Día mundial do teatro
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da celebración do día internacional do teatro, reflexiono sobre a precaria situación actual das artes escénicas.
O vindeiro mércores, 27 de marzo, celébrase o “día mundial do teatro”. Creada en 1961 polo Instituto Internacional do Teatro (ITI), durante esta xornada en milleiros de escenarios difúndese unha mensaxe na que se reflexiona sobre a importancia do teatro para a humanidade e o seu papel para a harmonía internacional e a súa achega ao diálogo entre pobos e culturas.
A mensaxe deste ano foi escrita polo italiano Darío Fo, premio nobel de literatura de 1997, que denuncia a situación actual do teatro na contorna da crise económica europea que estamos padecendo. Fo compáraa con aqueloutra crise sofrida polo teatro no século da Contrarreforma (XVII) cando se produciu un gran éxodo de actores de Commedia dell ‘Arte, despois de que en Roma se decretase o desmantelamento de todos os espazos teatrais, “acusados de ofender á cidade santa”. Darío Fo cre que, coma daquela, hoxe “o poder tomou unha decisión intolerante contra os comediantes expulsándoos do seu país”. “Actualmente, os actores e as compañías teñen dificultades para atopar escenarios públicos, teatros e espectadores, todo a causa da crise. Os dirixentes, polo tanto, xa non están preocupados por controlar a aqueles que os citan con ironía e sarcasmo, xa que non hai sitio para os actores, nin un público a quen dirixirse”. Remata a súa mensaxe o dramaturgo italiano salientando con moita retranca que a “única solución á crise reside na esperanza que se organice unha grande caza de bruxas contra nós [refírese aos comediantes] e sobre todo contra a xente nova que desexa aprender a arte do teatro”.
En Galicia, o día mundial do teatro celebrarase o mércores na Coruña coa cerimonia de entrega da XVII edición dos premios María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, presidida polo vigués Antonio Durán “Morris”. Dentro desta gala está prevista a lectura do “Manifesto galego do día mundial do teatro”, preparado para esta ocasión polo escritor Cesáreo Sánchez Iglesias. Unha fermosísima peza literaria na que se defende o teatro como testemuña e “actor-activista” da realidade cultural e social de Galicia. “Só da mao do teatro somos capaces de nos soñar nos outros, ao nos reflectir nas súas personaxes”, escribiu o grande poeta do Irixo, para expresar como o teatro é unha arte enchoupada na alma de noso, xa que “en todo teatro, tamén no teatro galego, está depositado o ser colectivo dunha cultura”. “Se facemos memoria dos últimos corenta anos, a biografía do teatro galego é a biografía da cultura galega. No devir do teatro galego está insculpida a biografía deste pobo de noso”, afirma o actual presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, para despois salientar o exemplo ético da actriz Dan Thi Lhin que “coas ferramentas do teatro, alentou os soños dun futuro en liberdade para a súa terra. Esta lección ética é a que sempre ollei en vós, todas as xentes do teatro galego”.
Este día mundial do teatro celébrase cando a cultura galega homenaxea no 17 de maio a Roberto Vidal Bolaño, unha das figuras senlleiras da nosa literatura dramática, ademais de promotor da modernización e dignificación en Galicia das profesións vinculadas coa produción teatral. Mais tamén nun momento no que estes oficios viven os días máis difíciles para súa supervivencia. Os recortes enormes dos poderes públicos no eido cultural, con especial crueza por parte da Xunta de Galicia, puxeron a todo o sector das artes escénicas na quebra e a piques do seu desmantelamento. A Plataforma das Artes Escénicas leva denunciado os graves efectos do atraso nos pagamentos de AGADIC (por traballos xa realizados) e a desaparición na práctica dos programas de distribución de espectáculos e de axudas á produción. Outrosí sucede coa situación baixo mínimos do Centro Dramático Galego, até agora unha peza esencial para os profesionais do sector.
O teatro galego, cuxa contribución durante as catro últimas décadas foi esencial para a cultura galega, precisa un plan estratéxico urxente de dinamización, que asegure a súa continuidade. Con vontade política e sen necesidade dunha millonada existen alternativas para facelo viable. É posible optimizar a rede de salas para ampliar o número de funcións e espectadores. É posible introducir medidas de estímulo directo para o público, como as do bono cultura, ensaiadas con éxito noutras comunidades. É posible priorizar o apoio a este sector, onde hai un emprego importante, sobre a quimera de “relanzar” a programación da Cidade da Cultura, que como era previsible xa desangra os orzamentos públicos. Cómpre apostar polo teatro. Ten razón Cesáreo Sánchez Iglesias cando alerta: “Se mancan o corpo do teatro, férennos e doémonos. Dóese a sociedade toda e sentimos que nos están a intentar saquear o que de máis verdadeiro nos posúe”.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir