Máis lectura

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío do Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor, propoño a entrada da lectura na axenda pública.

Achegámonos ao 23 de abril, Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor, a efeméride creada polos editores e libreiros cataláns recoñecida pola UNESCO, que se convertiu en todas as comunidades na primeira festa do libro e da lectura. Sen chegar ás cifras espectaculares do Sant Jordi catalán, onde algúns editores e libreiros poden vender esa xornada na rúa entre o 20 e o 30% da súa facturación anual, o 23-A foi collendo tamén en Galicia a súa importancia comercial e singularidade cultural, iniciando para libreiros e editores galegos “o mes dos libros” que remata co Día das Letras Galegas, o 17 de maio.

Porén, a festa deste ano non será allea aos duros efectos que a crise económica está provocando sobre un consumo de libros que se reduce de forma significativa en España, seguindo a tendencia á baixa doutros produtos distribuídos polo comercio minorista. Un feito até agora case inédito no mercado editorial que demostra que o libro, a pesar de ser considerado formalmente, tamén coma un ben cultural, é un produto prescindible como calquera outro dos ofrecidos no mercado do lecer. Consolídanse, así, nestes tempos de crise dúas tendencias no actual mercado do libro que semellan de moi longo alcance. A primeira: o libro non forma parte do núcleo duro do consumo familiar, o que provoca unha menor frecuencia na visita ás librarías e unha redución da compra de libros, reducida nos máis dos casos ás prescricións establecidas polo sistema educativo. A segunda: as mudanzas da comunicación cultural dixital están disuadindo cada vez máis algunhas decisións de compra de libros impresos, frivolamente devaluados no seu valor engadido; aínda que en España tampouco se consolide un mercado dun libro electrónico que non acaba de arrincar.

Neste contexto de crise e de incerteza profundas para libreiros e editores, desenvólvese unha efeméride que outro ano máis debe poñer toda a súa énfase no esencial: a importancia da lectura como competencia cívica imprescindible para o exercicio da cidadanía democrática. Non cansaremos de insistir en que os índices de lectura e de compra de libros, revistas ou xornais amosan o grao de civilidade do que goza cada comunidade, ademais de constituír cifras claves para entender o seu nivel de benestar e desenvolvemento educativo. No marco do actual proceso de tránsito cara a comunicación dixital (informativa e cultural), é imprescindible que a lectura forme parte da axenda pública utilizada polas administracións e polos medios de comunicación. A lectura –concibida tanto como un camiño de aprendizaxe como de lecer, realización e crecemento persoal da cidadanía de todas as idades– e, sobre todo, o seu fomento deberían ser temas sobre o que os políticos debatesen decote como o fan sobre mobilidade urbana, medio ambiente ou urbanismo. Mesmo todas as candidaturas que participan nas vindeiras eleccións municipais deberían presentar o seu programa específico de lectura e bibliotecas, asumindo como unha das súas prioridades o compromiso de reducir no seu ámbito local esa fenda preocupante que amosan os nosos índices de lectura, aínda moi afastados daqueles dos nosos socios europeos, tanto en número de lectores, horas de lectura, número de bibliotecas ou compra pública e privada de libros.

Nesa liña de introducir a lectura na axenda pública local e de facer cidades e vilas lectoras insírense iniciativas como as promovidas por Espazo Lectura, a recoñecidísima e modélica asociación de fomento da lectura de Gondomar, que enviou a todas as forzas políticas que se presentan ás eleccións as súas propostas relacionadas co fomento da lectura, entre as que se inclúen a ampliación e mellora da Biblioteca Municipal, a creación dun novidoso Consello Municipal de Lectura, a instalación dun Museo do Conto ou a declaración do concello como primeira “Vila da Lectura de Galicia”.

Outrosí sucede, aínda que noutra dimensión institucional ben diferente, coa solicitude que este 23 de abril presentan as asociacións de editores de libros, revistas e xornais para a aplicación en todos os países membros da Unión Europea dun IVE cero para todas as publicacións (libros, xornais e revistas), tanto as impresas como as dixitais. Unha iniciativa de unificación fiscal para todos os soportes de lectura que pretende solucionar a situación fiscal discriminatoria que hoxe sofren os soportes dixitais –hoxe gravados en España co 18%, mentres que para os impresos repercútese o 4%–  ao tempo que favorecer o acceso dos lectores europeos a calquera tipo de produto de lectura, incentivados pola redución do seu prezo.

Dúas iniciativas para introducir na axenda pública deste Día do Libro que nun entorno de crise e mudanza continúa procurando o esencial: máis lectura e máis lectores de todas as idades.