A dama das camelias

Urxencias editoriais obrigáronme esta fin de semana a facer unhas primeiras probas da tradución da primeira novela de Alexandre Dumas (fillo). A versión galega de Antonia Vega Prieto, publicada en Bivir, é magnífica. Non agardaba mergullarme tan doadamente no enredo dun amor imposible que dera pé á Traviata e, posteriormente, a Camille, a versión cinematográfica de Cukor, interpretada pola Garbo.
A tradución destes clásicos é unha das tarefas urxentes da nosa edición. Esforzos como os da Biblioteca Virtual da literatura universal en galego, que xa conta cunha importante nómina de obras, merecerían ser apoiados con decisión pola nova Consellaría de Cultura. Acometer un Plan Nacional de Tradución, acordado entre as asociacións de tradutores e editores e os responsables da administración, que permitise publicar un centenar destes títulos nun periodo de catro ou cinco anos, sería unha empresa que verdadeiramente merecería a pena.
1 comentario
  1. Martin Pawley
    Martin Pawley Dice:

    É dicir, normalizar a publicación de traducións e de clásicos da literatura. Que non pareza que o pouco que se edita se deba fundamentalmente á vontade, ao esforzo e tamén -por que non?- ao capricho dun traductor e un editor. Porque ao mellor René Caillié é fascinante, non o discuto, pero tamén sería moi útil ter obras de Charles Dickens en galego. E libros de divulgación. E de cinema.

Los comentarios están desactivados.