Onte 1537: «O último día de Terranova» en Vigo
O pintor Antón Patiño e o escritor Manuel Rivas conversaron onte no Club Faro de Vigo arredor d’ O último día de Terranova. Antón, fillo de Antón Patiño Regueira, o fundador de Librouro, lembrou a presenza do seu pai na oficina da libraría «onde estaban os libros marxistas e os libros en galego, que chegaban ás veces mollados, moi protexidos, que viñan nos sotos dos transatlánticos ingleses e chegaban á libraría por medio dos camareiros galegos destes barcos, conformando así unha rede perfectamente organizada de contrabando de libros galegos prohibidos durante os anos da ditadura. Así chegaron as edicións arxentina como As cruces de pedra na Galiza e Sempre en Galiza de Castelao ou Pensamento e sementeira.» Lembrou tamén Antón como o seu pai encargara «unha edición en formato peto de Sempre en Galiza, que se preparou a partir dunha redución da páxina orixinal, o que dificultaba moito a lectura, mais da que se venderon varios milleiros de exemplares en Librouro».
Antón Patiño comezara cualificando O último día de Terranova como «un libro aínda quente, con palabras latexantes, ao que cómpre achegarse como a un ser vivo, onde Rivas fusiona o seu fascinio pola literatura coa que mantén coa natureza no seu último libro de poemas A boca da terra». «O último día de Terranova mantén como fios condutores a fidelidade e a coherencia coa memoria, coma xa fixera n’ Os libros arden mal, un libro árbore co que esta novela mantén moita relación.» Patiño insistiu en que esta novela de Rivas era unha ponla ou unha raíz d’ Os libros arden mal, «unha aleación entre realidade e ficción, soño e realidade, un libro que se enche de libros, de auga, de medos, de sons e texturas». «A dictomía entre cultura e natureza non existe para Rivas, xa que na súa obra constitúen unha aleación máxica.» Rematou Patiño cualificando O último día de Terranova como «unha homenaxe aos libros como sers vivos, onde non falta o humor nin a simultaneidade vangardista, construída coma un palimpsesto, onde se fusionan a literatura e a vida».
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir