Onte 1160: Día das librarías
O Día das librarías celebrado onte pasou en Galicia sen pena nin gloria. Apenas un acto na libraría Pedreira, incluído dentro do programa «Venres nas librarías», iniciativas aquí e acolá de librarías entusiastas, algún escaparate preciso, algunhas referencias en twitter e un acto institucional en Ourense no que o actual conselleiro de Cultura e Educación entregou á directiva da Federación de Libreiros de Galicia un exemplar do Calendario do Libro e da Lectura 2015. Pobrísimo balance para o que debería ser unha data de referencia e colaboración para todo o sector do libro e a lectura (libraría, edición e creación) que ben precisa aproveitar a visibilidade e as faíscas de fulgor destas efemérides. Xaora, o feito que non aparecese a versión en galego do lema deste día das librarías, «Como vai sobrevir a ignorancia se está rodeada de libros?», promovido por CEGAL, constitúe apenas outro síntoma da preocupante anemia que na actualidade padece o sector libreiro galego. Nin o 24 de febreiro (día de Rosalía) nin o 2 de abril (día do libro infantil e xuvenil) nin o 23 de abril (día internacional do libro e dos dereitos de autor) nin o 17 de maio (día das letras galegas) nin a maioría das feiras do libro nin agora este derradeiro venres de novembro (coincidente co black friday) semellan ser oportunidades aproveitadas polo sector en Galicia para o seu encontro cos diversos públicos lectores. Fronte a semellante fatalismo conformista non se me ocorre outra receita que o entusiasmo e a colaboración inconformista daqueles libreiros/as, autores/as e editores/as que non nos damos por vencidos.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir