Premio Xerais 2007, os artigos de Luzes

Hoxe o Luzes de El Pais Galicia publica varios artigos arredor dos Premios Xerais:

"Minimaladas", adianto de cinco historias

Hoxe subimos o adianto en PDF de cinco (das oitenta e catro) minihistorias que conforman Minimaladas, a obra de Carlos López gañadora do Premio Merlín 2007.

"Cardume", adianto do primeiro capítulo

Hoxe subimos o adianto en PDF do primeiro capítulo de Cardume, a novela de Rexina Vega gañadora do Premio Xerais 2007. Boa lectura!

"Illa Soidade", testemuño dun xurado

Martín Pawley foi membro do xurado do Premio Fundación Caixa Galicia 2007 que outorgou o galardón a Illa soidade de An Alfaya. Aquí fai unha primeira achega á obra. No mesmo espazo publica a primeira entrevista que na noite da entrega fixo á autora.

Premios Xerais 2007, a repercusión nos blogs

Ás primeiras informacións sobre o fallo dos Xerais, aparecidas onte nas edicións electrónicas dos xornais, engadíronse hoxe outras referencias nos blogs e nos espazos culturais electrónicos:

Premios Xerais 2007, a crónica de Alfredo

Completísima a crónica de Alfredo Ferreiro. Vídeos e entrevistas en Días estranhos e no blog dos pelachos. Moitas grazas. Beizóns para os tres!

Xavier Blanco, a sorpresa dos Premios Xerais


Xavier Blanco, o gaiteiro de Moaña, foi a grande sorpresa do serán dos Xerais 2007. No momento do desembarco, recibiu a todos os convidados tocando dende o outeiro coa dignidade e a elegancia dun gaiteiro de estirpe. Logo, durante o acto literario no Auditorio, interpretou cos seus instrumentos pobres tres temas que foron marcando senllos estoupidos de emoción e entusiasmo entre o público: “Mata o porco Pepa” (vasoira e cazo), “Moendo” (gaita de cana) e “A miña roseira” (tubela, táboa de lavar e dedais). Despois, durante a merenda-romeiría, de forma incansable e durante máis de dúas horas animou a festa, onde moito se cantou e bailou.
Hai tempo que admiramos a Xavier Blanco polo seu virtuosismo, polo seu traballo de investigación e docencia e pola súa destreza de luthier que permite a recuperación da memoria sonora deses instrumentos pobres que deitan a ledicia melancólica dos pasamarrúas interpretados co gaita de cana. O de Blanco é un modelo ben acaído de diálogo da contemporaneidade coa tradición, sen a mistificacións estrafalarias ou oportunismos comerciais. Xavier é un valor musical da nosa mellor música tradicional, que merece ser máis coñecido e valorado.
Vídeo: O blog dos pelachos.

Teresa Moure, discurso nos Premios Xerais 2007

Teresa Moure, en calidade de mantedora literaria dos Premios Xerais 2007, pronunciou un discurso titulado “O carácter revolucionario da escrita e das palabras”. Nun texto de dezaoito páxinas (pode baixarse completo en PDF aquí), ganduxado co alento da tenrura e a coraxe necesaria para chamar polas palabras precisas, Teresa reivindicou a literatura como un espazo para a transgresión e para a recuperación da erótica da lectura (“unha actividade que se practica con fruición). Fixo, ademais, un chamado a que autores e autoras continúen co empeño da escrita e de facer existir as palabras de tanto repetilas. A autora de Herba moura rematou a súas palabras proclamando a súa confianza en que é posible “consagrar todas as nosas forzas resistentes a facer florecer a palabra para edificarmos un novo país, un novo plantea, onde a dor da existencia, infinita, poida aliviarse con outra ética e outra estética”. Grazas á xenerosidade do blog dos pelachos podemos ver o derradeiro minuto desta peza oratoria brillante, que foi recibida polo público de forma entusiasta.