Chapapote Prestige

Daquela non existían estas brétemas. Este foi o artigo que publiquei en Faro de Vigo o 24 de novembro de 2002. Debe quedar no arquivo.

“Vivimos tristes, pendentes dese fío caprichoso da dirección do vento no mar estragado. Estamos desolados diante deste avalancha de chapapote viscoso e pegañento que abeira sobre o futuro deste país que chamamos Galicia. Volvimos quedar marcados por outro petroleiro, igual que noutrora sucedera co Polycomander, Urquiola, Erkovitz, Casón ou Mar Exeo. Os galegos fomos asaltados por unha sucesión de mareas negras, todas elas perfectamente evitables, que ao xeito do diapasón que marca o ritmo cadencioso do silencio, arrasa coa nosa esperanza. Esta marea de chapapote que nos luxa a mirada e o corazón prodúcenos moito malestar e, tamén ese cabreo imprescindible para rebelarnos cunha situación criminal que outros escolleron para nós.
Non lle botemos culpas ao vento, que brama pero non minte: o temporal, por furioso que fora, non é culpable. O do Prestige non é outro accidente máis, é unha marea negra, por moito que lles moleste a Aznar, a Cañete, a Cascos, a Matas ou ao delegado do goberno (para todos eles “manchas de fuel-oil baixo control” sic); si, unha marea negra que xa é, para a prensa internacional, dende o “Financial Times” a “Le Monde”, a maior catástrofe ecolóxica mundial provocada por un petroleiro. As causas profundas desta marea negra están na voracidade do capitalismo impaciente da globalización, no escaso peso político do goberno galego e no pouco respecto que ao goberno central lle merece Galicia como país diferenciado.
O Prestige encallou porque un tinglado de empresas case invisibles de non sei cántos países queren obter os máximos beneficios no transporte de fletes. Pouco lles importa a estes novos piratas, agochados tralo pano das bandeiras de conveniencia, as condicións de seguridade das súas embarcacións (vellas e remendadas) ou a capacitación das súas tripulacións (escasas e, seguramente tamén, mal pagadas). Velaí outro efecto perverso da globalización que protexe máis esa suposta liberdade de comercio destes empresarios da city londinense de rostro invisible (¿coñecen algunha foto deles?) ca os dereitos dos habitantes do planeta de conservar e protexer a calidade de vida nos océanos, un patrimonio natural e social que non cotiza nas bolsas internacionais.
A marea negra do Prestige sobre as nosas costas, que aparecen nos informativos de C-NN como “Galician coast” (existimos, si existimos), provocouse, tamén, pola falta de medios de salvamento (¿u-los grandes remolcadores?, ¿u-los plans de emerxencia?) e pola propia actuación dos responsables do goberno español, máis preocupados por aminorar os efectos mediáticos e políticos que a catástrofe podía provocar sobre eles, ca en solucionar un problema (indubidablemente, moi difícil e complexo de abordar) que estragará os medios de vida de milleiros de persoas e un patrimonio natural que o é dos galegos, dos portugueses e de toda a humanidade. Imaxinemos que esta marea se producise diante da Costa Brava catalana: ¿Aznar intentaría levar ao petroleiro cara ás augas francesas da Costa Azul? ¿Rajoy sobrevoaría a zona afectada un par de horas e marcharía, como se non vira nada doutro mundo, a un mitin do partido noutra comunidade? ¿Pujol inauguraría nos mesmos días unhas xornadas sobre o impacto medio ambiental da industria petroleira? ¿Contaríase con setecentos soldadiños da Armada para a limpeza das praias? ¿A sociedade civil catalana respondería da mesma forma paciente e resignada ca o esta facendo a nosa? Non, non son capaz de imaxinalo
Combater de forma eficaz os efectos desta marea negra e da que pode chegar (non esquezamos que Cíes, Ons e a Arousa seguen ameazadas) require máis medios; a solidariedade internacional (¡Gracias, Chirac!, ¡As nosas desculpas, irmáns portugueses!) é imprescindible e urxentísima, anque o prepotente goberno de Aznar teime en rexeitala. Precisa do apoio dos expertos e científicos das universidades e das organizacións ecoloxistas para tomar decisións fundamentadas e eficaces, que aquí se desprezan e, nalgúns casos, se combatan abertamente. Necesita axudas económicas inmediatas para todos os afectados que aquí parecen un “agasallo” que trae unha tarde o presidente. E, sobre todo, require artellar un plan de actuación claro e consensuado por todas as administracións, dende a Unión Europea aos concellos afectados, do que ata hoxe se carece. Eliminar ese chapapote viscoso que nos asolaga necesita de todas estas medidas e, tamén, que se escoite con contundencia a voz dunha conciencia crítica da sociedade galega. Velaí o noso envite para vencer o chapapote.”

Etiquetas:

Samaín: imposición ou impostura

Mario pedía nun comentario unha anotación sobre Samaín, para volver sobre o animado debate do pasado ano. Onte, vendo as desconexións locais na canle internacional da TVG (un exercicio moi interesante) puiden comprobar que a festa renace con pulo en toda Galicia, sendo múltiples as iniciativas, sobre todo no eido escolar. Mais, tras o artigo de hoxe de Ferrín, o debate volve estar sobre a mesa. Velaí como remata o texto (recomendo lelo completo) do mestre quen, como ben sabemos, non é un celtista convencido:

“O que nos di claramente que a festividade das bruxas e dos espíritos é unha reivención recente tamén en Escocia e Irlanda. A Festa foi lanzada unha vez adoptada como “tópico situacional” polo cine e a televisión norteamericana, que impuxeron Halloweein ao mundo en catro patadas e o mundo obedeceu, como é regra, ao Imperio. En rigor, até onte mesmo, no universo anglosaxón Hallowe´en ou Halloween ou Allhallows era só formas, e non as máis usuais, de designar a festividade realixiosa de Todos os Santos.
A noite de Halloween, do 31 de Outubro ao 1 de Santos, recibe en irlandés moderno, incluido o gaélico de Escocia, o nome de Samain. Aplícase (como en galego Santos) á festa de Todos os Santos e ao mes de Novembro. Do irlandés antigo Samana, a palabra, de raíz indoeuropea moi rendedoira significa orixinalmente algo así como “reunión, asemblea”. Non sabemos se a reunión de Todo os Santos que van en plan Santa Compaña facendo machin-in animados pola voz augardenosa de Louis Amstrong ou ben da reaunión da parroquia dos vivos coa dos nosos defuntiños. O caso é que existe hoxe en Galicia unha corrente ideolóxica celtista que pretende que o Samain ou Samhainn ou Oidche Shamhna, lonxe de ser algo exótico e irlandés ou escocés, constitúe unha celebración auténticamente galega (por celta) e da cal xa se teñen, tendo Ortigueira como punto de irradiación, escrito e difundido unidades didácticas nas escolas.
Vexa como, no tempo dun alustre, un costume imposto polo imperialismo norteamericano (Halloween) se transforma nunha falsa tradición céltica galega. Ou sexa=dunha imposición a unha impostura.”

Etiquetas:

Fútbol e literatura

No artigo da semana reflexiono sobre as relacións entre fútbol e literatura. Dedico o texto a Borja Oubiña, con todos os azos para a súa recuperación. A mantenta quixen deixar fóra a dimensión tráxica, que poden compartir fútbol e literatura, preferindo rematar con estas palabras da escritora camerunesa Calixthe Beyala: “O balón é redondo coma o planeta, coma ventre da nai, coma o sol. Cando un futbolista xuta ao aire semella que o balón vai tocar as estrelas. Na literatura tamén hai un desexo de tocar o ceo, de ir máis alá dos límites da vida cotián”. Quizais nese horizonte é, tamén, onde se atopan o fútbol e a literatura.

Etiquetas:

"To" un conto de Suso de Toro

Recomendo moi vivamente a lectura de “To“, un conto (inédito), a penas catro páxinas, de Suso de Toro, aparecido onte nun dos monográficos de verán da Revista das Letras de Galicia hoxe. Un relato sobre o transo do infarto, no que Suso de Toro volve a reflexionar sobre a identidade, neste caso a través da conciencia dos límites do corpo. Unha escrita explosiva!

Etiquetas: