O anaco de "Oeste"

En Oeste, a novela na que está a traballar Manuel Rivas, varias voces conflúen para intentar aclarar, en forma de suspense, o destino dunha muller. Oeste é tamén un espazo dunha historia castrada, de linguaxes reprimidas, de amores prohibidos, de corpos entumecidos, de violencia catastral, de soños que andan arredor do anzol como muxos e noticias que voan como aves do mar, sen data ou á procura dela. Este é o fragmento desta obra inédita que adiantou Periférica e que ten previsto editar Edicións Xerais de Galicia a finais desta primavera. A densidade e o alento do fragmento promete o mellor. Boa lectura!!!

“O avó Maiacurí cazaba as noticias co punteiro ferrado do seu bastón bengala. Tiña preferencia polas amareladas, untadas pola xeada e a solleira, levadas ao chou polos mesmos carreiros das follas secas, aínda que o papel das noticias voa un paso atrás, galináceo, e en solitario. Follas das árbores e follas de xornais, ceibadas da data, móvense no oeste en rabaños de atolada melancolía. Ás veces encrequenan no recanto dun portal abandonado, cubertos de lidro, como o pelello dun animal doméstico, que volveu da viaxe da noite coa labazada fría dos mortos, e non foi quen de atopar o oco da gateira. No monte da Torre, no outeiro mariño no que se ergue o faro de Hércules, algunhas destas follas peregrinas prenden nas matogueiras espiñentas, e fanse carne seca. Mais hai algunhas, poucas, que entran nun enlevo, suspensas ao puro leilán, tatuando o vento.
Esas son as preferidas polo punteiro do bastón bengala de Antonio Vieira, o avó Maiacurí.
Aí vén unha. Fai como quen non a ve. E de súpeto, zas!, o bastón bengala móvese como un arpón no ar, fai unha parábola e espeta a noticia no carreiro aberto polos pés na herba mol. O paso é polo algo acantilado do Gaivouteiro, cara a Fura do Touciño, e algo hai de ave de mar na peza de papel. Unha postrema axitación de plumas temoneiras.

Maiacurí deixaba o goberno d’A Lanterna de Aristóteles, ultramarinos, e escollía o comezo do verán, o mellor verán, segundo el, para pasar unha tempada na Coruña. Viña ver os barcos. Non era ningunha desculpa nin un mero xeito de falar. Era a verdade. Toda a verdade. Erguíase moi cedo para ir ao Muro, a lonxa do peixe, onde descargaban as bacas e bous do Gran Sol. Aínda que alí só se vendía á puxa, e en lotes grandes, conseguía sempre algo de peixe, con preferencia meigas e douradas. El non o comía nunca. Non lle gustaba o peixe, senón os barcos. Así que co tempo cheguei a pensar que a razón daquela merca era tamén facerse con noticias, neste caso molladas e con escamas, pois daquela era o papel prensa o envoltorio usual. Dende logo, desfacíase axiña do peixe, como quen se afasta por fin dunha infinda e inocente tristura para deixala en boas mans, neste caso, nas de Neves, a cociñeira e asistenta, mais durante uns minutos lía naquelas túnicas de periódico que serviran de sudario mariño. Non ten porque resultar estraña esta observación pola miña parte. O que era estraño, e velaí a miña atención, era que o avó Maiacurí non lera os xornais normais, enteiros, habendo como había varios, mesmo os dous que chegaban cun día de atraso por suscripción dende Madrid.
Desta primeira incursión, a da lonxa, regresaba cando de Mera, na outra beira da baía, saía a traíña do nacente a todo remar. Así que el chegaba á casa cun home de sol ao lombo. Logo almorzaba e dende a galería, feliz como unha ra arredor da poza, tomaba unha medida panorámica do porto. Adoraba a súa filla, e mantiña un silencio solemne diante das súas pinturas. E a súa filla, Chelo, respectaba ese silencio. Non recordo terlle oído nunca preguntar a opinión, á pescuda dun adxectivo, séndolle tan doado acadar a loanza de quen tanto a quería. Seguro que a Antonio Vieira lle gustaban aqueles cadros, eu diso non teño dúbida, pois penso que o cheguei a coñecer algo, mais supoño que tamén se preguntaba, como facía case todo o mundo, o porque Chelo non pintaba paisaxes, e sobre todo, por que non pintaba mariñas.
Eu tiña a resposta á pregunta que o avó non fixo. E a quen a fixo, non lla quixen dar.
Chelo pintaba paisaxes na miña man. Souvenirs, dicía ela. Cando ficaba satisfeita, engadía como un trazo final: Souvenir de Corot. Así que para min ese nome sempre foi algo moi familiar, como unhas cóxegas na man.
Cando me tardaba a fala, cando se trababa unha palabra, e ela notaba que aquela pelexa coa linguaxe estaba a reducirme a un espanto xeado, dun ser interior que castanexa os dentes no frío, mais uns dentes e un frío por dentro, por detrás dos ollos, por detrás da lingua.
–Vén.
E pintaba na man un Souvenir. Hoxe, branco, azul, gris e prata.
Ese tic de abrir e pechar a man.
–A ver. Que tes aí? –preguntaba o avó Maiacurí.
Pola tarde, saiamos cara o Monte Alto deica chegar ao faro de Hércules. Mais antes faciamos un alto no bar da Parra, sentados baixo a uveira. Dicíame: “Xa verás como se ri”. Cando viña a dona, el pedía para min unha gaseosa La Revoltosa. “E para o vello, un branco eléctrico”. E era verdade que se ría.
–Agora déixame ver que levas aí, nesa custodia.
Eu abría a man moi, moi a modo.
–Un barco, eh? Un barco na néboa. Que sorte tedes algúns.
Mais había outro tratamento que facía Chelo para tentar aconchegarme coa linguaxe. Aprenderme canto antes a ler e escribir. Moito antes de ir á escola. Comecei a escribir con debuxos. Antes que as letras, as formas. As quebradas, as espirais, as cruces. De tal maneira que as letras, cando chegaron, eran tamén formas da natureza, como o “t” é un mastro dun barco e o “l” un ciprés. E o “o” pode ser moitas cousas. O “o” pode ser o sol e a lúa. Nós tiñamos unha lavandeira que se chamaba O. No santoral era A Nosa Señora da Expectación, María do O. A min facíame moita graza cando a miña dicía ao vela xa de lonxe pola rúa: “Velaí vén a Nosa Señora da Expectación”. Era doado distinguila, pois traía un O enorme enriba da cabeza. Dentro dese O viña a roupa. Cando se achegaba, a súa cara era tamén un O moi risoño, con dous ollos moi claros, de tal maneira que a súa presenza remitía ao sol, mais tamén ao circos da auga.
–Ola O.
O, a lavandeira, foi unha das mulleres que pintou Chelo. Esa serie que parecía infinda, e que de feito o foi, e que ela chamaba Mulleres que levan cousas enriba da cabeza”.
© Manuel Rivas

Adianto de Jaureguizar


Manuel Vilariño

O xornalista Santiago Jaureguizar ofrece hoxe en El Progreso a primicia da aparición da próxima novela de Manuel Rivas. Un éxito profesional de quen concibe a información cultural en Galicia sen complexos da súa dimensión e con todo o rigor, a curiosidade, independencia e visión de futuro que merece a construción desa fantasía. Periférica, a revista cultural trimestral portuense (témola nos nosos enlaces desde hai tempo), publica no seu número de marzo catro páxinas de adianto de Oeste a novela que Xerais publicará o 15 de xuño, excurso ilustrado cunha magnífica serie fotográfica (“Cousas que levan as mulleres na cabeza”) de Manuel Vilariño. Parabéns para Jaure. Os medios da competencia deberían tomar boa nota deste novo adianto.

Volven os bravús

Jaureguizar anuncia que onte rematou unha novela. Parabéns!!! Ese mesmo día, Xurxo entregounos un expléndido libro de relatos (Tres trebóns) que publicaremos a finais desta primavera. Volverán, pois, decontado dous dos narradores con maior pulo daquela chamada “xeración bravú”, reclutada por X.C.C. Cando nos chegará o orixinal prometido por C.F. ?