Onte 390: Cifras críticas para o libro galego (III)
Unha panorámica sobre a situación actual do sector editorial galego, como que vimos facendo estes últimos días, non pode ocultar a redución dos fondos destinados pola Xunta de Galicia ás políticas públicas de lectura e ás destinadas ao fomento da lingua galega, entre o 50% e o 65% de todas as súas partidas, que se produciu dende 2009. As compras de novidades editoriais en lingua galega destinadas a bibliotecas públicas, reducíronse de 1.250.000 euros (2009) a 500.000 euros (2012), o que supuxo un recurte do 60% ao longo da lexislatura. Redución moi significativa cando pola contra a produción editorial en galego aumentou en número de títulos no mesmo período, debido ao esforzo de dixitalización dos catálogos acometido polos editores galegos sen ningún tipo de axuda por parte da Xunta de Galicia. A resolución da compra de novidades editoriais, correspondente á produción editorial de 2011, amosa que se precisarían triplicar os fondos destinados pola Secretaría Xeral de Cultural para cumprir o compromiso establecido pola Lei 17/2006 do Libro e a lectura de Galicia a este respecto. Outrosí sucede coas axudas convocadas, ao longo de dúas décadas, pola desaparecida Consellaría de Cultura destinadas a Grandes Proxectos Editoriais (non convocadas xa en 2012) e a Tradución de obras para o galego e dende o galego que tras a redución ao 50% do seu importe, sufriron o alongamento do pagamento dos seus importes a un terceiro exercicio. Outrosí acontece coas axudas para a edición de materiais didácticos impresos e dixitais dirixidos ao sistema educativo non universitario convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística que pasaron dunha dotación superior ao millón de euros en 2009; a unha redución de case o 50% en 2010 (501.617 euros); a unha inaudita supresión no mes de setembro da adxudicación da convocatoria de 2011 (400.000 euros); á adxudicación da convocatoria de 2012 (350.000 euros), o que supón unha redución do 65% ao longo da lexislatura.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir