Amamos a escola
Sigo con admiración a mobilización do profesorado portugués iniciada o pasado curso en defensa da escola pública de calidade e da dignidade da súa carreira profesional. Utilizando a etiqueta «Amamos a escola» nas cartelas das manifestacións diante das escolas e na comunicación en redes, a campaña intensificouse esta semana co retorno ás aulas, agravado pola falta e inestabilidade endémica do profesorado e os seus baixos salarios, apelando o apoio das familias xa que loitan polas súas crianzas. Reclamacións, ademais das económicas, que afectan a cerna do servizo público: redución do número de alumnado por grupo, promoción dunha educación inclusiva, incremento de investimentos na modernización dos centros e na dotación de aulas, laboratorios, bibliotecas, comedores e áreas deportivas e de lecer, ademais de respecto (palabra clave na convivencia do centro) pola figura do docente e redución da sobrecarga de tarefas administrativas que rouban tempo a actividade principal de ensinar. Táboa semellante á do profesorado galego neste inicio de curso, sobre todo no que atinxe a redución de ratios (en Secundaria a niveis anteriores á pandemia), a conservación da rede escolar pública en todo o territorio galego e ao aumento das prazas do catálogo do profesorado dos departamentos de orientación (tanto mestras orientadoras como de PT e AL), fóra dos parches de programas sen estabilidade como Proa + ou Arco; medidas de atención a diversidade imprescindibles para afrontar con rigor o obxectivo dun modelo de educación inclusiva e dos centros como espazos seguros e de benestar. Secasí, ademais do necesario compromiso da administración educativa galega, que non dexergamos por ningures, o profesorado galego precisa novas doses de entusiasmo e compromiso profesional e empatía participativa en cadansúa comunidade escolar, como a iniciativa lusa #AmamosAEscola, para reactivar así o modelo de escola pública galega. O futuro da educación galega depende tamén dos que amamos a escola.
Publicado en Nós diario: 20/09/2023