Lendo co Faro

Esta é a miña achega ao suplemento que publica hoxe Faro de Vigo con motivo da celebración do seu 160 aniversario.

Aprendín a ler hai cincuenta anos. Ensinoume unha mestra que tiña a súa escoliña de pago a cen metros da casa nosa de Pi e Margall, a carón da igrexa dos protestantes, case fronte ao Bar Madrid, onde se facían as quinielas. Nunca esquecerei que foi naquel cuarto pequeno ateigado de picariños onde comecei a familiarizarme coa lectura e a escritura cando tiña catro anos. Mentres a mestra collía os puntos das medias nunha lámpada, completabamos os palotes dos cadernos de caligrafía de Rubio; despois liamos con ela no “Rayas”, unha cartilla de aprendizaxe da lectura que as parvulistas utilizaban dende o ano 1905. Daquela na miña casa non había outros libros que as novelas que mamá cambiaba no estanco de Maruja, ao pé do Barrio do Cura, onde papá mercaba moi cediño o Faro.

Dende entón mantiven unha fidelidade inquebrantable na lectura diaria do decano. Herdei do meu pai o costume de facelo durante o almorzo, o de iniciar a xornada gozando do recendo da tinta e do café, para saír ao traballo xa co Faro medio lido. Durante os anos da miña infancia non houbo para min outro xornal ca non fose o Faro, mesmo a pesar de que o noso veciño do primeiro, don Juan, un dos propietarios de La Favorita, lía, tamén, “El Pueblo Gallego”, que a súa sogra, dona Angelita, utilizaba para protexer os banzos das escaleiras cada semana despois de cepillalas con auga e xabrón. Daquela pensaba eu que o Faro era o xornal dos pobres e “El Pueblo Gallego”, o diario do Movemento, o dos señoritos. A daquel Faro grandiño foi durante moito tempo a principal (e case única) lectura de todos os membros da miña familia (numerosa). Nunca esquecerei que cando comezou a perder a vista, a miña avoa Filo me facía lerlle todas as noticias de Vigo e todas as esquelas e anuncios do concello, onde traballou o avó zamorano que non chegamos a coñecer. Os libros foron chegando a casa moito despois, a comezos da década de 1970, da man dos cen volumes da Biblioteca Salvat de RTVE, que creo que lin case todos, aos que engadín uns poucos títulos da colección de clásicos xuvenís da editorial Bruguera, que fun mercando cos meus escasos aforros na libraría Galdós de Falperra ou na libraría Pax de Elduayen. Logo chegaron as coleccións de fascículos, primeiro a do dicionario enciclopédico de Salvat e, xa máis tarde en 1974, a da “Enciclopedia Gallega” de Silverio Cañada, que papá encargaba no quiosco de Pepiño no paseo de Alfonso, páxinas que devorei e onde naceu para sempre a paixón por coñecer o país de noso.

Hoxe, volvendo a ollada atrás, comprendo a fortuna de formarme como lector nas páxinas daquel Faro que dirixía Álvaro Cunqueiro, no que publicaban Celso Emilio Ferreiro, José María Castroviejo, Xosé María Álvarez Blázquez, Francisco Fernández del Riego, Vicente Risco ou Ramón Otero Pedrayo, entre outros dunha nómina extraordinaria de colaboradores. Non por que eu seguise a súa columna da última páxina, “El Envés”, que Cunqueiro asinaba apenas cun “C”, non, non era un rapaz tan espilido e curioso para iso; descubrín eses artigos, moito despois no libro que recollía algúns daqueles textos nos que a partir dunha noticia, que semellaba intrascendente, o xenial don Álvaro despregaba a súa máis desbordante imaxinación literaria. Cando na miña casa non tiñamos televisión nin lavadora nin neveira as páxinas do Faro foron as primeiras ventás que abrín para descubrir o mundo, para papar coma esponxa todo o que alí ía aparecendo. Débolle, debémoslle, moito ao Faro na conformación da nosa visión primixenia daquel mundo que comezaba a transformarse. Grazas ao Faro seguín as andanzas do foguete americano “Gemini VII”, a chegada a Venus da estación espacial soviética “Venus 3” ou souben porqué fracasou a aluízase do Lunik 8. As páxinas do Faro daquel tempo, cheas de noticias de internacional, foron un libro de xeografía que se actualizaba cada día, un mapa confuso, o que lle faltaban moitas pezas, e que fun completando de vagariño. Tamén prendín no Faro coa gramática do fútbol celeste polos diálogos semanais nas avenidas do hincha Perico, un seareiro fanático das galopadas de Suco, creación de Derviche, aquel xornalista deportivo que cría que o noso Celta “galego” metía en Balaídos caroliños en vez de goles. Rin a cachón, tantas veces, mirando os chistes de Quesada e as páxinas portuarias e de anuncios breves, entre as miñas preferidas, costume que conservo para saber o que verdadeiramente se coce en Vigo. Nas páxinas daquel Faro seguín desacougado a fuga dos dous leóns da Madroa, que trouxeran de Eritrea, o asasinato que non se puido contar de Alfageme, ou o incendio do Polycomander, que marcou a consciencia da miña xeración, fotografado pola cámara do meu admirado e afouto Magar como outros tantos acontecementos da nosa nosa abella da ribeira.

Moitas veces algúns amigos de fóra de Vigo téñenme preguntado sobre cáles son as razóns que explican a lealtade que os vigueses mantemos, xeración tras xeración, co Faro, un fenómeno insólito en calquera outra cidade, prodixio da metonimia que leva a identificar un produto cunha marca, por que aquí ben sabemos que todos os xornais son faros e todos os autobuses urbanos vitrasas. Eu, como non son estudoso da socioloxía periodística, contesto coa miña experiencia persoal:

–Levo lendo o Faro toda a vida por necesidade vital. Se non o fago síntome mal. Fáltame algo. Cando estou fóra de Vigo, a pesar de manterme conectado por twitter e internet, cando volvo leo todos os faros atrasados; é o meu xeito de recuperar a vida perdida na cidade. Os vigueses lemos o Faro por que é espello do que somos, do noso permanente inconformismo co futuro. Non o sei explicar mellor. Pero sinto que é certo.

1 comentario
  1. carme
    carme Dice:

    Marabilloso o artigo!. Como viguesa que son, aínda que xa non vivo na cidade, emocionoume identificarme con algunhas das experiencias que contas. Tamén na nosa casa, o único xornal era o Faro, que sempre se comezaba a ler polas necrolóxicas. E tamén foi, en moitos momentos, a única ventá ao mundo. Aproveito a ocasión para darche os parabéns polas crónicas dos partidos do Celta!.

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará