Revista Naz-on

O vindeiro martes, 21, as 20:00 horas, preséntase en Sargadelos de Vigo a nova revista de cultura Naz-on. Eloi Caldeiro propón un magacine bimensaul que pretende prestar atención aos produtos da industria cultural galega, especialmente literarios e musicais. O primeiro número ábrese cunha entrevista a Ferrín, preparada por Henrique Costas. Eloi tivo a deferencia, que agradezo, de convidarme a publicar neste número un artigo sobre a situación cultural en Vigo. Longa vida para Naz-on!

A lingua dos xornais

Recomendo este lúcido texto de Veloso sobre o uso que se está facendo do galego nos nosos xornais impresos de maior difusión. O autor non é un sociolingüista, o que quizais lle permite interpretar a cuestión de forma máis independente, clara e veraz. Agradécense estas análises onde non aparecen táboas estatísticas e baseadas, pola contra, na experiencia mamada na rúa. Parabéns, amigo Veloso.

Dez anos de fantasía

Os dez anos de Vieiros son dez anos de fantasía colectiva. O seu editor, Lois Rodríguez (modelo de discreción e teimuda coraxe), e o seu equipo de profesionais demostraron que en Galicia tamén é posible vivir nun país normal, que emprega a súa lingua de forma orgullosa e asume sen complexos o tempo contemporáneo.
Vieiros, contra vento e maré, cun esforzo humano de xigantes, amosa que a proeza de facer xornalismo electrónico de calidade en tempos difíciles é posible en galego. Vieiros educounos a moitos na rede, guiounos nas descubertas e convenceunos, se eramos incrédulos ou tiñamos dúbidas, das posibilidades da súa nova textualidade e capacidade comunicativa.
É de xustiza recoñecer hoxe o esforzo e o valor dos pioneiros, especialmente de Daniel, de quen tanto aprendimos. Beizóns de corazón e longa vida para todos os que fixeron, fan e farán posible que continúe esta fantasía.

Faro de Galicia

Haberá Faro de Galicia, ADN e quizais algo máis. O tempo novo require novos medios.

Mudarse á radio galega

E seguindo con dicas de música, é moi recomendable, tamén, escoitar Aberto por reformas, o espazo que de catro a cinco anima Xurxo Souto na Radio galega. Quen dixo que non se podía facer un programa diario de música galega? É unha auténtica marabilla: un derroche de creatividade e entusiasmo, divertido, indagador, potente e comprometido cunha visión contemporánea da nosa industria cultural. A calidade e interese deste espazo de Xurxo Souto desmente, como outros de moitos dos seus colegas (dende a marathón da mañá de Xusto López Carril, pasando polo rigoroso informativo da noite de Tino Santiago ou o excelente Extrarradio das fins de semana), algunhas profecías apresuradas e comentarios cainitas. Unha vez máis, aconsello aos radioaditos (confraría da que formo parte) mudarse á radio galega.

Radio pública

Esta noite fun ao acto de presentación da nova programación da Radio Galega. O Marco tivo un cheo dos que non se recordan. Xurxo Souto, máis serio do que adoita, conduciu con entusiasmo e sobriedade o acto, aínda que non se puido conter e botou unha bonita repichoca das súas. Xusto López Carril fixo un discurso emocionado e formalmente moi ben construído insistindo no valor da radio para a cidadanía. Terio Carrera entusiasmou pola súa velocidade para presentar a abundante programación deportiva. E, como remate, os directores da emisora e da compañía defenderon con convicción o proxecto dunha nova radio independente ao servizo de todos, sen vetos nin exclusións (idea reiterada por ambos os dous e pola maioría dos oradores). O humor púxoo Carlos Blanco (o mellor do seu parrafeo foi o saúdo que lle fixo ao Pérez Varela) e a música final a xente de Espido.
Teño moitas esperanzas neste proxecto de rexeneración dos medios públicos, que na radio está comezando a dar os primeiros froitos e que no futuro poden ser ben aquelados. Conectar coa audiencia da cidade-autoestrada (sobre todo cos sectores da mocidade) e asentar un verdadeiro pluralismo informativo son dous retos ilusionantes polos que paga a pena colaborar coa nosa radio pública en galego. Semella que existen alicerces ben chantados para facelos posibles.

Vieiros en papel

Vieiros aparecerá en edición impresa gratuita con motivo do partido da selección. Unha grande noticia. Ogallá esta iniciativa sexa o inicio dun novo camiño de esperanza para a prensa en galego. Moito pulo, si señor. Beizóns entusiastas para o admirable equipo que dirixe Lois!

Podemos ler outra prensa?

Co que está chovendo estes días, semella máis necesario ca nunca ler, tamén, outra prensa. Para poder conformar un criterio máis rigoroso, e a pesar das súas diferenzas ideolóxicas, eu visito, sempre que podo, algúns medios editados en Barcelona. Non está de máis comparar as opinións que sobre o Estatut e a visita de Ibarra a Zapatero aparecen hoxe en El Periódico ou en La Vanguardia con esta e estoutra. Por riba, se adoptamos este sano costume de non acudir só á prensa madrileña, poderemos gozar coa lectura de “La Contra” , unha das seccións máis orixinais e sorprendentes da prensa en papel que se publica cada día en España.

Despido

No descanso do partido non falamos doutra cousa. Os veciños de Sal sabemos da importancia desta noticia e da influenza política que durante as dúas últimas décadas tivo na cidade este xornalista.