Listado de la etiqueta: pontedeume

Onte 1789: Manuel Esteban no Ateneo Eumés

Gustei moito do modelo de presentación que o Ateneo Eumés de Pontedeume preparou no serán de onte d’ A ira dos mansos, a novela de Manuel Esteban gañadora do premio Xerais 2016. Ao xeito dunha sesión aberta dun club de lectura, o autor debullou as intencións dunha obra que confesou “naceu dunha ferida interior” e que definiu como “unha viaxe emocional na que se describen moitos prexuízos sobre a discapacidade intelectual”. “Aprendín a reinventarme máis alá da medicina, o que quizais está presente no personaxe do inspector Carlos Manso, un pesimista construtivo. A miña escrita é unha ferramenta para reclamar inclusión, dignidade e respecto, visibilizando a nación Down, ese pobo invisible capaz de apagar conciencias a prezo de saldo”. “Na novela hai unha intención de superar os prexuízos sobre discapacidade intelectural. A meirande parte das barreiras para estas persoas están no exilio interior amable ao que son sometidas, a viaxe que emprende Manso é dalgunha forma tamén a viaxe do autor”. Rematou Esteban cualificando a novela como “espello, mais tamén como unha panca”, antes de citar un diálogo do Merlín de Cunqueiro: “Que é unha mentira?, Talvez o que non se soña, príncipe”.

Onte 773: Cos dous Antonios en Pontedeume

É un feito esperanzoso o relevo xeracional que comeza a producirse na nosa produción cultural. Onte presentamos en Pontedeume, a que para min sempre será a vila d’ Os meus ollos de Ramiro Fonte, O Castañeiro de Abril, o premio Merlín 2013. Os dous Antonios nacidos na ría de Ares no ano 1976, Fraga, o autor deste magnífico texto, e Seijas, o ilustrador e membro do xurado, amosaron que a LIX galega ten unha extraordinaria canteira. Os máis dun cento de participantes na presentación quedamos axiña engaiolados co discurso profesional de Seijas relatando a súa experiencia na procura da alma dun texto que dende a súa primeira lectura considerou moi rico visualmente. E abofé que Seijas conseguiu que o seu trazo persoal e a súa maxistral utilización emotiva da cor e da luz impregnasen unha tan fermosa historia de superación e de dignidade persoal. Secasí sucedeu coa de Fraga que presentou con moita retranca os ingredientes principais –o deseño do protagonista (o cego Baltasar) e das antagonistas (as malvadas tías Garabullo), así como a elección do narrador (o inesquecible Buto, o cirurxián do calzado– utilizados nun relato que pretendeu que os lectores identificasen coma «un conto moi conto». Unha historia que salienta e reivindica a importancia das cousas miúdas, aquelas ás que aparentemente non lle concedemos importancia, «aínda que adoitan ser a principal orixe dos nos desgustos e satisfaccións». Dúas excelentes intervencións á altura dun libro deses que van quedar; unha obra que aventuro terá unha grande acollida de crítica e lectores nos vindeiros meses. Saín moi satisfeito da vila eumesa cruzando os ollos da ponte, aínda que non puiden evitar un leve recendo de saudade.

Onte 32: Ramiro Fonte

O traballo atrasado impediume viaxar a Pontedeume e sumarme á homenaxe dos amigos a Ramiro Fonte. Sentino ben, mais debo asumir que non son un atlas que pode con todo e que debo poñer límites o meu entusiasmo. Tras tres anos do seu pasamento a pegada do agarimo de Ramiro na memoria nosa mantense intacta. O seu recordo é limpo como foi a escritura de cada un dos seus versos de poeta cidadán. Eis a proba daquel fermoso que nos dedicou: «Todo o mar na fragrancia da ribeira». Á tarde, xa co acougo do domingo volvo sobre as páxinas de «Cronos no Casco Vello», un dos seus libros que máis aprezo:

¿Quen dixo que non ve a poesía
Con ollos de pintor esta cidade?
Naquela fiestra morta vive a ría
Con toda a súa luminosidade.

A humilde homenaxe nosa a Ramiro foi, aproveitando a fresquiña do serán, saírmos camiñar polo Casco Vello na procura daquela fiestra na que el atopou a man do tempo. Querémoste, Ramiro!