Onte 2135: «santoamaro», o magnífico Premio Jules Verne de Antonio M. Fraga
Consegue Antonio M. Fraga con santoamaro (Xerais 2021), premio Jules Verne de literatura xuvenil 2020, darlle unha volta de porca literaria á chamada «novela de instituto» mesturando de forma natural á narración e o teatro. A orixinalidade na escolla dunha estrutura hibridada entre a novela e peza dramática, a localización espacial e temporal precisa, a praia urbana de Santo Amaro do coruñes barrio de Monte Alto durante as madrugadas dos sábados dun mesmo verán, así como a fidelidade de espírito naturalista dos rexistros das voces dos personaxes, incluídas as textualidades das conversas dos grupos de WhatsApp e as súas preferencias musicais, permiten contar con enorme credibilidade e contundencia, froito dunha prosa clara e traballada, exenta de retórica lírica e tópicos didácticos, a historia dramática dunha ducia de estudantes que acaban de rematar 2º de Bacharelato e deben enfrontarse, antes de que os seus camiños se afasten, ás violencias, conflitos e miserias que foron adiando ou agochando nos anos de instituto.
santoamaro é unha novela de formación contemporánea logradísima e de excelencia, tanto no seu achegamento temático como formal, que aventuro marcará un fito na literatura xuvenil galega e na traxectoria do propio autor. Parabéns ao meu admirado Antonio.
Trackbacks y pingbacks
[…] Le unha reseña. […]
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir