Esperanza para a Panificadora
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á situación do proxecto de recuperación da Panificadora como espazo público para usos culturais e sociais:
O anuncio do inicio dos traballos do proxecto da Panificadora na Xerencia de Urbanismo abre unha xaneliña de luz para cumprir o soño de tantas persoas que reclamamos teimosamente a recuperación integral para usos públicos deste edificio emblemático construído polo arquitecto Manuel Gómez Román. Abandonado dende hai catro décadas, derrubados algúns dos seus elementos máis característicos como a cheminea e a cuberta acuática, expoliadas as valiosas madeiras do seu edificio principal, arruinadas as súas instalacións e a súa maquinaria industrial, a icona arquitectónica dunha cidade industrial en estrépito, a catedral laica viguesa, a esvelta ponte dun barco sen bandeira atracado no Campo de Granada, agarda a súa oportunidade, quizais a derradeira, para ser salvada da piqueta e transformada nun espazo público para a cultura, o lecer e o encontro cidadán.
Porén, non podemos agochar o noso temor a que este anuncio tan esperanzoso puidese quedar en augas de bacallao como aqueloutro que fixo tamén o alcalde Abel Caballero a comezos do outono de 2010 cando anunciou a construción na Panificadora da Biblioteca Pública do Estado, dotación que cun custe estimado de oito millóns de euros sería financiada integramente por parte do Ministerio de Cultura, a cargo dos orzamentos xerais do estado de 2011 a 2014. Con aquel compromiso abríase un futuro esperanzador para a Panificadora despois de que a Xerencia de Urbanismo aprobase a suspensión de licenzas nestes terreos, pechando así a posibilidade de desenvolver o proxecto comercial e residencial (que contemplaba a construción de máis de 200 vivendas en todo o seu perímetro, cunha altura que igualaba a actual da rúa Falperra, e protexía apenas os emblemáticos dez silos de formigón), conveniado en 2003 entre os propietarios e o concello de Vigo e autorizado polo Plan Especial do Casco Vello (Pepri) de 2007. Seis anos sen avances no proxecto nos que pola contra se incrementou a deterioración da Panificadora e a degradación de todo seu entorno, dende a Falperra ao barrio do Cura, sometido a idéntica situación de abandono e marxinalización, tras o traslado do asilo.
Para non volver poñer o carro diante dos bois, a prioridade hoxe é pechar decontado a recuperación para o patrimonio público dunha propiedade de elevado valor simbólico para a cidade, para logo abrir con luz e taquígrafos un debate sobre os usos futuros das instalacións e sobre os criterios que guíen a redacción do proxecto arquitectónico de rehabilitación para a súa completa recuperación e posta en valor. Para facer fronte a esta operación, sexa por acordo de compra cos actuais propietarios ou pola vía da expropiación (o máis probable), o esforzo compartido entre o concello e a Zona Franca, como propón Abel Caballero, semella unha solución que previsiblemente sería asumible para o patrimonio municipal, aínda que como contrapartida conlevaría a reserva de espazos para o desenvolvemento de actividades vinculadas ao consorcio dependente do Ministerio de Facenda que, non esquezamos, tamén é o primeiro axente de desenvolvemento económico da área metropolitana.
Só cando a Panificadora forme parte do patrimonio público, poderá a Xerencia de Urbanismo asumir a responsabilidade de escoller un proxecto arquitectónico que debería contemplar a conservación e recuperación integral de todas as edificacións actuais, tanto das orixinais da década de 1920 como dos engadidos posteriores das rúas Falperra e Cachamuíña realizados tres décadas despois. Un proxecto que, ademais, debería ser capaz de integrar as propostas recibidas, tras un amplo debate entre os grupos políticos e os colectivos cidadáns, no que se contemple tanto os usos culturais e sociais (Biblioteca Pública do Estado, Centro Social, Auditorio, Factoría de emprendemento cultural…) das diferentes pezas arquitectónicas como a súa integración na remodelación da propia Praza do Rei e da Casa do Concello como na parte do Casco Vello comprendida entre as rúas de Santiago, Cachamuíña, Falperra e Paseo de Alfonso.
Se consideramos o éxito que tiveron intervencións semellantes sobre espazos do patrimonio industrial, como as da antiga Alhóndiga de Bilbao (onde se integraron unha gran biblioteca pública cun ximnasio e varias piscinas) ou El Matadero de Madrid, a nova Panificadora está chamada a transformar radicalmente o espazo do antigo Campo de Granada, o auténtico corazón do Vigo histórico, durante as catro próximas décadas. Estamos falando, pois, dunha intervención histórica e estratéxica, merecedora dos máis amplos niveis de consenso tanto dentro da actual corporación como entre as administracións participantes. En abordar este proxecto con esa altura de miras, radica a nosa esperanza para o futuro da Panificadora.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir