Onte 1789: Manuel Esteban no Ateneo Eumés
Gustei moito do modelo de presentación que o Ateneo Eumés de Pontedeume preparou no serán de onte d’ A ira dos mansos, a novela de Manuel Esteban gañadora do premio Xerais 2016. Ao xeito dunha sesión aberta dun club de lectura, o autor debullou as intencións dunha obra que confesou “naceu dunha ferida interior” e que definiu como “unha viaxe emocional na que se describen moitos prexuízos sobre a discapacidade intelectual”. “Aprendín a reinventarme máis alá da medicina, o que quizais está presente no personaxe do inspector Carlos Manso, un pesimista construtivo. A miña escrita é unha ferramenta para reclamar inclusión, dignidade e respecto, visibilizando a nación Down, ese pobo invisible capaz de apagar conciencias a prezo de saldo”. “Na novela hai unha intención de superar os prexuízos sobre discapacidade intelectural. A meirande parte das barreiras para estas persoas están no exilio interior amable ao que son sometidas, a viaxe que emprende Manso é dalgunha forma tamén a viaxe do autor”. Rematou Esteban cualificando a novela como “espello, mais tamén como unha panca”, antes de citar un diálogo do Merlín de Cunqueiro: “Que é unha mentira?, Talvez o que non se soña, príncipe”.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir