Os 302.500 euros que a Xunta de Galicia destinou para subvencionar a produción do videoclip da canción “Noche y de día” de Enrique Iglesias expresan, ademais da inusual xenerosidade do goberno de Feijoo con algúns proxectos musicais foráneos, a ausencia dunha estratexia de promoción turística de Galicia nos mercados internacionais. Moitos cartos para que nos 45 segundos iniciais dunha peza de catro minutos aparecesen once paisaxes emblemáticas do noso país, entre as que están a praia de Augasantas de Ribadeo (popularizada como “praia das Catedrais”), o faro de cabo Home, a ponte de Rande, a ponte do Milenio de Ourense, a muralla de Lugo, o canón do Sil, a praza do Obradoiro e, sobre todo, unha secuencia de 15 segundos da Cidade de Cultura no monte Gaiás. Eis toda a presenza das paisaxes emblemáticas de Galicia, onde faltan as illas Cíes, a Ría de Arousa e o Camiño de Santiago, tres dos principais alicientes da nosa oferta turística internacional, apenas un limiar en off para que o fillo de Julio Iglesias e Isabel Preysler comezase despois a súa festa rave de bailes sensuais no interior do mosteiro de Carboeiro, o que semella tampouco chistou moito ao bispado de Lugo que denunciou o seu contido e o xeito no que foi gravado nun espazo da súa propiedade.
Xaora, moitos cartos, 6.000 euros por cada segundo con presenza de Galicia, xustificados polo beneficiario como “unha axuda a Galicia en tempos de crise” e por Feijóo e Rueda case coma unha ganga xa que ambos os dous declararon que a peza audiovisual (non sei se polas cadeiradas sensuais dos seus protagonistas) funcionará coma un imán que atraerá a Galicia a milleiros de futuros visitantes. Mais neste tempo de precariedade para todas as industrias culturais, é inevitable comparar estes 302.500 euros cobrados do tesouro galego pola produción de Enrique Iglesias coas partidas destinadas á promoción da cultura galega polo austero goberno de Feijóo. E coas cifras publicadas no “Diario Oficial de Galicia” diante as comparacións renxen moito, moito.
O recibido pola compañía Universal, a produtora do chamado rei do dance, equivale ao dobre da cantidade anual que a Asociación Galega das Industrias Culturais (AGADIC) dedica ás Axudas de Talento para a produción audiovisual galega (145.000 euros en 2014 para trece proxectos). Trescentos mil euros que supoñen un 30 % máis do que a Xunta de Galicia dedicará durante 2015 a apoiar a todos os festivais de música en Galicia (apenas 210.000 euros) e un 50% do destinados aos festivais de teatro (160.000 euros), ou un 70 % superior á cantidade destinada a apoiar a todos os medios de comunicación que publican en galego. E se os comparamos co destinado pola consellaría de Cultura e Educación ao fomento do libro e da lectura, son equivalentes á cantidade dedicada durante tres anos a apoiar o programa de tradución en galego, co que se pretende promover a publicación de obras da nosa literatura en diferentes linguas do mundo ou os fondos destinados durante dous anos a apoiar a celebración das feiras do libro de Galicia en máis dunha decena de localidades.
En definitiva, semella que a severidade orzamentaria utilizada polos gobernos de Feijóo coa produción e promoción da cultura en galego e co apoio ás súas industrias culturais (musical, audiovisual, dramática e editorial) transfórmase de súbito en desbordada xenerosidade cando se trata desta produción dance estadounidense de tan espida calidade artística coma dubidosa oportunidade para promover Galicia como destino turístico. E, non sexamos inxenuos, aquí reside a cerna da polémica da elevada axuda ao vídeo de Iglesias. No desafortunado aventurerismo que supuxo unir a estratexia da promoción turística de Galicia á imaxe dun cantor popular, sen dúbida unha das iconas da música latina, mais con nula capacidade para expresar un discurso singular sobre a cultura, lingua e identidade do noso país. Non é Enrique Iglesias o embaixador musical que precisamos no mundo.
Como fixera tan exitosamente Víctor Vázquez Portomeñe, cando no primeiro goberno Fraga (1990) puxo en marcha o Ano Xacobeo, unindo nun mesmo programa a promoción turística, cultural e institucional do noso país, hoxe Galicia precisa forxar un novo proxecto promocional. Unha estratexia que non dubido debe estar artellada sobre os Camiños de Santiago e a súa tradición cultural ibérica e europea, mais sen esquecer a súa apertura aos mercados da fachada atlántica, onde é imprescindible consolidar o turismo cultural de cruceiros e establecer vieiros coas comunidades da lusofonía. Un proxecto turístico no que a existencia dunha lingua e cultura propias, unha gastronomía de calidade, a conservación dun patrimonio cultural milenario e un patrimonio natural excepcional constitúen os principais reclamos.