Listado de la etiqueta: antonio_tabucchi

Onte 200: Afirma Tabucchi

Souben da morte de Antonio Tabucchi xantando con bos amigos no Nuevo Derby de Urzaiz, o noso particular Café da Orquídea. Na casa procurei na biblioteca os seus libros. Unha ducia, a maior parte deles moi anotados. Mantívenlle lei a Tabucchi dende Dama de Porto Pim, unha viaxe aos Azores que lin no oitenta e sete, deica as nove historias de El tiempo envejece de prisa, que lin nunha viaxe a Madrid do marzo de hai dous anos. Sempre gustei de Tabucchi a abordaxe que fixo do tempo que se vai esvaendo nos territorios imprecisos da memoria, asumindo que aquilo que imaxinamos convértese en recordo. Mestre indiscutible do conto, a obra que máis me impresionou foi Se está haciendo cada vez más tarde (2002), unha novela en forma de cartas nas que escolle o amor como punto de fuga para conducir ao lector cara ás zonas máis agochadas da alma. Unha novela fermosísima escrita dende o compromiso do narrador de procurar un sentido a vida, enxergando o futuro como un banco de néboa. Tiven a fortuna de coñecelo nunha das súas viaxes a Galicia, cando participou nunhas xornadas didácticas. Lémbroo agora con saudade, esa nostalxia agarimosa, nas páxinas de Tristano morre, a súa derradeira novela, na que se interroga sobre os compoñentes esenciais da vida e as posibilidades de relatala. Ese compromiso coa vida e o seu relato guiou o seu oficio de escritor ao que se dedicou tan xerosamente.