Comercio interior do libro en galego 2007 (e VII)
LIBRO EN GALEGO 2007 TENDENCIAS
Os datos proporcionados polo informe do Comercio interior do libro en Galicia 2007, xa debullados nas nosas anotacións anteriores, permiten identificar algunhas tendencias da evolución do libro en galego durante o período 2005 ao 2007:
– Lixeiro retroceso do conxunto da produción editorial en galego, reflectida nunha diminución do número de títulos, dos exemplares fabricados e da súa tirada media que oscila entre o 1,00% e o 4,00%.
– Notable retroceso da produción do libro literario en galego, que diminúe no número de títulos editados nun 2,00% e no de exemplares producidos nun 15,00%.
– Concentración da produción editorial en galego nas tipoloxías de edición escolar e paraescolar (libro de texto, literatura infantil e dicionarios), que acada o 71,20% dos títulos publicados e o 76,20% dos exemplares fabricados. Estas cifras superan ampliamente as que se viñan manexando a este teor en informes anteriores, que xiraban arredor do 60,00%.
– Enormes carencias da produción editorial en galego nas tipoloxías de edición científico técnica, de libro práctico e de divulgación, que apenas supoñen o 4,40% dos títulos editados e do 4,70% dos exemplares fabricados.
– Estabilidade na produción editorial de literatura infantil, cunha pequena tendencia ao incremento do seu número de títulos.
– Incremento na produción editorial de libro de texto, que coincide pola implementación durante este período de novos currículares do ensino obrigatorio. Este aumento da produción é o que permite o mantemento das cifras globais do sector.
– Incremento da cota do mercado do libro en galego, até chegar ao 14,00% de media durante este período. Esta porcentaxe (entre o 12,00% e o 15,00%) semella ser o peso real do libro en galego (sendo o do libro editado en Galicia entre o 17,00% e o 18,00%).No entanto, en 2007 prodúcese unha importante diminución da facturación global do sector en galego superior ao 10,00%.
– Concentración da facturación nas tipoloxías de edición escolar e paraescolar, até acadar o 81,70% das vendas totais do libro en galego.
– Importantísima diminución das vendas do libro literario en galego, un 20,00% entre 2006 e 2007. Idéntica tendencia á baixa amosan as vendas de narrativa, que diminúen nun 31,59%. Estes datos amosan unha forte crise do libro literario en galego, que mantén unha cota de mercado do 1,60%, e máis en concreto do libro de narrativa en galego, que representa o 1,20% do mercado total en Galicia.
– Diminución das vendas do libro en galego en librarías e cadeas de librarías, a pesar de que alí se concentran o 59,80% das vendas. A diferencia do que sucede noutros mercados diminue a importancia da comercialización en hipermercados, apenas o 2,60%. Preséntase como canles emerxentes a venda telefónica, por internet e dos clubes do libro.
Obrigado polo esforzo adicional. O panorama non é alentador desde logo, e aínda que haxa datos para a esperanza fanlle a un ser pesimista.
Aproveito para ligar este documento (http://www.observatoriodalinguagalega.org/files/OLG_informe_internet.pdf), onde calculan no 30% a cota de blogues en galego.