Listado de la etiqueta: alejandro_dujovne

Onte 2107: Roger Chartier e a edición en tempos incertos


No último número de Tramas & Texturas, o 43, leo unha interesentísima conversa con Roger Chartier, un dos investigadores sobre a edición, o libro e a lectura máis importantes da actualidade, na que debulla a situación actual da edición internacional na contorna poscovid. Guiada polo profesor arxentino Alejandro Dujovne e realizada con motivo da Feria virtual de editores de Buenos Aires do pasado mes de agosto, a conversa aborda algunhas das polémicas centrais da edición: o modelo actual da edición sen editores, as mudanzas na comercialización, o papel das feiras do libro, o futuro das librarías, para rematar cunha reflexión sobre a lectura e o papel dos estados na orientación da vida cultural da sociedade.

Interesoume a relectura que Chartier realiza sobre a fórmula da edición sen editores acuñada por André Schiffrin identificando na actualidade tres modelos de edición. A primeira,  na que domina a lóxica puramente comercial sobre a lóxica estética ou intelectual procurando a rendabilidade para cada edición e para cada título, abandonando o modelo utilizado dende o século XVIII de que no balance anual dunha editora os libros que se venden poden equilibrar a aqueloutros que non. A segunda, a edición que abandona a edición e corrección dos manuscritos (o que os editores chaman editing) en colaboración e diálogo cos autores e autoras. E a terceira, a edición concibida como autoedición, facilitada na actualidade polo mundo dixital. Fronte a estes tres modelos de edición sen editores, Chartier cre que «unha política editorial ben concebida pode apostar por libros que, aínda se sabe que non poden ter un proveito inmediato, son libros cuxa calidade e imortancia prometen un destino a máis longo prazo como libros de referencia, tanot na ficción como nas ciencias humanas ou sociais».

Con respecto ás feiras do libro e ao futuro das librarías, Chartier considera que ambas as dúas manteñen toda a súa razón xa que «permiten encontros cos autores, cos editores e, o máis importante aínda, cos libros». Para el o mundo dixital non é capaz de substituír o encontro colectivo que se produce nas feiras do libro, como tampouco o descubrimento que se produce nas librarías, «institucións esenciais do espazo público», «lugares de resistencia e conversa». «As librarías transformáronse en foros de discusión, nun lugar de entendemento e de crítica, o que non ten equivalencia no mundo dixital. Para Chartier as librarías actuais son «un lugar de sociabilidade, de discurso, de discusión, d eintercambio, é un lugar de descubrimento».

Partindo de que para Chartier non hai unha única forma de lectura porque existen distintas comunidades de lectores, con competencias, disposicións e saberes distintos, considera que na actualidade «por primeira vez na cultura da palabra escrita existe unha separación entre o obxecto e o texto, entre a materialidade do soporte e o discurso que soporta». Isto ten importantes consecuencias para a lectura xa que transforma a relación entre o fragmento textual e a totalidade do discurso, moi  forte no caso do libro impreso, inexistente no caso do texto electrónico.

Como ten consecuencias para como lemos hoxe que no mundo dixital «se le para escribir e se escribe para ler», de xeito que «a práctica da lectura nas redes sociais imponse como modelo hexemónico de todas as lecturas, unha lectura acelerada, fragmentada e impaciente». Para Chartier «a consecuencia máis grave desta distorsión é a transformación do criterio mesmo de verdade». «Na lectura manuscrita ou impresa, establecer a verdade dun enunciado supoñía saír do enunciado e confrontalo con outros, buscar información, aplicar o xuízo crítico, investigar, establecer o grao de autoridade e veracidade do enunciado». «Na lectura das redes sociais, o criterio de verdade atópase inscrito dentro da rede mesma […], o lugar compartido onde se atopa é unha garantía suficiente da súa verdade». «É a razón pola cal a tecnoloxía dixital, que permite compartir coñecementos, saberes e sabedorías, transformouse no instrumento máis poderoso para a difusión das teorías mais absurdas, noticias falsas, manipulacións do pasado, falsificacións da realidade e verdades alternativas».