O Vigo de Coppini
Dedico o artigo de semana en Faro de Vigo a lembrar a Germán Coppini e a aquel Vigo da efervescencia cultural da Movida dos oitenta.
Impresionoume a noticia do pasamento de Germán Coppini, un santanderino, que recalou na súa mocidade en Vigo, mais que quedará unido para sempre coa nosa cidade como un dos fundadores de Siniestro Total e de Golpes Bajos, os dous grupos senlleiros da “Movida” de comezos dos oitenta. Coppini formou parte dunha xeración de mozos e mozas vigueses que enxergamos o futuro nas rúas daquel Vigo revolcado da primeira reconversión naval de Ascón e do inicio do descafeinado proceso autonómico galego. Un Vigo gobernado por Manoel Soto, un alcalde que nunca contou con maioría absoluta, cuxa icona urbanística foi o Escalestri nunca utilizado, que cruzaba a rúa Urzaiz, o anfiteatro preferido para numerosas manifestacións cívicas, políticas e sindicais. Un tempo de mudanzas e grandes esperanzas, cuxa memoria reconstruímos axudados polas fotografías de Cameselle e Vitín de las Heras e pola magnífica crónica que Emilio Alonso fixo no seu libro “Vigo a 80 revolucións por minuto” (Xerais 2011).
Coppini foi o primeiro cantante de Siniestro Total. Xunto a Miguel Costas, Alberto Torrado e Julián Hernández formou parte daquela formación inicial que o 27 de decembro de 1982 participou no Nadal Rock do cine Salesianos. Pouco antes, no mes de outubro, Coppini participara na gravación do primeiro elepé, “¿Cuándo se come aquí?”, quince cancións nas que o grupo punk vigués acuñou o seu ADN, letras de acedume desapiadada sobre bases de máxima simplicidade musical. Fora Modesto Román, que coñecía a Germán do seu paso polo colexio Nebrija, quen no Cerne da Deboura, o pub onde traballaba, puxo en contacto a Coppini, daquela cantante de Coco y los del 1.500, con Costas e Hernández. Naquel momento de fulgor creativo outros locais vigueses (Sachtmo, Catro a Catro, Luada, Kremlin, El Manco) foron facilitadores tamén doutros encontros artísticos.
Na primavera de 1983, Coppini formou un dúo con Teo Cardalda, que bautizaron como Golpes Bajos, ao que logo se uniron Pablo Novoa e Luis García. Foi neste grupo de tan curta vida coma éxito fulgurante onde Germán comezou a desenvolver con plenitude o seu concepto artesán da música elegante, que co paso do tempo o definiu como un incómodo resistente. Na ollada, nas letras de cancións memorables (“No mires a los ojos de la gente”, “Cena recalentada”…) e, sobre todo, na súa voz identifícase un aceno de tristeza reflexiva, unha alerta inconformista para permancer sempre á espreita, nese territorio tan difícil de construír entre a melancolía e a memoria.
Nunca foi doado explicar para os medios madrileños nin o éxito acadado por ST e GB en toda España nin as razóns da efervescencia cultural que se vivía nunha cidade industrial sometida aos rigores da reconversión. Mais aquel Vigo de Coppini, o Vigo da “Movida”, unha cidade que non contaba nin sequera con universidade de seu, facilitou o estourido da creación e a industria cultural en case todas as disciplinas. Non é doado resumilas.
Os Premios da Crítica Galicia, promovidos por un grupo plural de galeguistas do Círculo Ourensán Vigués, consolidáronse dende entón como referente da produción cultural en galego. Na música culta emerxeu a figura do compositor Enrique X. Macías, a programación das Xuventudes Musicais de Manuel Álvarez ou a creación municipal do Laboratorio de Música Electrónica e do Obradoiro de Instrumentos Tradicionais da Universidade Popular. As actividades interdisciplinares do grupo de Comunicación Poética Rompente, creado por Romón, Reixa e Avendaño, trouxeron a vangarda e a renovación á poesía galega. Outrosí sucedeu coa aparición dunha nova xeración de poetas e narradores (Manuel Forcadela, Ramiro Fonte, Román Raña, Xela Arias, Xosé Ramón Pena, Alfonso e Xosé María Álvarez Cáccamo…) que comezaron a publicar ao abeiro de novas editoras literarias viguesas como Xerais, Ir Indo, Cumio… O mesmo sucedeu no teatro, coa aparición de grupos como Máscara 17 ou Artello. Nas artes plásticas consolidouse a xeración Atlántica, na que participaron pintores vigueses como Lamas, Patiño, Monroy, Mantecón, Huete ou o escultor e ilustrador Xosé Guillermo, o deseñador da instalación dos aforcados da praza da Constitución cando se celebrou “Madrid se escribe con V de Vigo”. Sen esquecer que foi daquela cando naceu a Fotobienal (1984), promovida por Suárez Canal e Manuel Sendón, cando Reixa estreou as súas primeiras videocreacións, cando Radiocadena española en Vigo emitía o programa “A trincheira” de Emilio Alonso, cando se publicaba a revista “Tintimán” ou “Pharo the Bego”, un suplemento cultural de “Faro de Vigo”. Ou cando a rúa López de Neira foi a “rúa da moda”, onde tiña as súas tendas María Moreira, Gene Cabaleiro…
Aquel Vigo inquedo e inconformista de Coppini e da Movida ben merece hoxe unha lembranza.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir