Selectividade polémica
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á polémica sobre as probas ABAU:
A celebración a pasada semana das probas ABAU (Avaliación de Bacharelato para Acceso á Universidade) estivo tinguida de polémica tanto polas novidades introducidas para evitar trampas e fraudes, pola nova convocatoria de xullo como polos erros de procedemento cometidos nalgunhas materias durante a súa realización. Polémica educativa á que tampouco foi alleo o debate aberto polos partidos da dereita española que pretenden recuperar a realización dunha única proba estatal de acceso á universidade argumentando que contribuiría a evitar a [suposta] discriminación que sofre o alumnado dalgunhas comunidades, como sería o caso de Galicia en materias como Matemáticas, onde as probas serían máis difíciles de superar e onde se obteñen cualificacións inferiores, feito que suporía para o seu alumnado unha discriminación no acceso a determinados estudos universitarios cuxa nota mínima sería para eles inalcanzable.
Neste contexto, ninguén puxo en cuestión que a CIUG (Comisión Interuniversitaria de Galicia), organizadora dunhas probas nas que participaron máis de once mil alumnos e alumnas galegos, prohibise o acceso aos lugares de realización dos exames con teléfonos móbiles, reloxos intelixentes ou calquera outro dispositivo electrónico, mesmo apagados, considerados polos examinadores como «chuletas», que suporían a eliminación dos seus usuarios. Como tamén que obrigase a que todos os alumnos e alumnas mantivesen «os pavillóns auditivos despexados para a verificación de que non se usan dispositivos auditivos non permitidos». Un eufemismo académico, a proba de «copións de pinganillo», que obriga a que nestes exames todo o alumnado levou o pelo recollido e deixou as gorras e chapeus na casa, o que sen dubida tamén podería cun pouco de humor e retranca abrir un debate sobre a súa liberdade na elección de vestiario e imaxe nos centros educativos ao longo de todo o curso.
Xaora, a polémica quentouse xa na primeira, das tres xornadas de exames, co atraso no inicio do exame de Lingua Galega, cuxo contido foi substituído polo de reserva debido a unha precipitación na apertura das caixas desta proba. Erros que continuaron no exame de Bioloxía e Xeoloxía, repartido aos estudantes exclusivamente en castelán e que tamén afectaron na terceira xornadas aos cases tres mil alumnos e alumnas de Historia da Filosofía cuxa proba foi aprazada á tarde do venres debido a que ningún dos seis exames sometidos a sorteo cumprían as instrucións do grupo de traballo desta materia optativa. Un «descoido», como recoñeceu o propio presidente da CIUG, co que se pechaba unha insólita convocatoria, na que se produciron máis erros do que semellaría comprensible nunhas probas académicas determinantes para acceso á universidade.
Non obstante, a polémica sobre as ABAU tamén afectou ao seu tratamento por parte dalgúns medios de comunicación, singularmente pola TVG, cando na súa cobertura ao inicio das probas aludiu ás desigualdades entre comunidades salientando que o alumnado galego «saía perdendo» debido a que se «examinaba dunha materia máis, a de galego», engadindo sen basearse en informes ningúns que «en Galicia as probas son máis difíciles e os criterios de corrección máis esixentes». Un enfoque pouco afortunado, moi criticado nas redes sociais, polo feito de introducir nunha peza informativa unha valoración tirada do argumentario creado polos que apostan por unha selectividade única e estatal, como defendeu tamén o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo e como días despois faría a deputada de Ciudadanos Marta Rivera de la Cruz. Unha cobertura que para máis inri consideraba a lingua galega coma outra carga [negativa, polo tanto] para o alumnado; valoración chea de prexuízos, incomprensible para un medio público, cuxa primeira misión é «a difusión da cultura e lingua galegas, así como a defensa da identidade de Galicia».
Unha valoración que máis alá da tacha evidente que supón para a imaxe social da nosa lingua entre o alumnado e as súas familias, incide no enfoque recentralizador destas probas de Selectividade, o que levaría de forma inevitable a unha uniformización do curriculum do Bacharelato, e por extensión do conxunto da Educación Secundaria Obrigatoria, tanto nos contidos e competencias como na súa organización. Unha pretensión recentralizadora promovida pola dereita española que pon na reforma das ABAU a primeira diana da súa estratexia de darlle a volta ao carpín da educación, xestionada dende o pacto constitucional polas comunidades autónomas. Non sexamos inocentes: detrás de toda a polémica sobre a equidade das ABAU agóchase a pretensión dunha reforma centralizadora e reaccionaria do noso sistema educativo.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir