Poema de hoxe 21: «[Lugo]» de Xabier Cordal

XG00195201hai cidades

tan secretas

tan vencidas

que pasa un tren polo seu interior

Xabier Cordal, transmuta (Xerais, 2012)

Onte 1558: Convocados os Xerais 2016

Premios-Xerais-Trofeos-656x403

Anunciamos onte a convocatoria dos Xerais 2016. Unha nova edición dos premios literarios que a editorial organiza dende hai trinta e tres anos. Como na edición anterior todos os tres premios terán idéntica dotación económica e todos os tres xurados estarán formados por persoas escollidas entre aquelas que nos fagan chegar o seu desexo de vivir durante dous meses intensos esta experiencia lectora. Un modelo de participación dos lectores e lectoras vocacionais, amantes da novela e do libro infantil e xuvenil, que singulariza os Xerais, intenta abrir o noso sistema literario e no que pretendemos continuar afondando. O prazo de admisión de orixinais péchase o 31 de marzo, a convocatoria para formar parte dos xurados abrirase no mes de febreiro e o ditame dos Premios anunciarase o sábado 4 de xuño. Adianto a miña gratitude e recoñecemento a todas as persoas participantes nos certames, sexan como autoras ou lectoras.

Onte 1565: «Vaite xa!» de Marcos Viso

XG00253101Vaite xa! é un dos álbums da veterana serie Merliño que está chegando ás librarías estes días. Primeiro libro integral de Marcos Viso, autor do texto e da ilustración, aborda con determinación o tema da emigración. Protagonizado por unha familia de osos, o relato expresa as dúbidas, os temores, a tristeza, a dor dos primeiros pasos do emigrante obrigado por razóns económicas a procurar o futuro alén da súa terra. Como xa fixera n’ Unha casiña branca, o libro de Marcos Calveiro, que ilustrara o pasado ano, os cambios continuos de planos e encadramentos, axilizan unha narración visual tinguida dun leve aroma poético e dunha potente carga emotiva. Vaite xa! confirma a Marcos Viso como un dos valores recentes da ilustración galega.

Onte 1563: No Saviñao con Xabier Quiroga

Viaxamos onte ao Escairón para acompañar a Xabier Quiroga na presentación de Izan o da saca. Foi Enrique Sampil, o presidente do Círculo Saviñao, quen lembrou que pasaran catorce anos daquel acto inesquecible no que presentamos no mesmo salón Atuado na braña, a primeira da media ducia de novelas publicadas polo autor de Cabo do Mundo. Mais dunha década na que Xabier Quiroga consolidou unha novelística de longo alento na que mestura identidade e memoria, creando espazos literarios de seu como a braña de Bouzuás ou os territorios do Cabo do Mundo na Ribeira Sacra. A calidade incuestionable de cada unha das súas páxina (máis de 2.400 publicadas) e o coidado desenvolvemento e precisa documentación das tramas caracterizan cada unha das súas entregas. Onte no Saviñao, agarimado pola súa xente, recibiu un apoio moi  emocionante. Beizóns, Xabier!

Onte 1562: A colleita de 2015 de Fervenzas Literarias

fervenzas_literarias_2015

Como xa é tradición dende hai nove anos, coñecimos onte o ditame dos premios Fervenzas Literarias aos mellores libros e iniciativas do ano 2015. Os Fervenzas son sempre os primeiros da xeira anual de premios a obra editada, ao tempo que teñen a singularidade de ser outorgados por votación de medio milleiro de internautas, que expresan as súas preferencias arredor de vinte categorías da creación editorial galega actual. Como editor non podo máis que abeizoar a continuidade e rigor desta iniciativa de Fervenzas literarias, como a calidade desta revista literaria dixital, auténtica pioneira no noso humilde sistema.

No que atinxe ao resultado desta colleira 2015, estamos moi satisfeitos pola importante presenza de títulos editados por Xerais nas diversas categorías, nalgúns caso sendo considerados como os «mellores do ano». Así sucedeu con A boca da terra de Manuel Rivas, mellor libro de poesía; Raclette de Santiago Cortegoso, mellor libro de teatro, Historia da literatura infantil e xuvenil galega do equipo coordinado por Blanca Roig, mellor libro de ensaio; Europa Express de Andrea Maceiras, mellor libro xuvenil; O papiro do César, mellor libro de LIX traducido (por Isabel Soto e Xavier Senín); O último día de Terranova, mellor capa de adultos e Lendo lendas, digo versos, mellor capa de LIX.

Como tamén moito nos aprace que Xerais sexa considerada outra edición máis como mellor editorial do ano,  Culturgal como «o mellor acontecido de 2015» e Brétemas, a pesar de non ser un blog estritamente literario, continúe sendo valorado. Merecen, ademais, os nosos parabéns Ledicia Costas como «autora do ano», Xosé Cobas como «ilustrador do ano» (ademais de autor das ilustracións das dúas mellores capas) e Armando Requeixo como crítico literario e responsable do mellor blog. Outro tanto a Antón Riveiro Coello, autor d’ Os elefantes de Sokurov, mellor libro de Narrativa; Maria Solar, autora d’ O meu pesadelo favorito, mellor libro infantil; Davila autor d’ O bichero, mellor álbum de banda deseñada, Laureano Araújo Cardalda, tradutor d´ A morte en Venecia de Thomas Mann, mellor libro traducido para o público adulto; Couceiro como mellor libraría e Praza como mellor medio de comunicación.

Abonda con repasar as obras e iniciativas recoñecidas como finalistas en cada unha das categorías para recoñecer a diversidade da oferta do sector editorial galego, a pesar de que non amanaisen os ventos da crise nin a inacción das políticas públicas de lectura. O 14 de maio, data na que se celebrará no Teatro Principal de Compostela A Gala das Letra, organizada conxuntamente pola AELG, AGE e Federación de Librarías de Galicia, coñeceremos un novo ditame sobre o publicado en galego o pasado ano. Xaora, as nosas beizóns aos responsables de Fervenzas e a todos os autores e autoras, ilustradores e ilustradores, tradutores e tradutoras e editoras recoñecidas.

Poema de hoxe 14: «haikai dobre en xaneiro» de Marilar Aleixandre

XG00226801desempenada

a garza en Brandomil

un de xaneiro

 

en gris e branco

interroga na ponte

días de porvir

Marilar Aleixandre, Ovella descarreirada (Xerais, 2014)

Poema de hoxe 13: «Hordas de escritura» de Chus Pato

XG00139901Non, paraíso non é a infancia, o paraíso é a animalidade; é o paraíso que perdemos

Chus Pato, Hordas de escritura (Xerais, 2008)

 

Onte 1557: Os 60 de Suso de Toro

suso_de_toro_60O noso benquerido Suso de Toro celebrou onte o seu sesenta aniversario. Unha ledicia para as moitas persoas que o queremos e admiramos. Tras o regreso á docencia e o abandono da profesión de escritor en lingua galega, que durante dúas décadas exerceu con admirable dedicación, Suso deixou un baleiro na narrativa galega contemporánea da que é trabe de ouro. A súa pentaloxía alboral formada por Polaroid (1986), Land Rover (1989), Ambulancia (1990) Tic-Tac (1993) e A sombra cazadora (1994) revolucionou os camiños diversos da narrativa galega e abriu novos públicos para ela. Unha proeza que non foi aínda recoñecida como merece. Sen esquecer que os seus libros de ensaio, dende F.M. (1991), Ten que doer (2004) a Inmateriais (2013), compuxeron un discurso crítico sobre o estado das artes e a construción da nación dende a palabra. Inquedo, comprometido, xeneroso até o delirio, disposto sempre a dar a cara, a botar unha man no labor colectivo, Suso continúa compartindo opinións nos medios dixitais galegos, españois e cataláns. Todos os nosos abrazos e beizóns para o noso Suso.

Onte 1554: «Para onde imos cando desaparecemos»

XG00243401Entre as nosas primeiras novidades está Para onde imos cando desaparecemos, un álbum de Isabel Minhós e Madalena Matoso, publicado en 2012 por Planeta Tangerina. Unha obra sobre a morte, que descubrín remexendo na libraría da Tate Modern. Un libro de preguntas e respostas sobre os misterios do cotián que suscitan dúbidas na cabeciña dos picariños: «Para onde irán os calcetíns cando desaparecen? E as pozas de auga? E as nubes para onde irán? E o Sol? E a neve? E o barullo para onde vai cando desaparece?» «Nada dura para sempre», eis a sentenza clave que amosa a finitude da vida, a paradóxica existencia da nada e da ausencia. Un libro que trata da morte sen falar dela de forma explícita. Un álbum para conversar cos picariños sobre cousas que a eles moito interesan. Un libro importante.

Poema de hoxe 8: «Apátridas» de Xela Arias

galicia e nós nó de verbos nos nobelos dos nomes

Xela Arias, Denuncia do equilibrio (Xerais, 1984)