnada de sal e maruxía, que moito se gaba de posuír un dos primeiros portos pesqueiros do mundo e unha industria naval de seu, mais que continúa permanecendo de costas ao seu patrimonio industrial e marítimo. O mesmo sucede coa posta en valor do patrimonio da industria conserveira e metalgráfica, disperso e en boa medida desaparecido, nunha cidade onde se instalaron as máis grandes factorías de tratamento de peixe do país. Carencias conservacionistas ás que non son alleas a anemia desesperante do Museo do Mar de Alcabre, incapaz de atopar un modelo expositivo atractivo para a cidadanía, sostible para as administracións públicas e integrado co funcionamento actual e as innovacións dos sectores da industria naval e pesqueira da Ría. Outrosí acontece coa pegada do tranvía e da súa rede de transporte metropolitano, cuxo ano do centenario pasou para a vergonza de todos sen pena nin gloria, coa excepción da publicación dun libro visual magnífico Los tranvías de Vigo en el recuerdo (Instituto de Estudios Vigueses, 2014) de Antonio Giráldez e Evaristo Pereira. Xaora, pode suceder o mesmo no futuro inmediato coa industria da automoción, o noso primeiro sector económico e de emprego, instalada dende hai cincuenta anos arredor de Citröen que, canto menos, merecería contar cunha sala museo onde os vigueses máis novos puidesen coñecer cada un dos modelos construídos na factoría de Balaídos e os procedementos utilizados polos seus avós e maiores.

Lonxe de saudades, a recuperación do patrimonio marítimo e industrial é un tema estratéxico para o Vigo do futuro, concibido como cidade portuaria atlántica e da automoción, unha desas cuestións que deberíamos acuñar como posición orixinal común, asumida por todos os sectores sociais e políticos. Nun Vigo tan desmemoriado e conformista como o actual, o concello non pode renunciar a liderar un proxecto conservacionista do noso patrimonio industrial que implique a outras administracións públicas e sectores privados. Con esa vontade aínda sería posible salvar de novo o Bernardo Alfageme.

Onte 1176: Caballero e a rotonda de Coia

rotonda_coia

O conflito veciñal da rotonda de Coia ameaza con estragar o que semellaba unha tranquila maioría absoluta que procura o alcalde Abel Caballero. Fracasa en Coia o seu modelo de cidade ornamental (que nestas datas de nadal chegou a súa máxima expresión coa exitosa árbore do Sireno), fronte a un veteranísimo movemento veciñal que denuncia o despilfarro dunha obra innecesaria e reclama que os 300.000 euros do custe da rotonda sexan destinados a politicas sociais nun barrio onde viven 30.000 mil persoas, das que un número importante viven no bordo da pobreza. Teimar en chantar alí o Bernardo Alfageme, cando debería aboiar dende hai anos nos peiraos do Museo do Mar de Alcabre, constitúe unha torpeza de vulto no desenvolvemento do planeamento, ao tempo que pon en evidencia o rotundo fracaso da política municipal de conservación dunha peza moi valiosa do noso patrimonio industrial. Como tamén é inxustificable acusar aos opositores veciñais de monicreques dunha protesta argallada por partidos nacionalistas de esquerda. Abel Caballero debería ser consciente que nunha cidade con máis de 30.000 desempregados as politicas sociais teñen que ser a principal prioridade dos poderes públicos. Tras dous mandatos non abonda con xustificar o custoso arranxo de beiravías e prazas co argumento tantas veces repetido de ser «medidas keynesianas» creadoras de emprego. A veciñanza de Coia precisa outras respostas.