Onte 1516: Neira, home ponte
Este é o meu homenaxe a Xosé Neira Vilas que publica hoxe Faro de Vigo con motivo do seu pasamento.
O escritor Xosé Neira Vilas foi moito máis que o autor de Memorias dun neno labrego, a obra máis popular da literatura galega do século XX, traducida a numerosas linguas, sendo unha das primeiras que lemos os neofalantes que nos incorporamos ao galeguismo durante a década dos setenta. Neira significou moito máis que ser o autor deste libro insignia do que foi a identidade galega da primeira metade do século XX. Pepe foi un home ponte, unha das trabes sobre a que se construíu a cultura galega das últimas seis décadas.
Neira armou unha ponte permanente entre Galicia e América emigrantes, desque marchou a Buenos Aires en 1949, e despois, en 1961, a Cuba, onde viviu durante tres décadas até que retornou, xunto a súa compañeira Anisia Miranda (falecida hai apenas seis anos), ao seu berce natal de Gres, nas terras do concello de Vila de Cruces. Neira foi ponte entre o mundo da edición galega en América e a que se realizaba na península. En 1957 fundou en Buenos Aires a editorial Follas Novas, a primeira distribuidora do libro galego na Arxentina, onde publicou o inesquecible libro protagonizado por Balbino, tamén organizadora da primeira semana do libro galego. Neira e Anisia, directora da revista infantil “Zunzún” e coordinadora de publicacións infantís do goberno cubano, serviron de ponte con Paco del Riego, entón xerente de Galaxia, para que se acometese a edición dos primeiros libros infantís en galego. Como tamén Neira serviu de ponte coa xeración de autores galegos que o precederon no exilio americano como Eduardo Blanco Amor, Luis Seoane, Eduardo Dieste ou Lorenzo Varela.
Como narrador construíu unha obra orixinal alicerzada sobre os tres mundos que lle foron propios, Galicia, Arxentina e Cuba, sendo a vivencia da emigración e do seu desarraigo os eixos temáticos principais. O seu afán pola brevidade, a súa precisión léxica e utilización dunha prosa certeira, traballada, meditada e complexa, permitíronlle gañar o entusiasmo de moitos lectores e lectoras que o recoñeceron como un clásico contemporáneo. Este xeito de contar tan característico levouno tamén ás páxinas dos xornais, onde desenvolveu un labor infatigable con intencionalidade didáctica e política, alternando a crónica, a memoria e a análise das noticias do noso tempo dende unha perspectiva inequivocamente galega.
Lembrarei sempre a Pepe polo seu optimismo contaxioso, propio dun activista de vontade teimosa. Contaba sempre con novos proxectos e azos renovados que expresaba nas frecuentes chamadas telefónicas ou nas conversas demoradas que tanto lle prestaban camiño dalgún acto. Desque regresou en 1992 percorreu todo o país, apoiando os actos do asociacionismo cultural, participando nas feiras do libro de Galicia, das que foi un referente, ou nos clubes de lectura das bibliotecas públicas, como a que leva o seu nome no Calvario. Home ponte, xeneroso, entusiasta, activista. Botarémolo en falta.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir