Pioneiros da edición en Vigo
Abro co que publico hoxe en Faro de Vigo unha serie de tres artigos sobre a historia da edición en Vigo:
Carlos Núñez abriu a Feira do Libro, instalada na Porta do Sol, cun magnífico pregón no que defendeu o valor da lectura e a pervivencia do libro impreso e do complexo mundo de profesionais que traballan nese sector da industria cultural. Xaora, Núñez, veterano publicista, tipógrafo e deseñador gráfico, salientou o carácter de Vigo como unha das cidades de maior produción de libros de España: “Vigo é a cidade atlántica do automóbil. Vigo é a cidade mundial do conxelado. Mais Vigo é a cidade do libro, a primeira cidade galaica da edición”. Citando, a seguir, os nomes dalgúns editores, impresores e libreiros vigueses.
Dedicado “ao recordo de todos os escritores, artistas, impresores, editores e libreiros, que foron perseguidos ao longo da historia por defender a liberdade de conciencia e expresión”, o emocionante pregón de Núñez salientou a importancia para o Vigo actual da industria editorial e de artes gráficas e a necesidade de acometer unha historia da nosa edición. Un relato (por construír) que, sen dúbida, vai ao fío do desenvolvemento da propia cidade, tanto desde o século XIII, cando aquel “Vicus” medieval foi fundado polas voces líricas de Martín Codax, Mendiño e Xohán de Cangas, poetas que sentiron o feitizo das ondas e da brétema sobre a ría, como no nacemento da cidade contemporánea, xermolada a finais do XVIII na primeira acumulación de capital corsario, que máis tarde, en 1822, supuxo a aparición do primeiro centro de impresión que instalou o coruñés Pascual Arzá, onde se imprimiu o “Semanario patriótico de Vigo” (1823), o primeiro periódico da cidade, coincidindo coa creación (efémera) da nova provincia de Vigo.
Unha historia da edición en Vigo, que continuaría con nomes doutros impresores pioneiros como os de Juan Verea Varela (1835), Sebastián de Iguereta (1840), Gabriel Román (1843) e, sobre todo, co de Ángel de Lema e Marina, fundador da primeira imprenta estable e duradeira en Vigo, onde se imprimiu en 1848 o “Informe sobre el cólera morbo asiático” de Nicolás Taboada Leal, que pode ser considerado como o primeiro libro vigués, e onde o 3 de novembro de 1853 sairía o primeiro número de “Faro de Vigo”, publicación diaria desde 1879, o decano dos xornais españois. Imprenta de Faro de Vigo da que, ao longo de máis dun século, sairía boa parte da produción editorial viguesa, cuxo catálogo merecería ser estudado.
Unha historia das orixes da edición en Vigo que non se podería entender sen a participación de José Ramón Fernández Domínguez “Carballo” e o seu cuñado Alejandro Chao, quen a fins de 1855 convenceron ao impresor Juan Compañel, que até entón tiña en Madrid imprenta de seu, a que se establecese en Vigo. Do obradoiro vigués do editor compostelán, situado entón no 14 da rúa Real (correspondendo ao actual número 21, segundo acreditou o investigador Xurxo Martínez), sairía o 15 de xaneiro de 1856 o primeiro número do periódico liberal “La Oliva”.
Mais será nese mesmo prelo e nese mesmo ano cando o mozo Manuel Murguía publique os seus primeiro poemas, “Nena d’ as soledades” e as súas primeiras novelas, “Desde el cielo”, e “Mi madre Antonia. Primera parte del libro de un loco”. Como tamén será Compañel, tras o casamento de Murguía con Rosalía de Castro, quen publique en 1859 dúas obras da parella: “La Hija del mar”, a primeira novela rosaliana e “La primera luz”, un libriño de lecturas que Murguía concebiu para uso das escolas de primeiras letras de Galicia. A amizade co editor levou á parella mesmo a vivir uns meses do ano 1860 en Vigo, onde se imprimirían as primeiras entregas do inconcluso “Diccionario de escritores gallegos” de Murguía e onde en 1863 se publicarían os poemarios de Rosalía Castro “A mi madre” e “Cantares Gallegos”, que saíu do prelo o 17 de maio daquel ano. Unha relación do editor cos Muguía-Castro coa que Vigo quedou unida para sempre co proxecto histórico de recuperación e normalización da edición en lingua galega, á que nos debemos os editores actuais.
Outros impresores vigueses do dezanove foron Fernández de Dios, a quen se debe a edición de “Monografías de Vigo” (1878) de Vesteiro Torres (unha figura a recuperar); Ángel Varela Ruiz, que no prelo da rúa Carral publicou libros de Eduardo Chao e Nicolás Taboada Leal; Cerdeira e Fariña (1897) e o impresor suízo Eugenio Krapf, que a comezos do século vinte fixo fermosas edicións de clásicos españois. Como tamén son de salientar as publicacións saídas do prelo do xornal “La Concordia”, onde se editou, entre outros libros “La corona de fuego” de Luis Taboada Coca, o máis famoso dos escritores vigueses daquel tempo.
Acerta Carlos Núñez cando reivindica a memoria destes editores pioneiros, como dos fabricantes de papel do século XIX, que tamén os houbo en Vigo, semente da edición viguesa do século XX, á que nos referiremos noutra entrega.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir