Harold Pinter en Galeuzka
Recomendo a lectura do artigo de hoxe de Méndez Ferrín.
Recomendo a lectura do artigo de hoxe de Méndez Ferrín.
A verdade é que nunca pensara no debate que mantivemos estes días no blo sobre as candidaturas ao Nóbel que eu puidese chegar ser este ano un dos seus editores. Eis a sorpresa marabillosa que hoxe nos deu o rabudo antibelicista Harold Pinter, membro de Amnistía Internacional, autor dramático case inédito en España (publicado ata 2003 só en catalán en galego). Desque coñecimos a noticia, precipitáronse as chamadas e felicitacións e preparei as presas esta nota de prensa que aquí reproduzo:
Grazas a un comentario que hoxe publicaron neste blo, sabemos do proxecto de Rinoceronte editora. O proxecto de Moisés R. Barcia, tradutor de Tolkien e antigo responsable do Cartafol, iniciará a súa andaina cunha tradución de Julian Barnes e con outras importantes novidades de literatura europea. Felizmente algo se está movendo no mundo editorial galego con estas novas propostas, ás que decontado se engadirán outras. Boa travesía, Rinoceronte!
A presentación da colección Clásicos Universais encheu o Caixanova. A verdade é que o acto foi entretido e, nalgúns momentos, moi interesante. Foron magníficos o discurso moi propositivo e literariamente fermoso da conselleira Ánxela Bugallo e a actuación musical de Fran Pérez (un descoñecido para a maior parte dos presentes). O presidente da RAG, grande orador, ensaiou unha peza emotiva -pronunciada devariño e case recreándose en cada unha das palabras- sobre a necesidade de recuperar a lingua no ámbito familiar (apelando á responsabilidade das nais) e de utilizala no mundo empresarial (lembrando que ao facelo os patróns e financieiros non minguarían os seus beneficios); aínda que, desgrazadamente, o bo de Barreiro errou o tiro cando reclamou á utilización do galego no estadio de Balaídos (unha realidade xa dende o acordo da corporación en 1988) e cando presentou á nosa coma unha lingua de orixe aldeana.Os editores quedamos satisfeitos coa colección, tanto pola escolla realizada (bastante representativa do díficil camiño da tradución en galego), como polas calidades da edición (comprobamos co primeiro exemplar na man, que os libros son dignísimos). Agardamos que a biblioteca teña boa acollida. O primeiro volume repártese gratuitamente o domingo e os dous seguintes o martes a só 1 €. Pode dicir algúen que estes libros galegos son caros?
Cando subo a imaxe, comprobo que os editores que nos situamos no recanto esquerdo, a pesar de estrear garabata italiana, nunca saímos na foto. Será posible, Brétemas?
Urxencias editoriais obrigáronme esta fin de semana a facer unhas primeiras probas da tradución da primeira novela de Alexandre Dumas (fillo). A versión galega de Antonia Vega Prieto, publicada en Bivir, é magnífica. Non agardaba mergullarme tan doadamente no enredo dun amor imposible que dera pé á Traviata e, posteriormente, a Camille, a versión cinematográfica de Cukor, interpretada pola Garbo.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
