Onte 1355: «Teoría cuasi transcendental da velocidade»
Non vai ser doado esquecer o que sucedeu onte no Pazo de Moldes, minutos antes que Ana Acuña e Diego Ameixeiras recibisen o Premio Losada Diéquez 2015 de creación e investigación. Avelino Muleiro, catedrático de Filosofía e director do Instituto de Estudos Carballineses, que actuou como presentador e mantedor literario, sufriu un desvanecemento xusto cando rematou o seu discurso. Durante un longuísimo cuarto de hora foi atendido por dous médicos, o doutor Cipriano Caamaño, o alcalde Boborás que copresidía o acto xunto con Francisco Fumega, o seu colega de Carballiño, ambos os dous nomeados unha hora antes, e o doutor Chema Ferreiro, concelleiro do concello organizador, que unha vez recuperado dixeron que Muleiro sufrira unha lipotimia froito da calor e do esforzo da situación.
E abofé que o discurso de Avelino sobre »Antón Losada Diéguez filósofo» fora tan sorprendente e memorable coma inusualmente longo para un acto de carácter non académico. Nun texto lido con enerxía e paixón, Muleiro afirmou que «a filosofía foi cerne do resto dos quefaceres de Losada, a raíz sobre a que alicerzou o seu pensamento galeguista». Xaora, o miolo do discurso foi a análise dun dos ensaios fulcrais do filósofo de Moldes, a Teoría cuasi transcendental da velocidade, inserida na súa concepción realista da filosofía, con afinidades co pensamento de Bergson sobre a idea de duración e coa teoría da substancia de Spinoza. Muleiro non perdeu oportunidade de cualificar Conduce rápido, a novela premiada de Ameixeiras, como metáfora da Teoría cuasi transcental da velocidade de Losada: «a velocidade está unida inexorablemente co poder físico e co económico. Hoxe como sinala Zygmunt Bauman, a pirámide do poder está baseada tamén na velocidade.»
Tras semellante sobresalto, Diego Ameixeiras e Ana Acuña, cando finalmente recibiron cadanseu premio, expresaron con brevidade e elegancia a súa gratitude emocionada. Dificilmente, ambos os dous, coma o medio cento de persoas que acudimos ao Pazo de Moldes, esqueceremos o discurso excepcional de Avelino Muleiro sobre Losada e a velocidade.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir