Artigos

O valor do apego

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao programa Apego:

02_logo_completo_apegoO anuncio da incorporación do concello de Nigrán e doutros seis municipios (entre eles Ponteareas e Vilagarcía) ao proxecto Apego de fomento da socialización da infancia en galego merece todos os parabéns. Acádase así o número de trinta concellos (con gobernos municipais de todas as cores políticas), entre os que están os da sete grandes cidades, participantes nun programa colectivo deseñado co obxectivo de fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial.

Promovido pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua e desenvolvido de forma cooperativa polos servizos de normalización lingüística dos concellos participantes, onde vive a metade da poboación galega, o proxecto Apego diríxese ás familias novas, tanto as que se preparan para a chegada dun novo membro como para aqueloutras que teñen nenos e nenas ata seis anos, coa intención de propoñerlles que valoren o uso da lingua galega como vínculo de apego familiar e como raíz de arraigo nosa nosa terra.

A elección do nome “apego” foi moi meditada polos deseñadores deste programa, tanto polo seu significado no dicionario galego (“afección, inclinación, amor por algo ou alguén”) como pola súa proximidade á teoría do apego formulada polo psicólogo inglés John Bowlby, que o define como “o vínculo emocional que desenvolve o neno ou a nena coa nai ou as súas persoas coidadoras, o que lle proporciona a seguridade emocional indispensable para o desenvolvemento da súa personalidade”.

Nos primeiros anos de vida, o apego sería tanto sinónimo de amor e afecto como de vínculo, de lazo con esa figura adulta cuxa presencia incondicional asegura a supervivencia e achega a seguridade necesarias para a vida. O afecto e o vínculo como atmosfera na que se establece a comunicación corporal de agarimos, aloumiños e coidados e a lingüística dos primeiros falares e cantares. Do sentimento apego nacen as primeiras palabras, a lingua na que aprendemos a falar, como base da identidade futura, unha experiencia única e irrepetible.

Neste contexto, cada unha das familias que agarda un novo membro pode valorar a posibilidade de poñerlle un nome en galego, o que constituiría un elemento máis de apego á familia e orgullo sas súas orixes, como pode valorar as razóns para falarlle en galego dende o principio. E abofé, como amosa o proxecto Apego, que existen razóns abondas para facelo. Sexa polo feito de que o que cada un falamos será o que quede prendido nos picariños coma un pouso; sexa pola feito de que a chegada dun novo membro á familia é un momento de mudanzas, emocións e ledicias ou sexa por que a transmisión da cadea da lingua de nais e pais a fillos e fillas é a chave para o futuro da calquera lingua.

Como tamén existen outras razóns para comprometernos co galego como valorar o orgullosas que non sentimos da nosa terra, da nosa paisaxe e da lingua que recibimos como herdo e en herdo nos corresponde deixar os que nos suceden. Ou polo feito de que se os nosos medran dende o inicio co galego no futuro poderán decidir se seguen ou non utilizando unha lingua que sabemos é unha ponte marabillosa para aprender portugués e que as fai persoas bilingües, xa que todos os nenos e nenas galegofalantes saben tamén castelán.

O programa Apego achega recursos gratuitos a aquelas familias que agardan un bebé e deciden utilizar o galego na crianza. Contan cunha caixa de benvida con materiais como un boneco-manta, un álbum de recordos das primeiras experiencias, un disco de música en galego para os primeiros anos ou un medidor para seguir o crecemento. Ademais de ofrecer outros recursos na web do programa (apego.gal) como un libro descargable dirixido ás embarazadas para preparar a acollida da crianza ou o acceso a arrolos, cantigas de berce, cancións de anainar, recitados, xogos de mans ou xogos para o colo, pezas pertencentes á literatura de tradición oral galega que contribúen ao establecemento do apego entre a persoa adulta e a crianza.

Programas como Apego forman parte da estratexia de fomento do emprego do galego dirixida á primeira infancia e baseada na corresponsabilidade das familias e no apoio tamén corresponsable das administracións locais e dos seus profesionais. Hoxe a creación de espazos de socialización en lingua galega para nenos e nenas é un requisito indispensable para restaurar a cadea rota da lingua galega. O futuro do galego depende de cada un de nós, de cada unha das familias, xa que as linguas perviven só se os seus falantes deciden usalas. A nosa lingua terá futuro se a utilizan os nosos fillos e fillas, eles e elas están chamados a transmitila aos falantes do mañá. Aí o valor do esperanzoso Apego.

Onte 1400: Apego, que o seu nome sexa propio

logo_completo_apegoReparei onte por un chío da Coordinadora de ENDL no magnífico texto das recomendacións do programa Apego para axudar en tan importante decisión como é a de escoller nome dun fillo ou filla. Co agarimo e rigor co que está concibido todo este programa socioeducativo, dirixido ás familias que deciden que o galego teña un lugar nas súas vidas, o texto propón que cada familia valore a posibilidade de poñerlle un nome en galego pola orixinalidade, atractivo e o seu carácter propio, o que contribuiría a súa diferencia dentro da sociedade global. Como nomes en galego hai moitos, «e bonitos e orixinais», o programa fai unha ampla proposta deles, dando conta da súa orixe e significado.

Recomendo compartir no eido educativo os excelentes contidos de Apego, «un programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial», que nestes momentos desenvolven os servizos de normalización lingüística de trece concellos (Ames, A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo) e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua. Ben sería que tras a constitución de novas corporacións en concellos e deputacións, se incorporasen novas entidades a este programa de esperanza para a lingua galega.

Onte 1274: «Apego»

falalle_galegoÉ un gran noticia para o idioma que doce concellos (entre eles Vigo, Ferrol, Santiago, Ourense, Redondela, Narón e Carballo), gobernados por diversos partidos, acordasen poñer en marcha o programa «Apego» coa intención de mellorar a socialización en galego de forma temperá. Un proxecto colaborativo ilusionante, desenvolvido dende os servizos de normalización lingüística de cada concello, coa intención de anosar o sentimento de apego para o galego, mais tamén como sintagma de afecto e simpatía na familia, como alicerce do desenvolvemento social e emocional dos menores de seis anos no seu entorno. Como sucedera hai trinta anos con aquela inesquecible campaña de «Fálalle galego», «Apego» é unha iniciativa chamada tamén a deixar pegada e emoción, a abrir un camiño novo nun momento decisivo para a lingua, para a recuperación de falantes no entorno familiar e para desfacer tantos prexuízos existentes no ámbito do público. Beizóns para as profesionais que a promoveron.