O Vindel a Vigo
Volvo sobre a exposición do Pergamiño Vindel no artigo da seman en Faro de Vigo:
O Pergamiño Vindel será exposto en Vigo. Grazas a un acordo entre a Universidade de Vigo (UDV) e a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia péchase, felizmente, a xestión iniciada pola viguesa Asociación Cultural Pertenza que solicitou á Pierpont Morgan Library Museum de Nova York a cesión temporal para a súa exposición en Vigo da que é unha das primeiras pezas do patrimonio galego e a icona literaria da cidade e da ría do poeta Martín Codax. Supérase así a paralización dun proxecto expositivo a celebrar no museo Marco, “Os tesouros da cidade”, anunciado hai uns meses pola universidade e o concello, que agora pasa a chamarse “Berce da nosa cultura” e que comisionado polo historiador Francisco Singul se desenvolverá no Museo do Mar de Galicia, propiedade da Xunta de Galicia.
Os vigueses e viguesas por fin poderemos gozar da experiencia de coñecer ao vivo unha das nosas alfaias máis valiosas, o orixinal do pergamiño do século XIII, que contén as sete cantigas de amigo atribuídas a Martín Codax, acompañadas dos pentagramas musicais de seis delas. Un fito histórico para Vigo que se convertirá entre outubro de 2017 e marzo de 2018 en capital da cultura literaria lusófona, ademais de importante atracción do turismo cultural, especialmente, portugués. Un regreso do pergamiño ao seu berce que contribuirá a esculcar sobre a orixe da propia lingua e literatura galegas, no congreso que se celebrará con motivo dunha exposición que, ademais, ollará sobre a orixe dunha cidade que Cunqueiro dicía fora creada por un poeta, Martín Codax, a quen o cronista Álvarez Blázquez consideraba o vigués máis universal de todos os tempos. En definitiva, a chegada do Vindel constituirá un gran acontecemento, quizais, o máis importante da historia cultural viguesa do que vai de século.
Porén, chama a atención que o concello de Vigo renunciase a participar nunha iniciativa tan salientable para a historia da cidade metropolitana e cuxa importancia foi recoñecida no seu día pola alcaldía. Unha ausencia que dificilmente pode ser xustificada polas dificultades do concello para achegar 400.000 euros, cantidade na que se valoraba o custe da exposición do Vindel no Marco, xa que podería reducirse utilizando outras instalacións públicas, como a Casa das Artes, recabando a axuda do mecenado privado e, sobre todo, o apoio doutras institucións como a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia ou o propio Ministerio de Cultura. O regreso do Vindel a Vigo ben merecía un gran acordo de colaboración interinstitucional.
Pola contra, intúo que a incomodidade municipal coa exposición do Vindel é explicable polas desavinzas existentes entre o concello e a universidade viguesa sobre o futuro do Campus do Mar nos terreos da ETEA en Teis. Un proxecto estratéxico liderado pola UDV e promovido polas tres universidades galegas, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o Instituto Español de Oceanografía (IEO), chamado a transformar o que foron unha parte das instalacións da Armada en Teis nun espazo científico e de emprendemento tecnolóxico internacional. Un proxecto bloqueado hoxe polos desacordos políticos entre a alcaldía e a delegada do estado da Zona Franca, actual propietaria dos terreos, que podería obrigar á UDV, despois de agardar case unha década, a buscar unha sede alternativa fóra de Vigo. Outro conflito interinstitucional (sen aparente solución) entre o concello de Vigo, a Xunta de Galicia e a Zona Franca que, como sucede coa lea metropolitana, máis alá das razóns de cada unha das partes (que non corresponde aquí dirimir), prexudica á cidadanía, sexa paralizando a recuperación do barrio de Teis ou poñendo en perigo un proxecto universitario, imprescindible para que Vigo conserve o seu liderado no eido da investigación mariña.
Xaora, o trasacordo sobre o Vindel é outro síntoma da crise da política cultural municipal, tanto no que atinxe aos criterios da programación de eventos e festivais como ao futuro das súas instalacións museísticas. É indubidable que non axudou a que o concello participase no regreso do Vindel a incerteza sobre o futuro do Marco, tras o remate do período do actual director, nin tampouco a indefinición dos contidos expositivos da Casa das Palabras de Samil.
En todo caso, diante da importancia da chegada do Vindel, sabendo que o trasacordo é unha figura da nosa tradición cultural, agardo que se amplíe a tea dos acordos interinstitucionais de xeito que o concello de Vigo se incorpore tamén a ela, canto menos participando na difusión e no aproveitamento didáctico dun evento que debe constituír un punto de encontro e de orgullo de todos os vigueses e viguesas.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir