Listado de la etiqueta: as_rapazas_de_xan

Onte 2146: «Os soños de Miguel» de Manuel Iglesias Turnes

Nunha tarde de sábado lin dunha sentada Os soños de Miguel (Xerais 2022), a terceira entrega coa que Manuel Iglesias Turnes completa a súa crónica de transformación do mundo rural, iniciada n’ As rapazas de Xan (Xerais, 2012), retrato do desaparecido na década de 1950 e estremecedor relato da emigración e continuada en Que non te aten (Xerais 2016), retrato dos gandeiros do século XXI. N’ Os soños de Miguel o autor de Cabanas homenaxea os gandeiros da súa xeración, os que a finais dos sesenta e ao longo dos setenta protagonizaron a modernización do sector coa incorporación da maquinaria (tractor, segadora, muxidora…), a reordenación dos cultivos, a mudanza no goberno das explotacións, dos criterios económicos utilizados e a súa monetarización, cambios profundos nos costumes e nas familias, en boa medida asociados as transformacións do tardofranquismo e da loita polas liberdades.

Unha novela ditada pola memoria familar e modulada pola profunda experiencia  e coñecemento do sector,  na que Turnes continúa emocionando na construción dunha trama de ficción orixinal e polo deseño dos personaxes, algúns memorables, como esa tía Carme tan xenerosa ou co inflexible e orgulloso padriño Manuel, concibidos ao servizo do retrato dese tempo decisivo no que se montaron boa parte das explotacións actuais por parte dos avós e dos pais dos gandeiros de hoxe. Un relato no que, coma nas novelas anteriores, destaca a graza na recollida dos diversos rexistros da fala popular e a facilidade coa que o autor ofrece os diálogos de interiores que permiten que narración avance sempre de forma engaiolante e conmovedora. A de Manuel Iglesias Turnes é unha novelística convencional na forma mais moi transgresora, necesaria e singular no fondo, pola súa capacidade para ofrecer un universo propio e un relato alternativo do retrato da aldea, actualizando así a imaxe do mundo rural galego, tanto do desaparecido como do actual.

Recomendo moi vivamente Os soños de Miguel. Aventuro que volverá a entusiasmar ao lectorado (sei que moi amplo) das novelas anteriores. Como aventuro que incitará aos que se achegan por vez primeira aos textos de Turnes a completar tan singular triloxía literaria. Parabéns, meu Manuel.

Onte 1609: Con Turnes

12801693_10204075946897476_463204526099373535_nAcompañamos onte a Manuel Iglesias Turnes na presentación de Que non te aten na Capela da Madanela de Arzúa. Continuamos así un periplo literario orixinal que, despois de Negreira e Compostela, nos levará o vindeiro venres a Mazaricos (onde actuará o monologuista ocasional e fotógrafo José Luís Míguez) e xa no domingo de Pascua á primeira Feira do disco e do libro galego de Monterroso. Presentacións todas moi singulares, sexa por que adoitan comezar pasadas as 21:00 horas, cando rematan as faenas nas granxas, sexan por que asiste moita xente, a maior parte vinculada ao sector leiteiro, que non adoita facelo nestes seráns literarios. Presentacións moi vivas, onde o autor asina moitos exemplares, o público comparte a súa experiencia da lectura das súas novelas e expresa con emoción a súa gratitude e orgullo por formar parte dun sector que o narrador barcalés dende hai catro anos ven poñendo en valor.

Así sucedeu onte en Arzúa, onde o Che Turnes, o presidente da Asociación Galega Terra e Leite, o imprescindible compañeiro de viaxe desta xeira, xunto co tamén barcalés Pablo Vaamonde, expuxo tanto o valor literario da novela como a situación de risco e (tamén oportunidade) dun sector como o leiteiro que achega hoxe o 1,5 % do PIB galego, máis cuxas sinerxias sobre outros sectores económicos o converten en estratéxico para Galicia, Como tamén o fixo Manolo Iglesias Turnes que confesou escribira As rapazas de Xan e Que non te aten para «a xente que non tiña quen lle escribira, para poñer en valor o rural, xa que é onde queda a esencia do país e da propia lingua».

O longo periplo con Turnes, que continuará en abril, agranda o perímetro do campo literario galego cara un público até agora inxustamente esquecido.

Onte 1601: «Que non te aten», novela de intención revolucionaria

que_non_te_aten_03-03-16

A presentación de Que non te aten de Manuel Iglesias Turnes en Couceiro foi outro éxito rotundo. Como sucedera hai uns días en Negreira, os presentadores, Suso de Toro e Pablo Vaamonde, puxeron en relación esta segunda novela do narrador barcalés con As rapazas de Xan, a obra coa que debutara hai catro anos, salientando o certeiro do retrato do mundo campesiño que fai en ambas as dúas.

Suso de Toro cualificou Que non te aten como «novela de intención revolucionaria, nacida coa intención de explicar o que é o campo hoxe, un libro de obrigada lectura para saber o que somos». Para Suso de Toro a novela de Turnes constitúe «un retrato moi veraz do que son as familias, como é a cotidianidade do mundo campesiño actual, un retrato imprescindible para axustarnos a idea do que é hoxe o campo que todos os políticos galegos deberan ler».

Pablo Vaamonde comezou sinalado que «se non existisen As memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas, As rapazas de Xan ocuparía un lugar de privilexio na literatura galega». «Nas súas dúas novelas Turnes ofrece dous grandes frescos sobre o mundo rural, As rapazas de Xan do desaparecido, Que non te aten do actual, onde xa non hai convivencia interxeracional baixo o mesmo teito, onde cada unha ten a súa casa, un mundo moderno de rapaces e rapazas con estudos e inquedanzas políticas. Un mundo rural totalmente modernizado, con granxas cuxas muxidoiras teñen a limpeza dos quirófanos». «Unha ollada que pode ser sorprendente nun tempo de feísmo, de reforestación de eucaliptos, de chaletismo rurubano, de proliferación de festas gastronómicas, de apeiros de labranza utilizados como decoración de tabernas. Moita xente das cidades descoñece este mundo.» Rematou Vaamonde cualificando Que non te aten como «unha novela extraordinaria», que posúe un valor engadido, «non é o libro dun estudoso que conta a vida rural dende fóra, Turnes faino dende dentro da súa tribo».

Pola súa banda, Manuel Iglesias Turnes comezou confensado que «eu podería ser Balbino, xa que a min nada se me pesaba por alto, sempre fun crítico con todo o que pasaba o meu arredor». Definiu, despois, Que non te aten como «o retrato dunha xente libre, das relacións sans, pero tamén conflitivas, entre uns mozos e mozas que viven no rural». «Quixen mostrar o rural tal como é, que non se parece nada ao que preteden os medios de comunicación, como o dese Manolo de Xaniño que se vai de putas e caíu no pilón nin coa xente que aplaude a María del Monte e Camela no Luar. Hai moitos Manolos de Xaniño nas cidades e non saen nos telexornais. En Holanda os gandeiros son a xente máis considerada, como aquí os notarios. Aquí isto non sucede, a pesar de que as mellores granxas europeas están en Galicia, cinco das mellores de España. As técnicas reprodutivas que utilizan son as mesmas que as do hospital clínico.Galicia produce o 40 % do leite de España, mais isto non está presente nos supermercados, xa que non se transforma aquí. Esquecédevos de Manolo de Xaniño, no rural galego queda a esencia do país, a lingua».

Referiuse Turnes as súas novelas como corais, poboadas de moitos personaxes, «ambas as dúas non teñen un cerre definitivo, a vida non é unha foto fixa, prefiro que as novelas queden abertas». Rematou a súa intervención, como fixera en Negreira, lembrando uns versos de Manuel María: «Galicia somos nós, a xente mais a fala».

Onte 1595: «Que non te aten» de Manuel Iglesias Turnes en Negreira

Casa_da_Cultura_Negreira_26-02-2016

Onte contei 114 participantes na Casa da Cultura de Negreira no acto da presentación de Que non te aten, a segunda novela de Manuel Iglesias Turnes. Un acto literario que resultou gozoso e emocionante, expresión do agradecemento (e da fachenda) dunha comunidade por contar cun narrador que tras a súa sorprendente irrupción na narrativa galega hai apenas catro anos con As rapazas de Xan, confírmase con estoutra novela extraordinaria xa como autor, un novelista cun mundo propio. Así o sinalaron o empresario Che Turnes, o médico e escritor Pablo Vaamonde e o gandeiro Cándido Iglesias, en tres intervencións brillantísimas e conmovedoras, dificilmente esquecibles, nas que non faltaron nin o humor nin a emoción nin o agarimo, afondando nas motivacións e na orixe do narrador do Val da Barcala.

