O Vigo de Cameselle
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao libro antolóxico do fotógrafo Guillermo Cameselle, que será presentado o mércores 18 de decembro, ás 20:00 horas no Club Faro de Vigo.
Coincidindo co primeiro aniversario do pasamento de Guillermo Cameselle, Xerais acaba de publicar un libro antolóxico do seu traballo como fotoxornalista de “Faro de Vigo”. Fermosamente prologada por Ceferino de Blas, mestre de xornalistas e responsable de Faro nas últimas décadas, a obra recompila en 440 páxinas arredor de 800 fotografías, escolmadas entre máis de 30.000, que conforman unha impresionante e emocionante crónica gráfica de Vigo e da súa área metropolitana dende 1975 a 2005, un período histórico decisivo no que a nosa abella da ribeira, coincidindo coa restauración monárquica e co inicio do período autonómico, sufriu unha durísima reconversión industrial e mudou case completamente a pel do seu tecido urbano.
Fillo de Cameselle, o famoso responsable do mantemento do estadio de Balaídos, Guillermo iniciou a súa profesión como fotógrafo da man de Manuel Novoa e Manuel García Castro “Magar” que con apenas vinte e poucos anos o introduciron como colaborador da axencia EFE e da delegación de TVE en Vigo. A partir de 1974, Cameselle entrou a formar parte do cadro de fotógrafos do decano, no que desenvolvería toda a súa traxectoria profesional e onde se forxou como un dos grandes do fotoxornalismo galego. Profesional de actitude sempre xenerosa, cun pulso vital impregnado dun pesimismo responsable, que ben coñecían os seus compañeiros de redacción, decontado foi adquirindo un estilo característico nas súas fotos identificables por unha composición coidada, atenta á xeometría e ao respecto das regras da dimensión áurea. Máis alá da rotina do disparo sobre o inmediato, obrigada polas urxencias do xornal, Cameselle esforzouse en ofrecer un traballo rotundo, baseado nunha ollada conmovedora sobre a realidade, non exenta do humor e dunha ironía moi sutil que ás veces chegaba aos límites do esperpento. A presenza de detalles case imperceptibles, nos que semellaba só el reparaba (o seu toque xenial), achegaban a cada unha das súas fotos un sorprendente engadido de orixinalidade e elegancia.
Cameselle foi modelo dun fotoxornalista afouto capaz de recoller a aceleración dun instante e de comprometerse cos afáns da cidadanía. Nas súas fotos atopamos o celme do Vigo rebelde e revolcado da reconversión naval dos oitenta, da que foi o seu cronista gráfico máis destacado, e das loitas obreiras e sociais no anfiteatro cívico de Urzaiz. No libro antolóxico aparecen fotos da protesta dos obreiros de Ascón no estadio de Balaídos en abril de 1978, das súas accións contundentes na mesma ponte de Rande ou de cando o 8 de xaneiro de 1985 ocuparon o catamarán e o conduciron a porto seguro. Fotos de forza extraordinaria coma as da reportaxe sobre a loita das mariscadoras da praia do Castelete, polas que recibiu en 1990 o primeiro premio “Galicia y el mar”, ou as da batalla que en decembro de 2002 os mariñeiros da ría libraron en Cíes contra o chapapote do “Prestige”. Fotos estremecedoras dos campamentos xitanos do Vigo dos oitenta, ou das mulleres sen teito, abrigadas nos escaparates de Príncipe. Exemplos de dignidade dun fotógrafo humilde e discretísimo, merecedor en 2005 do Premio Galicia de Xornalismo por este seu inquebrantable compromiso cívico cunha información profundamente humana, afastada de calquera tinte de amarelismo oportunista.
Namorado do mar, a ría de Vigo é a paisaxe protagonista dalgunha das súas fotos máis fermosas, dende aquelas da arquitectura móbil dos transatlánticos aparecendo entre o noso sky line, pasando por outras nas que expresa a potencia das guindastres dos estaleiros e a euforizante maruxía da lonxa do Berbés, até aqueloutras da beleza liviá das embarcacións da vela deportiva e das esforzadas traíñas. Fotógrafo primeiro dunha cidade polideportiva con vocación de sede olímpica, destaca o traballo de seguimento que fixo do incrible eurocelta de entre séculos, con fotos inesquecibles para a memoria celeste. Outro tanto acontece coas súas pezas dos concertos do Vigo da movida ou das festas populares (curros, entroidos, romaxes, procesións, paparotas e outros desfiles) nos que Cameselle deitou a súa ollada máis dionisíaca e divertida. Mais foi no retrato outro xénero onde tamén Guillermo amosou a súa xenerosidade, tanto cando fotografou aos políticos e aos famosos con piedade e (nalgunhas ocasións) con retranca, coma cando o fixo co agarimo e coa tenrura que para el merecían os anónimos, os picariños e os vellos, os primeiros heroes das súas fotos.
O grande traballo en “Faro de Vigo” de Guillermo Cameselle obrigaba a ofrecer este primeiro libro antolóxico, que cremos contribuirá á construción da memoria do vivido por varias xeracións de vigueses. Mais merece tamén unha gran exposición na Casa das Artes como homenaxe e recoñecemento cidadán a súa proeza.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir