Onte 357: Camiño do Ézaro

A etapa da Vuelta que rematou no Mirador do Ézaro foi espectacular. Despois de xantar, apampei diante do televexo (como dícían Manuel María e Celso Emilio Ferreiro) seguindo un dos meus percorridos preferidos do país, o que vai dende os vieiros da ría de Muros, para logo pasar por Louro, Lira, Carnota e subir ao Pindo, paisaxes de beleza desbordada, máis aínda nunha tarde tan luminosa como a de onte. Dende a ollada do helicóptero, esta Galicia atlántica é unha auténtica golosina visual. Unha marabilla! Coa excepción da lamentable utilización partidista dalgúns políticos, especialmente de Rafael Louzán pillando cámara canto pode, as etapas da Vuelta desta semana contribúen á promoción turística de Galicia. No entanto é unha mágoa que a transmisión do treito final dunha etapa moi dura e moi emocionante quedase un chisco ensombrecida por algúns comentarios pouco afortunados, froito dos escasos coñecementos xeográficos e dos prexuizos dos comentaristas de TVE. Como tamén é de lamentar a ausencia nas estradas de ciclistas galegos, debido á inxusta sanción de Ezequiel Mosquera (a quen se lembrou nas rampas do 25% camiño de Ézaro) como á desaparición do equipo profesional galego, liquidado a comezos da lexislatura de Feijoo. Ademais, a etapa foi unha oportunidade ideal para reivindicar outra vez o Monte Pindo como Parque Natural. Ben feito!

1 comentario
  1. Maeloc
    Maeloc Dice:

    Un servidor é amante do ciclismo e de Galicia e hoxe desculpen, por se escribo demasiado: a televisión empezou a súa retransmisión cando a serpe multicolor pasaba pola praia de Parameán, da localidade de Esteiro, no concello de Muros. Despois, cando o ciclista navarro Xabier Zandio e outros caeron no chan, ningún dos comentaristas dixo que o accidente ocorrera na vila de Muros e un deles, o que se chama Carlos de Andrés, chegou a comentar -con ton aparentemente asustado-, cando as camaras enfocaban a magnífica praia e lagoa das Xafras, ao pé norte de Monte Louro, que este tipo de areais eran máis ben para pasear e non para bañarse. Minutos despois apareceu na pantalla a inigualable praia de Carnota en todo o seu esplendor e potencia atlántica, e o mesmo comentarista, fillo do Mediterráneo, non soubo dicir o seu nome, cando este mesmo locutor se documenta moi moito nas retransmisións que fai do Tour de France, indicando, con precisión enciclopédica, se tal igrexa é románica, gótica, etc., pero, cando, na etapa anterior de La Vuelta, as camaras amosaron, durante bastante tempo, a belida ermida románica da Lanzada (el dicía Lanzada, non A Lanzada, sen o racial artigo galego a) quedou calado coma un peto. Aínda hai máis comentarios desafortunados que sería aburrido enumerar. É o conto de sempre, case todos os meseteiros e mediterráneos din que en Galicia se come moi ben (el marisquito etc.), mais, despois, vese que non amosan un verdadeiro achegamento e interese por nós e pola nosa cultura. A propósito das comidas, ao devandito Carlos de Andrés, que, por outra banda, semella ser boa persoa, quizais o denunciou o seu inconsciente gastronómico, cando lle chamou á localidade carnotán O Viso, el Guiso ou algo polo estilo. É unha mágoa, pero, como dicimos os galegos, éche o que hai.

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa una resposta a Maeloc Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *