Onte 1062: Marisquiño
O Marisquiño convertiuse no acontecemento que convoca máis xente no verán vigués. Pouco importou este ano que o tempo non acompañase, mais era impresionante a cantidade de rapazada de aquí e tamén de acolá convocada durante a tarde e noite de onte a participar nestas actividades deportivas, musicais e de festa rachada. Ben sería que para a vindeira edición, canto menos durante as tardes e as noites, o concello pechase o tráfico en todas as avenidas e no entorno da praza de Compostela, como xa fixo o domingo pasado durante a procesión do Cristo. Sen tráfico o Marisquiño quedaría moito máis desafogado e vistoso.
Como ben sería que un acontecemento internacional no que se inviste unha importante cantidade de cartos públicos por parte de tres administracións, o Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, fose máis respectuoso coa utilización do galego, lingua da que onte non vimos rastro ningún nin no espazo web nin na megafonía nin na sinalética dos diversos espazos de competición. Tras catorce edicións, o Marisquiño non lle pode dar as costas ao galego, lingua que bautizou o acontecemento e lle proporciona singularidade no contexto internacional. Imaxina alguén que o acontecmento se chamase «El Marisquito»? Tería algún sentido referencial, concitaría semellante simpatía? O galego debería ser a lingua de acollida primeira para todas as persoas que nos visitan, a marca da identidade local, ese valor engadido inesquecible e agarimoso que todos van conservar cando lembren a súa estancia en Galicia. Nese intanxible da utilización agarimosa da lingua está tamén o valor e a potencialidade deste tan simpático Marisquiño.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir