Xavier Blanco, a sorpresa dos Premios Xerais
/en Música, Premios, Vídeos, Xerais/por bretemasXavier Blanco, o gaiteiro de Moaña, foi a grande sorpresa do serán dos Xerais 2007. No momento do desembarco, recibiu a todos os convidados tocando dende o outeiro coa dignidade e a elegancia dun gaiteiro de estirpe. Logo, durante o acto literario no Auditorio, interpretou cos seus instrumentos pobres tres temas que foron marcando senllos estoupidos de emoción e entusiasmo entre o público: “Mata o porco Pepa” (vasoira e cazo), “Moendo” (gaita de cana) e “A miña roseira” (tubela, táboa de lavar e dedais). Despois, durante a merenda-romeiría, de forma incansable e durante máis de dúas horas animou a festa, onde moito se cantou e bailou.
Hai tempo que admiramos a Xavier Blanco polo seu virtuosismo, polo seu traballo de investigación e docencia e pola súa destreza de luthier que permite a recuperación da memoria sonora deses instrumentos pobres que deitan a ledicia melancólica dos pasamarrúas interpretados co gaita de cana. O de Blanco é un modelo ben acaído de diálogo da contemporaneidade coa tradición, sen a mistificacións estrafalarias ou oportunismos comerciais. Xavier é un valor musical da nosa mellor música tradicional, que merece ser máis coñecido e valorado.
Vídeo: O blog dos pelachos.
Teresa Moure, discurso nos Premios Xerais 2007
/en Autores, Premios, Vídeos, Xerais/por bretemas"Minimaladas" de Carlos López
/en Autores, Literatura infantil e xuvenil, Premios, Vídeos, Xerais/por bretemasMinimaladas, a obra de Carlos López galardonada co Premio Merlín 2007, recolle oitenta e catro mini historias protagonizadas por animais, nas que destaca a súa orixinalidade e imaxinación. O xurado nestes textos breves (nalgúns casos apenas catro ou cinco liñas) salienta a súa capacidade para evocar imaxes, valéndose dun emprego lúdico da linguaxe, algunhas interesantes referencias literarias e dun tratamento moi innovador da creación lingüística.
Carlos López Gómez declarou, no momento de recibir o premio Merlín, que baixo o título de Minimaladas reuníu unha gavela de relatos moi breves protagonizados cada un deles por un animal diferente. “Por deformación profesional, dada a miña condición de humorista gráfico en prensa, as narracións comparten o denominador común do humor. Foi divertido escribilas; confío en que sexa divertido lelas”.
Vídeo: O blog dos pelachos.
"Illa Soidade" de An Alfaya
/en Autores, Literatura infantil e xuvenil, Premios, Vídeos, Xerais/por bretemasIlla Soidade, a obra de An Alfaya gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia 2007, relata a historia de Lucía quen, nunha viaxe en tren cando vai iniciar os estudos de xornalismo, vai rememorando a súa relación con Soa, unha esmoleira a que coñeceu cando pretendía deter unha vaga de insolidariedade cos indixentes que se produce no seu barrio.
Para o xurado do Premio Fundación Caixa Galicia “Illa Soidade é unha novela iniciática na que a personalidade da protagonista, Lucía, evoluciona grazas ao contacto con Soa, que nos descobre unha vida marcada pola paixón e a soidade, con reflexións sobre a autonomía persoal e o respecto polo diferente. A obra retrata a indixencia, afastándose de tópicos e concedéndolle voz a persoas que teñen o seu propio espazo nunha sociedade que habitualmente as silencia. Cada unha delas é unha illa chea de historias nas que raras veces somos quen de introducirnos”.
Vídeo: O blog dos pelachos.
"Cardume" de Rexina Vega
/en Autores, Narrativa, Premios, Vídeos, Xerais/por bretemasCardume de Rexina Vega foi a novela gañadora do Premio Xerais 2007. O texto da información que preparamos foi o que reproducimos:
Cardume presenta a historia familiar e persoal dos sobrevivintes a un tempo caótico, doloroso e triste; a un tempo aberto polo eclipse da República e dos seus ideais. A xuízo do xurado do Premio Xerais, faino dunha maneira certeira e sen vitimismo. A novela retrata un Vigo industrial e atlántico, simultaneamente cosmopolita e provinciano, que é crisol de personaxes que evolucionan, que se relacionan e que medran, e que, en definitiva, logran subsistir ás miserias dunha cidade desacougante.
A narradora comeza a relatarnos a historia no espazo murcho e desalentador do cemiterio civil de Pereiró, partindo do presente para evocar a memoria familiar. Dese xeito logra a caracterización dun período de tempo moi longo que retrata boa parte do século XX a través de varias xeracións, soprendéndonos coa recreación de atmosferas políticas, familiares, industriais, culturais, e retratos da emigración daquela época convulsa que deixou unha pegada imborrable nas persoas que a viviron.
O xurado resaltou tamén “a capacidade expresiva da novela a través dunha lingua poética e metafórica que evidencia unha clara vontade estilísitica”. Cardume reivindica a memoria, a insistencia na memoria como conformación da identidade do presente. “Eu só quixera prolongar un pouco máis a permanencia, atrasar o devalo destas vidas menores”, afirma a voz narradora da novela.
Rexina Vega, cando soubo que a súa obra fora premiada, declarou que “esta é unha primeira novela, una primeira novela serodia, que chega cando xa vai fóra a mocidade. Este libro está escrito mentres os nenos, os meus nenos, dormían. Desde que teño uso de razón quixen ser escritora e tardei moito, tanto que crin que ese desexo ía apodrecerme dentro. Quixen probarme por fin na escritura de ficción, liberarme das trabas da eséxe, do saber institucional ao que estaba afeita na escritura da crítica e do ensaio, e deixei, por primeira vez, que a escritura fose algo libre e gozoso, un discurso non vicario”.
Con respecto a novela gañadora definiu Cardume, banco de peixes, como “un álbum de recordos novelados, un libro feito de memoria e de reescritura da memoria. Combinando información e invención, a novela pretende establecer unha autobiografía a través da reconstrución de persoaxes aos que só se coñece por medio dos relatos familiares. Trátase da busca de sentido á propia vida a través da recuperación dos fantasmas do pasado; e tamén da historia da transmisión da memoria dos vellos aos novos, da relación desesperada e urxente entre a vellez e a infancia”.
Rexina Vega é doutora en Filoloxía Románica coa tese Bilingüismo e autotradución en Álvaro Cunqueiro. Sobre este autor ten publicados numerosos artigos e estudos, entre os que salienta Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación, premio Carballo Calero de investigación. Durante os anos noventa exerceu a docencia na área de filoloxía galego-portuguesa na Universitat Autònoma de Barcelona. Desde este ámbito desenvolveu unha intensa actividade de divulgación da cultura galega na sociedade catalá. Exerceu a crítica teatral na revista El Público e a crítica literaria para, entre outras publicacións, Quimera, Anuario de Estudos Galegos, Grial ou A Nosa Terra. Dentro do eido da lexicografía, ademais da publicación de artigos teóricos no Instituto Cervantes e en actas universitarias, traballou como redactora de numerosos diccionarios bilingües da editorial Larousse e no Diccionario Vox galego-castelán. É premio Sthendal, e finalista do premio nacional de tradución, pola obra de Georges Perec El secuestro. Responsabilizouse da edición dos artigos ensaísticos de Suso de Toro publicados por Xerais baixo o título Ten que doer. Literatura e identidade. Actualmente é Profesora asociada do departamento de lingua española na Universidade de Vigo e profesora de lingua e literatura galega no Instituto San Tomé da mesma cidade. Cardume é a primeira incursión na creación literaria desta autora.
Vídeo: O blog dos pelachos.
Retrato de muller
/en Artes Visuais, Vídeos/por bretemasVía: Pedro Valadés.
Lectura e escola
/en Lectura, Vídeos/por bretemasRecomendo esta visión alentadora de Antonio Basanta sobre as relacións entre a lectura e a escola. Un alegato optimista da lectura, concibida coma unha vangarda para un desenvolvemento sostible. Unha moi razoada argumentación sobre a importancia das bibliotecas públicas e da necesidade de concibir as bibliotecas escolares como epicentro da comunidade educativa. Unha reflexión que propón un ecosistema lector, chantado tanto sobre o mundo do libro como de Internet. Sete minutos de auténtica síntese sobre tema.
Vía: Tokland
A ortografía é unha actitude
/en Lingua, Vídeos/por bretemasLinguas cruzadas
/en Beizóns, Lingua, Vídeos/por bretemasNon tivera oportunidade de velo cando o emitiron o 17M. Valioso. Moi valioso para entender o que está sucendo co uso do galego entre a xente nova. Beizóns, María e Mónica!
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- O triángulo vermello25 de Decembro de 2024 - 11:47 a.m.
- A estrela dos afectos24 de Decembro de 2024 - 10:56 a.m.
- Solsticio celta23 de Decembro de 2024 - 9:44 a.m.
- Os Baltar18 de Decembro de 2024 - 4:17 p.m.
- AVE polo Miño17 de Decembro de 2024 - 7:05 a.m.