Onte 1096: Retirada a tempo
A retirada do anteproxecto de lei do aborto anunciada por Rajoy e a demisión presentada onte por Gallardón son unha clara vitoria do movemento feminista e da cidadanía mobilizada contra unha contrarreforma tan regresiva para os dereitos das mulleres como a presentada polo que foi ministro de xustiza. Esta é unha clara vitoria da sociedade civil, mais tamén un alivio para as mulleres que son as únicas que deben decidir sobre a súa maternidade. Como tamén, nono esquezamos, unha proba da eficacia que a mobilización cidadán ten na defensa dos dereitos e liberdades conquistadas. Rajoy e o equipo de Arriola comprenderon, por fin, o perigo electoral que corrían impoñendo unha contrarreforma avalada só polos grupos ultraconservadores e a xerarquía da igrexa católica. Mágoa que este criterio realista non fose utilizado antes para evitar a aprobación da contrarreforma educativa de Wert, cuxa orixe e o seu rexeitamento son semellantes ao anteproxecto retirado. Outrosí debería suceder coa reforma anunciada no procedemento de elección das alcaldías. Ben sabe Rajoy que é preferible unha retirada a tempo que lamentar a derrota.