XG00244901Suso de Toro cualificou «Que non te aten como «o libro dun autor que está buscando o seu camiño». «As rapazas de Xan era o libro que Turnes tiña dentro, un mundo e un tempo que contar, froito dunha memoria e dunha experiencia. Agora con este segundo configúrase como autor, en frío tivo que decidir qué contar e como facelo.» «Como sucedera con As rapazas de Xan, ten a graza da fala, conserva a ironía e o seu xeito de contar polo dereito, convencional na forma, mais revolucionaria na intención.» «Os seus dous libros deberan ser lidos por todos os galeguistas e nacionalistas, xa que o galeguismo imaxinou que a nación nacía no mundo rural. Nestas dúas novelas atoparán un retrato moi cabal do mundo rural, tanto do desaparecido hai sesenta anos como do actual. Turnes conta en Que non aten como mudou ese mundo, como son as cousas agora, como é a vida na aldea ou como é na cidade. Cal era o lugar da muller e como mudou, cales eran os conflitos da vida familiar antes e cales os de agora. Un libro que todos deberan ler.»

Onte 350: Na #prazadoslibros de Carballo

Presentamos As rapazas de Xan de Manuel Iglesias Turnes na #prazadoslibros , a Feira Literaria de Carballo, unha das mellores feiras do libro que se celebran durante o verán en Galicia, unha das miñas citas preferidas, tanto polo dinamismo comercial como pola boa acollida e diversidade das actividades de animación. A coidadosa organizacion municipal –en colaboración con oito das librarías máis dinámicas da localidade e da comarca e contando co mecenado de conservas Calvo– e a súa integración no comercio popular da cidade (coincide co mercado dos xoves e coa feira comarcal do cuarto domingo de mes) son dúas claves deste exitoso modelo. Durante catro días en Carballo os libros están na praza a carón das froitas e das flores, das roupas e zapatos, das ferramentas agrarias e dos produtos de artesanía… Mesmo durante a mañá do domingo nesta #prazadoslibros continuarán co costume de «Un libro, un pan», de xeito que todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cunha peza de pan de Carballo. Onte comprobamos en Carballo que con vontade política, rigor organizativo e boas doses de imaxinación e creatividade, mesmo a pesar das politicas de austericidade, aínda hai posibilidades para a mellora das feiras do libro, un modelo de promoción que en Galicia coa honrosa excepción das organizadas na cidade da Coruña, semella condenado a desaparecer. Outras feiras do libro son posibles. Parabéns, outro ano máis, ao concello de Carballo por esta #prazadoslibros e polo seu compromiso coa promoción da lingua, o libro e a lectura en galego.

Onte 253: Novela popular

Nunha presentación memorable, extraordinaria, diante de máis de 150 persoas que ateigaron o auditorio da Casa da Cultura de Negreira, Suso de Toro definiu As rapazas de Xan como «unha novela popular en todos os sentidos, xa que ten emoción, ten intriga, ten enredo, ten  un estilo marabilloso transformando a fala popular en lingua literaria». Remataba así unha intervención na que o autor de Sete palabras iniciara a glosa da primeira obra de Manuel Iglesias Turnes relatando o mito de Palas Atenea que nacera enteira, adulta e armada, da cabeza de Zeus para situar «unha novela que naceu enteira, cabalmente do mundo da infancia, esa fonte das persoas que mana dentro de nós». Referiuse logo Suso ao mundo retratado n’ As rapazas de Xan «é o que Manolo Turnes sinte que pertence, o que coñeceu na súa infancia, o que preexistía antes do seu nacemento, un mundo situado nun momento histórico moi concreto cando os pobres de Europa emigraban cara América»: «Esta novela fala, ademais, do franquismo, de como as aldeas vivían baixo o xugo da parroquia, das humillaciónse e do temor, dun pobo amedrentado polo crego ou pola parella da Garda Civil, fala dun pobo que quería vivir doutra maneira. Fala sen mixiricadas nin idealizacións da aldea, dun campo cheo de xente, moita xente de todas as xeracións. Nesta novela esta cabalmente todo o mundo que foi», rematou.

Onte 242: As rapazas de Xan

Pablo Vaamonde publicou no seu blog o prólogo d’ As rapazas de Xan, a novela de Manuel Iglesias Turnes. Iníciase así a socialización dunha obra de fasquía clásica que relata a vida nunha aldea da Barcala de malla a malla, nun ano da metade dos cincuenta. A violencia sobre as mulleres e sobre os humildes, a emigración americana como case único horizonte para os novos, a forte presenza represora da Igrexa, as relacións desiguais entre as casas e as familias son algúns dos temas dun relato moi emocionante de inequívoco sabor etnográfico. Turnes actualiza con acerto, ofrecendo as doses precisas de sentimentalidade, mais fuxindo da grandilocuencia, un relato moi fiel sobre a vida e os traballos na aldea, cerne da memoria viva de milleiros das familias humildes galegas. Suso de Toro, Che Turnes e Pablo Vaamonde acompañarán ao autor o venres 18 de maio na presentación da novela en Negreira.