Onte 1629: Activismo literario de Xerais
Foi onte outra intensa xornada de activismo literario de Xerais, no que durante o serán se desenvolveron tres presentacións simultáneas doutras tantas novidades recentes da editorial. Na Numax de Compostela, Fran Alonso e Alba Cid acompañaron a Ismael Ramos na presentación do libro de poemas Os fillos da fame, premio Johán Carballeira do concello de Bueu. No salón de plenos do concello de Ribeira presentamos a obra xuvenil A cacería de Amadeo Cobas, gañadora do premio de novela cidade centenaria, ao tempo que asinabamos co alcalde a continuidade da nosa colaboración neste certame de narrativa curta. Xa case na noitiña na Cafetaría Vilariño de Ponte Carreira o incansable Manuel Iglesias Turnes presentaba Que non te aten, contando coas intervencións de Pilar Sampedro e Cándido Iglesias e coa colaboración da Libraría Pedreira. Activismo que continuaremos esta fin de semana con novas convocatorias literarias. No serán de hoxe na Biblioteca González Garcés da Coruña cunha nova presentación de Que non te aten, que pechará a actuación dos Cantareiros do Naval. O sábado á tarde Xurxo Souto prresentará na Biblioteca de Muxía o seu espectáculo “Oceano para terrícolas”, baseado nos seus Contos do mar de Irlanda. Ao mesmo tempo no Liceo de Noia Amadeo Cobas presentará A cacería da man do escritor Ramón Carredano, acto co que a editorial celebra o día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.
Comezaremos os actos da vindeira semana o martes na Fundación Luís Seoane da Coruña, onde o alcalde Xulio Ferreiro participará na presentación d’ A Galicia urbana. En Pontevedra acompañaremos na primeira feira do libro deste 2016 a Alberto Fortes, Ramón Caride, Álex Alonso e Anxo Angueira que presentarán as súas novidades, actos que coincidirán coas presentacións da novela de Amadeo Cobas en Vigo e Santiago. Pecharemos a semana o venres na Casa do Libro de Vigo coa agardada estrea de Esmeraldina, a pequena defunta con Ledicia Costas e Víctor Rivas, protagonistas destacados tamén do Salon do Libro Infantil de Pontevedra. E o sábado ao mediodía presentaremos no concello de Fornelos de Montes a edición de Ramón Nicolás de Non debían medrar, coa que celebramos o centenario do nacemento de Manuel Lueiro Rei e a entrega do premio de poesía que leva o seu nome.
O esforzo de Xerais procura visibilizar as nosas novidades en espazos e localidades diversas, procurando chegar a novos públicos. Nun momento de hibridación e de incerteza, cando desapareceron practicamente as políticas públicas de lectura e de apoio ao libro editado en galego, o futuro do noso sector está tamén na nosa capacidade para activar o interese dos lectores e lectoras e ampliar o perímetro do seu abrazo. Nesa angueira seguimos.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir