O Picasso galego
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición O primeiro Picasso do Museo de Belas Artes da Coruña.
O 13 de outubro de 1891 chegou ao porto de Vigo o vapor Asturias do que desembarcaron, procedentes de Málaga e tras unha penosa singradura atlántica, os cinco membros da familia Ruíz-Picasso que ao día seguinte tomarían o tren cara A Coruña. Esa foi a imprevista visita a Vigo do pintor Pablo Picasso, entón a piques de cumprir os dez anos de idade e de iniciar o seu período formativo de tres anos e medio na Coruña, onde sería alumno do Instituto Provincial de Segunda Ensinanza e da Escola de Belas Artes, onde seu pai (tamén artista) fora trasladado como catedrático de debuxo, ambos os dous centros educativos, situados no edificio Eusebio da Guarda.
Un período decisivo na vida de Picasso, tanto por coincidir co remate da súa nenez e co inicio da súa adolescencia coma polo agromar da súa vocación e actividade artística recollidas nos seus primeiros cadernos de debuxo, publicacións xornalísticas e pezas pictóricas que expoñería con apenas trece anos nos escaparates da tenda de mobles de Joaquín Latorre e da parauguería de Bernardo Hernández, ambos os dous establecementos da rúa Real, convertida así para a historia na primeira sala de exposicións de quen hoxe é unha icona da arte do século XX.
Aqueles anos coruñeses de formación quedaron para sempre na lembranza de Picasso, quen nunca se desprendeu das súas pinturas e debuxos galegos. Como nunca abandonaría ao longo da súa vida o fío de lealtade e admiración coa figura omnipresente do doutor Ramón Pérez Costales, o médico humanista, librepensador, republicán e poeta, a quen fixera un retrato en 1895, veciño da casa familiar da rúa Payo Gómez e amigo íntimo do seu pai, que atendeu a súa irmá Conchita, que magoadamente falecería en 1894 por mor da difteria. Unha Coruña de fin de século, entón efervescente, na que as súas elites sociais asumían un espírito republicán e laico, na que vivían figuras literarias da importancia de Manuel Murguía, Emilia Pardo Bazán, Galo Salinas ou Eugenio Carré que, sen dúbida, influíron dunha ou doutra maneira sobre o aire cultural e artístico que respiraba este xenio adolescente.
Anos de entusiasmo creativo nos que Pablo Picasso editará os seus periódicos, pequenas publicacións gráficas manuscritas que titulou Azul y Blanco, La Coruña e Torre de Hércules, unhas cantas cuartillas pregadas, onde mesturando debuxos (sobre todo caricaturas) e textos breves documenta con sutil ironía (quizais mesmo cunha pegada retranqueira galega) algúns acontecementos da vida social coruñesa e relata algunha instranscendente anécdota persoal. Apenas testemuñas dun Picasso precozmente “comiqueiro”, mais das que sempre se sentiu fachendoso, mesmo a pesar da súa inxenuidade, anteriores as súas pezas pictóricas influenciadas polo costumismo dos membros da chamada Xeración Doente, como Ovidio Murguía, Joaquín Vaamonde, Jenaro Carrero ou do seu profesor Isidoro Brocos, que adoitaban expoñer nos escaparates da céntrica rúa Real. Ollada con acento etnográfico que o Picasso galego xa ensaiara nos seus primeiros álbums, mais tamén presente nas súas táboas paisaxísticas iniciais e, sobre todo, nos seus extraordinarios retratos como “A rapaza dos pés descalzos”, “O home da gorra”, “Cabeza de vello” ou “Home con boina”.
Tras a marcha da familia Ruiz-Picasso a Barcelona, Picasso nunca máis regresou a Galicia, aínda que mantivo relación con diversas figuras galegas. Luis Seoane coñeceuno no seu estudio de París en 1949, onde sabemos lle mostrou o retrato que lle fixera o inesquecible doutor Pérez Costales. Con Camilo José Cela colaborou nun número especial de “Papeles de Son Armandans”. Tamén por medio da revista mallorquina, Celso Emilio Ferreiro dedicoulle a Picasso o poema “Soldado”, inspirado no “Guernica”, ao que pintor andaluz correspondeu agasallando ao poeta de Celanova o debuxo “Guitarra”, que sería reproducido en 1962 na primeira edición de “Longa noite de pedra”. Polo xornalista vilabés Antonio D.Olano, que mantivo amizade co pintor, sabemos que Picasso coñecía dende a súa adolescencia coruñesa a obra de Rosalía de Castro. Tamén a través de Olano, Picasso entrou en contacto co cantor Juan Pardo, para quen acabou ilustrando o single da canción “Anduriña”, que gravara co dúo Juan y Junior.
Por ventura este Picasso galego foi presentado nunha gran exposición, “O primeiro Picasso”, aberta dende hai dous meses no Museo de Belas Artes da Coruña. 120 anos despois daquela primeira exposición do xenio precoz na rúa Real ofrécese un percorrido por 80 obras da súa produción coruñesa, contextualizada na creación pictórica galega da fin do século XIX. Unha mostra que polo seu novidoso afán didáctico constitúe un dos fitos culturais do ano. Unha exposición máis que recomendable. Mágoa que estea aberta só até o 24 de maio.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir