New Horizons award

A de Bologna son dúas feiras do libro: a dos editores e a dos ilustradores. A segunda ten as formas das peregrinaxes. No hall central hai unha enorme parede cuberta de debuxos e tarxetas de contacto de artistas novos que chegan cos seus cartafoles cheos coa esperanza de poder atopar un editor. Non é doado facerse un oco entre tanto rebumbio.
Interesoume a exposición de ilustradores. O mellor: o espazo dedicado a Max Velthuis, o holandés que morreu o pasado ano (Xerais publicou dúas series de catro títulos dos seus traballos para primeiros lectores). A simplicidade do xesto gráfico e o clasicismo da técnica (mestura de gouches e lapis) non perden un ápice de modernidade. Bonito e orixinal traballo è, tamén, o dunha ilustradora coreana, Hee-Na-Baek, que mestura fotografìa, colaxe e trazo, e o dunha xaponesa, Yusuke Yoneza, que fai unha caras cuns ollos que lembran aos que facìa Dìaz Pardo.
O de Espanha como país convidado é un pequeno (ou grande) fracaso. O salientable: a arquitectura efìmera da exposiciòn de ilustradores (sò un artista galego). A ministra Carme Calvo suspendeu a súa presenza na inauguración, por mor de atender asuntos máis importantes; algún dos responsables do Ministerio falaba en “petit comité” que preferira non perderse a Feira de Abril. Sexa coma for, Calvo demostrou no primeiro ano do seu mandato que non é unha persoa de letras; ela prefire cousas máis aparentes. Viva o espectáculo!
O estand de Galicia é bo. Amplo, ordenado e bastante vistoso. As pezas de Xan López Domìnguez son o máis gabado polos visitantes. O cadro galego estaba hoxe formado por media ducia de membros da AGE, dous escritores (convidados polo ministerio) e dous funcionarios da Consellaría. Non había, como ven sendo tradicional xa nos últimos anos, ningunha presenza institucional.
Manhá tratarei de ver os libros premiados. Chámame a curiosidade o “New Horizons Winner”, titulado Ubucuti bw´imbeba n´inzo vu, de John Kilada, de editions Bakame de Kigali, Rwanda.

Mellor libro do ano

Onte á noite fomos a Auria a participar na cerimonia de fallo dos Premios Irmandade do Libro organizados pola Federación de Libreiros de Galicia. Tivemos a fortuna de recibir o premio ao mellor libro de 2004. Foi unha alegría, sobre todo, porque supón un primeiro recoñecemento para o traballo xigante que realizou Antón Costa durante unha década.
Os editores debemos agradecer a existencia de premios a obras xa editadas (moi escasos en Galicia), porque supoñen unha visibilidade para o noso traballo. Agradecemento maior cando son os libreiros (eses militantes fantasía da causa da lectura) os que recoñecen a calidade dunha obra inserta nunha concepción da edición estritamente cultural, que, ademais, e a pesar das súas dimensións (1.280 páxinas), non recibiu axuda ningunha institucional para a súa publicación. Feito máis significativo, aínda, por non tratarse dun libro literario, que xeralmente reciben unha maior atención. Agardo que este premio nos axude a continuar dando a coñecer unha obra da que, tanto o seu autor como os editores, nos sentimos tan orgullosos.