Homenaxe ás vitimas do Portiño

Os membros da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña fixéronos chegar información da homenaxe que se realizará o vindeiro venres, 9 de marzo, ás 19:30, no Peirao do Portiño do barrio de San Pedro de Visma da Coruña en lembranza do setenta aniversario da traxedia do Portiño. No acto intervirán Eliseo Fernández, Xurxo Souto e Manuel Rivas. Reproduzo a nota enviada pola Comisión organizadora da homenaxe:

“Este pasado 3 de marzo cumpríronse os setenta anos do intento de fuga polo Portiño, o feito máis dramático de todas cantas fugas por mar intentáronse no noso País. Queremos lembrar pois tal data, na que morreron moitos homes, tanto nesa mesma noite do 3 de marzo, como nos meses posteriores, consecuencia do xuízo sumarísimo á que foron sometidos os que caeron nas mans dos represores. Os pesqueiros “Generoso” e “José Linares” levaríanos fóra de Galiza, para salvalos do cerco no que estaban sendo acorralados. Abortada a fuga, resultaron 28 detidos, outros ficaron alí mortos, afogados; algúns salvaron momentaneamente a vida para rematar sendo atopados, ou outros con máis sorte, lograron fuxir noutra ocasión ou voltar de novo a seus agochos. Moitos dos detidos morrerán fusilados no Campo da Rata en outubro, e outros serán condeados a cadea perpetua. Todo por tratar de fuxir; poucos eran cadros destacados de sindicatos ou partidos, os máis, simples militantes, da CNT na súa maioría, obreiros mozos que fuxían da morte ou de calquera outra das formas de represión de seus verdugos. A fuga foi artellada pola organización coruñesa do “Despertar Marítimo”, que conseguiu rachar co cerco en diversas ocasións, máis non en esta. Quixeramos convidarvos a todos os mulleres e homes de ben que quixerades lembrar tal traxedia nas nosas costas.”